Xo%E1n Babarro


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
v3xoanbabarroglez.html

     Nacín en Calvelo de Zorelle, no concello de Maceda (Ourense), o 23 de decembro de 1947. Realicei na escola mixta da aldea, entre recendos de nabiña e cantos de carros, os estudos primarios e cursei máis tarde en Ourense o bacharelato e a carreira de Maxisterio. No corpo de mestres ingresei por oposición en 1968. Quizais tres anos antes desa data comezaran as miñas relacións coas letras ao descubrir na biblioteca unha serie de andeis reservados para libros escritos no, ata o daquela, meu ágrafo idioma. Desenvolvín o labor docente durante tres anos en Asturias, onde tamén me licenciaría en Filosofía e Letras.
     En 1971 trasladeime a Galicia. Aquí os primeiros anos deste destino fóronme especialmente intensos en ilusións no que respecta á implantación do galego como materia e mais como idioma vehicular para as Ciencias Sociais (tempos aínda no que ambas as dúas cousas se contemplaban como utopía). Aquelas experiencias darían como froito diverso material de carácter didáctico e textos literarios que verían a luz da imprenta posteriormente.

     En 1972 non I Concurso de Monografías da daquela Delegación Provincial de la Juventud recibo o premio da modalidade "importancia da literatura galega no momento actual" cun traballo sobre a nova narrativa.

     O Premio de contos "O Facho" en 1974 e as colaboracións en Vagalume en 1975 marcaron dalgún xeito a entrada oficial na literatura infantil. Por estas datas tamén inicio a miña singradura vital con Ana Mª Fernández, persoa coa que levo compartido tantos proxectos e tantas alegrías no mundo das letras entre as que se encontran o Premio "O Facho" de teatro de 1983 e "O Barco de Vapor" de 1985 e 1989.

     En 1982 realizo as oposicións a cátedras de Lingua e Literatura Galega para institutos de ensino medio, circunstancia que me obriga a cambiar de destino docente.

     A comezos dos noventa desenvolvo unha investigación sobre a franxa lingüística máis occidental do Principado que presento en 1994 como tese de doutoramento co título Galego de Asturias. Delimitación, caracterización e situación sociolingüística. As vivencias nas terras do Eo-Navia traduciríanse tamén en diversos escritos destinados ó público infantil.
     En decembro de 2002 a Real Academia Galega noméame académico correspondente e en 2008 a Nova Escola Galega, socio de honra.
     En 2009, por Palabra era un universo paralelo, recibo o galardón do VII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil "Pura e Dora Vázquez", da Deputación de Ourense, e, por A Princesa de Taramundi, o Premio Arume de Poesía, da Fundación Xosé Neira Vilas.
     Conto con diferentes traducións nas coleccións "Contos da Media Luniña" de Algaida, "Cabaliño Alado" de Combel, "Moviñecos" de Bruño, "Xirasol" de Everest e outras.

 

[Marzo, 2011]

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega