vb2rodriguezbaixeras2.html
Nacín en Tarragona,
cidade a onde meu avó paterno, que era de Nois (Foz) e militar, foi destinado.
Meus pais tamén naceron nesa cidade.
Meu pai, que era secretario de administración local,
tivo o seu destino na Pobra do Caramiñal. Pero miña nai, que era moi catalana,
quixo que eu nacese en Cataluña e levoume a ver a primeira luz ao
Mediterráneo. Na Pobra, e logo en Ribadeo, o segundo destino, falábanse tres
linguas na casa: o catalán entre os meus pais e a miña nai comigo, o castelán
do meu pai, que era de mentalidade "conservadora", comigo e meus
irmaos, e o galego das criadas entre elas e, por veces, tamén connosco. Eramos
cinco irmaos e agora catro, pois o pintor Rafael Baixeras faleceu. Antonio R.
Baixeras escribiu narrativa e Enrique Baixeras foi un dos pioneiros do cine
galego de comezos dos setenta. Teño tamén unha irmá.
E alá estabamos todos en Ribadeo pasando unha fermosa,
aínda que ventada, nenez, estudiando coas Monxas e logo cos Hermanos de la
Instrucción Cristiana e de exámenes públicos por Lugo, cando meu pai decidiu
trasladarse a Segovia como secretario da Deputación. Tiña eu doce anos. Aínda
que o cambio foi moi considerábel, non chegou a ser total, pois os veraos, que
daquela eran longos, pasabamolos en Ribadeo, na mesma casa onde vivíramos antes
e que fora construída pola miña bisavoa, a señorita de Nois, a finais do
século pasado. Tamén coñecín a aldea: de cando en vez, no verao, meus pais
desfacíanse de min na casa de Nois, onde entón rexía unha filla da devandita
señora.
En Segovia estudiei o bacharelato nun colexio
claretiano e fixen a mili. Coñecín a universidade de Valladolid, onde fun
alumno do pai de Emilio Alarcos, e, con máis demora, a de Madrid, onde me
licenciei en Filoloxía Románica. En xeral, non gostei do ambiente, e iso que
vivín sucesos tan soados como os do 68. O mellor, no bar. Vivín nun colexio
maior deses de criada con cofia e gravata obrigatoria no comedor. Un día, lin
no ABC que se daban clases sobre Galicia na delegación da UNESCO, e alá fun. O
director do asunto era unha persoa entrañábel, Ben-Cho-Sei. Durante un tempo,
desembocamos todos na casa de Reimundo Patiño, onde aínda quecía o último
remol da Brais Pinto. Patiño, "raio tolo", presencia arrebatadora,
duradoira amizade. Desa époa é a miña primeira publicación en galego, un
poema titulado "Os solpores de Gloria", que saíu na revista católica
progresista "Signo", en número especial dedeciado a Galicia.
Cando, no ano 1970, me despedín de Segovia, pois meu
pai pediu o traslado para A Coruña, déronme un premio por un libro de poesía que
publicaría ao ano seguinte en Salamanca,
"La ciudad sumergida", dedicado a Segovia, cidade que sempre amei. En
A Coruña dei as miñas primeiras clases, no instituto "La Milagrosa"
(actualmente "Ramón Puga"). Casei e, dalí a un tempo, saquei unhas
oposicións de agregado de instituto, con praza en Palma de Mallorca, onde
vivín tres anos. Integreime ben, en parte gracias ao meu coñecemento do idioma
e á amizade co poeta Josep Mª Llompart, cuxa encantadora esposa era
compañeira no instituto.
Pero mudaron os tempos e eu, aínda que estaba ben na
illa, devecía por ver como mudaban en Galicia. Así que pedín traslado para
Vigo, cidade coa que non tiña nada que ver, pero que me parecía entón
axeitada no caso de me establecer nesta terra. Comecei a entrar en contacto con
escritores e xente da cultura de aquí, a estudiar en serio o galego e a cultura
galega, a escribir libros nesta lingua xa
pasaba dos trinta anos cando publiquei o primeiro,
a frecuentar Portual e a traducir. Tamén fixen algunhas viaxes interesantes, á
Rusia do antigo réxime, a Puerto Rico, a Perú... Teño dous fillos varóns e
unha femia.
E velaquí me tendes, na cidade estrépito de Ferrín,
esperando a xubilación e, sobre todo, o verao. O verao de Nois, onde enterrei
aos meus pais.
|