m1sacoarce.html
Juan
Antonio Saco Arce, pai da Lingüística galega, naceu en San
Martiño de Alongos, pertencente ao concello ourensán de Toén,
no ano 1835. De orixe fidalga, realizou en Ourense estudos
eclesiásticos e, posteriormente, trasladouse a Compostela para
cursar Filosofía e Letras. Tras concluír a súa formación
exercería como catedrático de Lingua Grega en diferentes
centros de Ensino Medio até se establecer no ano 1863 en Ourense.
Aquí, ademais de continuar co labor docente desde a súa
cátedra, chegaría a desempeñar o cargo de director no
Instituto da cidade.
Saco Arce é o primeiro
especialista que redixiu unha gramática galega. A pesar de ser
unha obra hoxe superada, a Gramática Gallega (1868) do estudoso ourensán contén unha serie de conceptos con plena
vixencia. Na análise do idioma galego, recorrerá, aínda que
con desigual acerto, ao método comparatista, introducindo unha
grande variedade de referencias a outras linguas: grego, latín,
francés, italiano.
O grande esforzo de Saco Arce por
sistematizar os seus coñecementos sobre o galego responderá,
como apunta no prólogo da gramática, á necesaria defensa da
fala do país perante o menosprezo de que era obxecto na altura.
Nestas páxinas preliminares da Gramática Gallega e,
anos máis tarde, no prefacio que prepara para Versos en
dialecto gallego (1878), de Pérez Ballesteros, animará
aínda ao cultivo literario no idioma propio.
Como consecuencia da súa negativa
a xurar a Constitución, en 1870 foi dado de baixa na súa praza
de profesor. Só tres anos máis tarde, desaparecidos os estudos
de grego do ensino secundario, podería reincorporarse á
docencia como catedrático de Retórica e Poética.
Para alén da súa faceta de
gramático, Saco Arce compilou diversa documentación sobre a
nosa literatura, como "Literatura popular de Galicia"
ou "Poesía gallega contemporánea. Sus defectos más
comunes". Tamén se dedicará á escrita lírica de
temática relixiosa e estilo clásico ("A primavera",
"A Xesús", "Santa
Eufemia", etc) e traducirá varios poemas
do latín. As súas composicións galegas serían recollidas en
1878, xunto con algunhas en español, no volume titulado Poesías
de Don Juan Saco y Arce. Tres anos máis tarde o erudito
ourensán faleceu na cidade das Burgas.
|