Xes%FAs Alonso Montero


 

Novidades
Obras
Biografía
 
mb2rosalia.html

    Ensaísta e polígrafo nado en Vigo en 1928. Pasou a súa infancia e adolescencia en Ventosela (Ribeira do Miño), a terra dos seus pais. Por idade e actividade, pertence á xeración de escritores que comezaron o seu labor intelectual e cultural após a Guerra Civil Española.
    Licenciado en Filosofía e Letras na Universidade de Madrid con Premio Extraordinario, doutórase en 1966 na Universidade de Salamanca cunha tese sobre Curros Enríquez. Militante do Partido Comunista desde 1962, foi represaliado en varias ocasións por mor das súas actividades políticas chegando incluso a ter que ser trasladado no curso 1975-76 ao instituto de Montilla (Salamanca). Foi Catedrático de Lingua e Literatura Españolas de Escolas de Maxisterio, exercendo en Palencia, Lugo e Madrid. Actualmente é membro da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega así como Catedrático Emérito de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela.
    No campo da sociolingüística pode reclamar para si o papel de iniciador dos estudos sociolingüísticos modernos sobre o galego con obras como : O porvir da lingua galega (1968), O que cómpre saber da lingua galega (1969) ou o polémico Informe -dramático- sobre la lengua gallega (1973) onde retoma as súas teses apocalípticas sobre o galego marcando incluso unha data para a morte do galego; esta obra será contestada desde diversos sectores.
    Ë autor de estudos sobre os máis importantes escritores galegos: Rosalía de Castro (Páxinas sobre Rosalía de Castro, 1954-2004), Curros Enríquez (Curros Enríquez no Franquismo, 1936-1971), Leiras Pulpeiro, Luís Pimentel (Luís Pimentel: biografia da súa poesía), Celso Emilio Ferreiro (Celso Emilio Ferreiro) ou Luís Seoane (As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane). Publicou tamén obras sobre outros moitos escritores da nosa terra: Mendiño, Neira Vilas, Lorenzo Varela, Vicente Risco, Ramón Cabanillas ou Álvaro Cunqueiro. Mais tamén son numerosas as súas incursións noutros ámbitos da literatura galega: a poesía popular, poetas alófonos en galego e, nomeadamente, a problemática social e cultural do idioma galego. O seu labor de estudoso non se cinxe unicamente á literatura en galego posto que tamén conta con estudos sobre autores da literatura española como: Antonio Machado, García Lorca, Unamuno ou Valle-Inclán. Alén disto, é cualitativa e cuantitativamente salientábel o seu traballo como colaborador na prensa galega; parte desta tarefa foi recollida en Beatus qui legit: artigos periodísticos (1998-1999). Hai que destacar tamén o seu papel como conferenciante, nomeadamente en España e América.
    Como poeta ten publicado, entre outras: Versos satíricos ó xeito medieval ou Versos republicanos. Alén das súas obras da autor, tamén realizou compilacións poéticas de homenaxe a autores das nosas letras: Coroa poética para Castelao (1988), Coroa poética para un mártir (1996), Coroa literaria para Roberto Blanco Torres contra a súa morte (1999) e 47 poetas de hoxe cantan a Curros Enríquez (2001).
    Ao longo da súa extensa carreira profesional recibiu varios galardóns entre os que destacan: o premio Galicia de Xornalismo (anos 1986 e 1990), o premio Nacional de Xornalismo Julio Camba (1988) e o premio Otero Pedrayo (1989).

 

[Novembro, 2006]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega