vb2bernardezvilar2.html
Nacín en Marín o día
5 de abril de 1936. Os meus pais eran entón mestres de escola nas aldeas de
Pardavila e Santa María do Campo, pertencentes ó mesmo Concello. Foi nestes
lugares, e polo contacto cos rapaces dos mesmos, onde deprendín a falar e a
amar o galego.
En xaneiro de 1943, pouco antes de cumprir os sete
anos, a miña familia trasladouse a Dornelas, unha parroquia das inmediacións
do aeroporto vigués de Peinador, naquel intre aínda en fase de construcción.
Ós dez anos ingresei no Instituto "Santa
Irene" de Vigo, onde fixen o Bacharelato, que rematei en xuño de 1953, na
derradeira das promocións do chamado "Plan 1938".
Tres anos despois, e mentres estaba a estudiar
Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra, aprovei unhas oposicións para
Auxiliar Administrativo da "Caja de Ahorros y Monte de Piedad Municipal de
Vigo", hoxe Caixanova, na que, en xaneiro de 1957, dei comezo a miña vida
laboral. Alí tiven a fortuna de coñecer a Xaime Isla Couto, Asesor Xurídico
da entidade, e a través del, a relacionarme cunha boa parte da intelectualidade
galega.
Posteriormente, fixen amizade co Padre Seixas quen, no
mes de xullo de 1969, me converteu nun dos primeiros en se casar en galego,
bautizando e inscribindo, tamén na nosa fala, ós meus fillos, Paulo, Adrián e
Sabela.
Entre 1990 e 1995, e sen deixar de traballar, fixen a
licenciatura de "Xeografía e Historia" na Universidade de Vigo. Pouco
despois, ó chegar ós sesenta anos, e a causa da fusión que se estaba a
artellar entre as tres Caixas do sur de Galicia, fun, o mesmo que outros moitos
compañeiros, prematuramente xubilado, cando acadara a categoría de "Xefe
de Sección". Esta nova situación permitiume facer o Douturamento da mesma
carreira, no período 1996-1998.
Resido en Vigo dende 1952, e son lector xa dende moi
neno. Responsable, a miña nai, incansable devoradora de libros e excepcional
narradora de contos, quen soupo orientarme dende o primeiro momento
seleccionándome as obras máis axeitadas para conseguir unha formación
equilibrada. Na actualidade posúo uns oito mil libros, e moitísimos máis
"cómics".
Outras das miñas afeccións foron os deportes, dos que
practiquei: fútbol, atletismo, balonmán, hockey-sala, hockey sobre herba, e
tenis. Así mesmo, fun presidente do "Colexio de Árbitros de
Balonmán", anos 1962-64, e colaborei en "Faro de Vigo",
"Faro Deportivo" e "El Pueblo Gallego", ó longo de moito
tempo, facendo as crónicas sobre Hockey. Dirixín o semanario "Galicia
Social" no período 1964-68, en el publiquei a miña traducción dos
evanxelios á nosa fala.
En 1965 fun co-fundador da "Asociación
Cultural" de Vigo, por decisión da cal pasei a colaborar, entre 1965 e
1975, na emisión "Raíz e Tempo", en "La Voz de Vigo", a
primeira que se fixo en galego despois da Guerra. O meu traballo consistiu na
confección duns oitocentos capítulos compendiando a Historia de Galicia. Estes
capítulos foron sucesivas veces repetidos tanto en "La Voz de Vigo",
coma en "Radio Ecca".
Dirixín, así mesmo, a revista "Latexo", dos
empregados de Caixavigo, cousa que aconteceu ó longo dos períodos 1966-1970, e
1993-1997.
O cine, a música, e as viaxes, figuran tamén en
lugares preferenciais na miña escala de valores, tendo percorrido todos os
lugares que se relacionan tanto coa temática das miñas novelas coma cos
traballos de investigación efectuados.
Respecto á miña incursión no planeta da literatura,
e deixando á parte as arrepiantes, e inéditas, historias que se me ocorreron
entre os dez e os quince anos, ou as cativas colaboracións ás que me acabo de
referir, o meu primeiro traballo serio foi "Un home de Vilameán. Anatomía
de revolución Irmandiña", publicado en Montevideo en 1976. Os demais
foron aparecendo máis tarde, pouco a pouco, así coma os premios:
"Patronato da Cultura Galega de Montevideo", 1975, "Accesit do
Modesto R. Figueiredo", 1983, "Galicia", de Investigación, 1984,
"Casa de Galicia de León", 1984, "Xerais", 1986,
"Xesús Taboada Chivite", de Investigación, 1992, "Narrativa do
Concello de Vilalba", nos anos 1993 e 1999, "Teatro", da
Universidade de Vigo, 1998, "Segundo Premio Historia Medieval de
Galicia", 2002, "Traducción", da Universidade de Vigo, 2003, e
outros de menor entidade, como o do "130 aniversario de "Faro de
Vigo", ou diversos accesits de contos de "O Facho", da Coruña, e
do "Centro Galego de Baracaldo", e outros que sinto non lembrar agora.
A Real Academia Galega nomeoume Académico
Correspondente o 22 de febreiro do 2003. Desde xullo de 2011 son Doutor en
Xeografía, Arte e Historia, pola Universidade de Vigo, coa tese El mundo antiguo
a través de la "Ora Maritima" de Rufio Festo Avieno.
[Actualización: 19-4-2013]
|