Xerardo Quintiá


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb1xerardoquintia.html

     É moi posible que Xerardo Quintiá nacese aló polo ano 1970, en Friol, nunha casa situada á beira do monte Oroso; como asemade, tamén é de todo posible, que ós dous ou tres anos, os pais de Xerardo Quintiá emigrasen a Londres; daquela, o neno que era Xerardo Quintiá, criouse na casa de seus avós maternos, Anxel e Anuncia: nunha casa de pranta baixa á beira da estrada entre Friol e Palas de Rei. Todo isto non impediu que aquel neno seguise véndose case todas as semanas cos seus outros avós, Dosinda e Pedro; xa que Pedro íao buscar acabalo dunha besta e levábao para aquela casa que estaba situada a beira do monte Oroso e, algúns días despois, ía Anxel outra vez e volvíao levar para aqueloutra casa que estaba a beira da estrada entre Friol e Palas de Rei.
     Tamén é moi posible que axiña comenzara o neno Xerardo Quintiá a ir a escola e que, aquela primeira escola, fose unha desas escolas rurais que había nos pobos; unha escola onde mesturaban os nenos de catro anos cos de dezaseis e onde había sabañóns e rochos e peollos e varas para os castigos e carballeiras para xogar. Despois, dous anos despois daquelas escolas rurais, ó neno Xerardo Quintiá mandárono ó Centro Escolar de Friol e, dende alí, ó Seminario e, dende o Seminario, ó Instituto Lucus Augusti. Pero quizabes de todo iso sería mellor non falar; porque se falasemos de todo iso, habería que dicir tantas e tantas cousas que isto deixaría de ser unha biografía-(auto) para convertirse en algo moito máis pretencioso.
     En fin...; se acaso afirmar que naqueles primeiros tempos da súa adolescencia, foi cando a Xerardo Quintiá lle deu pola teima da literatura e que comenzou a escribir como quen comenza a soñar, sen case darse de conta e sen saber para qué carallo poderían servir todos aqueles folios que ía enchendo case dun xeito automático, irreflexivo e anárquico; ata que, ó cabo, chegaron as primeiras colaboracións para algún suplemento literario e para algunha revista especializada. E despois, anos despois, foi cando chegou o primeiro libro publicado, a primeira novela, esa primeira obra que sempre sabe doce e amarga a un mesmo tempo e que, posiblemente, Xerardo Quintiá fose a cotemplar no escaparate daquela librería que había na Praza do Campo, cando xa dentro da librería non quedaba ninguén que o puidese ver mentres el vía aquel soño seu feito libro, alí, entre outros libros que antes tamén foran soños; seguindo aínda sen saber para qué carallo podería servir todo aquel teimudo traballo de encher folios e máis folios.
     Pero antes de todo iso dicir que Xerardo Quintiá traballou; primeiro como camareiro, logo como recepcionista nun bingo, despois como comercial de roupa íntima de muller; dicir tamén que casou e tivo un fillo, que deixou os Ducados en caixa dura para pasarse ós Reig Mini sen filtro, que foi ó cine unha chea de veces, que un día rapou o cabelo e que aquel día se decatou de que lle medrara unha man na cima da cabeza; pero vaia, esa historia, a historia da man na cima da cabeza, é moi posible que se trate dunha historia que non lle interase a ninguén, así que quizabes sexa convinte, moi convinte e razoable, porlle o punto e final a esta biografía-(auto) sobre Xerardo Quintiá, así, sen dar moitas máis explicacións sobre aquel que, posiblemente, nacera en Friol, aló polo ano 1970, un día 28 do mes de marzo.



* A fotografía é de Damián Varela.

[En Lugo 12 de Marzo 2002]


¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega