vb3xcgarrido.html
Nacín na Estrada o 5 de
Xuño de 1965 aínda que no meu DNI figura o día 8. Esa será a primeira dunha
longa lista de disfuncións entre a miña identidade oficial e a real porque
resultaba moi estraño no medio rural no que me criei a existencia dun xeito de
falar tan diferente do idioma oficial e que a min só se me ocorría explicar en
canto se debese a unha dexeneración deste produto da falla de estudios da
totalidade do entorno no que eu medraba. Por iso tanto me sorprendeu uns
adhesivos que apareceron a principios dos 70 nos coches e que poñían
"Falemos galego". Como se podía reivindicar que se falara mal o
español?
Como calquera neno normal veraneaba a conta da OJE e
dos Salesianos e ía a catequese todos os sábados, e para min e parecíame que
para todo o mundo, a Falanxe non era unha organización política e o
catolicismo non era unha relixión senón que era o mundo natural e eterno,
inmutable e correctamente ordenado no que habitábamos. Un mundo que pronto
manifestou as súas propias contradicións e que empezaron a dinamizar por si
mesmas as súas propias premisas pola lóxica incompleta que posuían. Por
exemplo eu preguntábame como é que se os Rusos eran ateos e os ateos ían ao
inferno, que culpa podía ter alguén de nacer Ruso e como se pode castigar a
alguén sen ter culpa?
A excursión de octavo de EXB a Asturias e Santander
deixounos claros a moitos que nós eramos outra cousa. Para que logo digan que o
nacionalismo se cura viaxando. O caso é que finalmente uns cuantos alumnos de
"Cristo Rey", colexio que facía honor ao seu nome, saímos de alí
ateos e nacionalistas. Despois de toda a infancia esforzándonos por falar
correctamente o español, cando xa conseguíramos ser monolingües nesa lingua,
tiñamos que esforzármonos de novo para cambiar ao galego.
A expresión deses sentimentos canalizábase a través
da Asociación Cultural "A Estrada", na que traballei toda a miña
vida e ADEGA na loita contra os vertidos nucleares, e sobre todo contra os
encoros do Ulla. Pero politicamente contactei con "Esquerda Galega" no
ano 1981 porque non entendía moi ben como ocorreu cunha maioría de xente
o maior nivel de confrontación que mantiña o BN-PG, mais sobre todo porque me
terían botado da casa se chego a participar nas súas movilizacións marcadas
pola represión e a criminalización. Mais isto resolveuse na Universidade
(1983) onde ERGA era o que se movía e na casa non se decataban do que estaba a
facer ata que finalmente me deron por perdido: entrei en ERGA e nos CAF nas
loitas do ano 83-84, e logo xa viñeron as folgas xerais, autonómicas do 85,
tractoradas e máis tractoradas.
Licenciado en Filosofía no 87 en pleno auxe da
Plataforma contra as cotas, funme implicando no conflito do leite ata que a
crise de LARSA e o impago aos gandeiros de COASTRA, a cooperativa máis
importante da Estrada, obrigou a unha total dedicación para dar resposta a este
problema. Abandonando xunto con outros compañeiros da miña xeración e
doutoramento e aparcando os estudios, moitos tivemos que militar nun refundado
Sindicato Labrego Galego para poder facerlle fronte ao que se nos viña enriba
desde unha CEE ávida por desfacerse de competidores.
Conseguiuse implantar o sindicato en todo o norte da
provincia de Pontevedra e en pouco tempo, con escasos recursos e apoiados no
voluntarismo, logrouse que o SLG liderara na zona a defensa da nosa capacidade
produtiva cun activismo que absorbía todo o tempo e as enerxías de
liberados/as e colaboradores ao ter que levar a cabo unha media de mobilización
cada 15 días, algunhas delas folgas xerais (2 de abril do 92), tractoradas,
peches, ou durmir na praza do Obradoiro diante da presidencia da Xunta durante
máis dunha semana, e infinitas manifestacións.
Despois dunha guerra de 10 anos o sector leiteiro
estaba moi desgastado, con numerosas baixas e cunha estructura sindical moi
feble, incapaz de alcanzar unha vitoria por si mesma sen un cambio político que
favorecese unha defensa institucional mínima da nosa economía. Cun PSOE e un
PP que se repartían os papeis para golpear no país, o SLG só conseguiu evitar
que a desaparición de explotacións e a degradación económica, ecolóxica e
social da Galiza interior, fose tan elevada como pretendían inicialmente ambas
as dúas forzas políticas. A partir do 94 comeza a baixar a intensidade do
confronto e isto permite desviar enerxías a outras tarefas que se consideraban
moi necesarias como eran a formación e a información.
Desde ese momento a miña colaboración co SLG
centrouse máis na responsabilidade de consolidar o FOUCE como publicación
mensual que fose unha ferramenta eficaz contra a manipulación informativa do
poder, e na posta en marcha de Edicións Fouce como editorial que dotase de
traballos de historia do agrarismo e teoría sobre política agraria aos cadros
do activismo rural.
Comezando a actividade editorial no 95 saldando unha
conta pendente con Manuel García Barros e un compromiso co seu fillo David que
viña de morrer neses anos, e co que tiña unha grande amizade. García Barros
xa era poñía nome a un premio ben dotado, un Instituto, unha Rúa, era citado
como recurso erudito de referencia a cultura local pero a súa obra estaba
inédita ou esgotada e a súa figura descoñecida. Por iso era fundamental sacar
o libro "Manuel García Barros, Loitando sempre" porque como dicía o
seu título e rezaba o lema que el empregara nun concurso literario, a loita
continuaba. Preocupábame a ignorancia que tiñamos do máis inmediato porque
impedía que puidéramos apreciar o que tíñamos a man e valorar o propio. Mais
sobre todo aprender dos que tiveron antes que nós que facerlle fronte ao mesmo
país e a semellantes problemas. De feito eu tiña a idea de que o nacionalismo
fora inventado por uns rapaces novos nos anos 70. Canto máis escarvaba, máis
necesario sentía que había que desenterrar a historia pero sobre todo o
pensamento dos que nos antecederon.
Consideraba que a Castelao canto máis se citaba menos
se estudaba, e que a Bóveda parecía que había unha consideración xeral de
que el bastante aportara coa súa morte como para ter que afondar máis nel, xa
non digamos os chamados "autores menores" como Blanco Torres ou Varela
Buxán.
Nese sentido, tanto en A NOSA TERRA, como no TERRA E
TEMPO, teño ocasión de traballar no estudio do pensamento nacionalista,
colaborando en proxectos como libros de texto ou vídeos que axudan a difundir
en círculos máis amplos este ideario que para min é a expresión máis
elevada da dialéctica entre razón e sentimento, espazo e tempo, corpo e alma,
en definitiva, entre pobo e territorio.
Nestes momentos, profesionalmente son profesor de
filosofía de secundaria e teño como responsabilidade encomendada pola
Fundación "Bautista Álvarez"da que son membro a
dirección da publicación "Terra e Tempo", revista de pensamento
nacionalista.
|