m1pintos.html
Xoán
Manuel Pintos é a figura máis importante da primeira metade do
século XIX. Naceu en Pontevedra en 1811 e sendo moi novo
trasladouse á Coruña para estudar Humanidades no Colexio dos
Padres Dominicos. Posteriormente estableceuse en Compostela coa
intención de cursar Dereito. Co tempo chegaría a exercer como
xuíz en Cambados e como fiscal no seu lugar natal, ficando
cesante por mor das transformacións políticas da altura até o
seu nomeamento como Rexistrador da Propiedade de Vigo, cargo en
que se mantería até a súa morte.
O pontevedrés é autor dun único
libro trilingüe, A Gaita gallega tocada pol-o Gaiteiro, ou
sea Carta de Cristus para ir deprendendo a ler, escribir e falar
ben a lengua gallega e ainda mais (1853), que ten como
finalidade achegar o idioma de Galiza ao público lector. Inclúe
nela un Breve diccionario gallego escrito por el tamborilero,
para facilitar la inteligencia de la Gaita Gallega tocada por el
Gaiteiro, que tencionaba servir de axuda para a súa
comprensión. Aliás, no momento da súa morte estaba a
confeccionar outro dicionario, para o cal tiña anotados por
volta de catorce mil vocábulos.
Para alén de A Gaita gallega,
Pintos deixounos un amplo conxunto de poemas, entre os que cabe
salientar tres églogas e os Contos da aldea que parecen
historias da vila ou historias da vila que parecen contos da
aldea (1858). Pintos destaca na época pola súa faceta de
gramático e latinista. Tamén colaborou na prensa do momento cun
grande número de composicións soltas e folletos, entre os que
podemos citar "Rechamo", onde fai
unha chamada aos autores galegos para utilizaren a nosa lingua.
Pintos faleceu en Vigo en 1876.
|