vb1xlmartinezpereiro.html
Narrador, dramaturgo e debuxante humorístico nacido en A Coruña no ano
1959. Sen reparar nas súas andainas musicais co clarinete ou coa gaita en si
bemol maior, pode dicirse que o seu polifacético labor criativo abranxe desde o
debuxo e relato humorísticos até a seriedade obrigada das pezas dramáticas. As
revistas Can Sen Dono, XO! A voz que para as bestas, O Farelo, os
periódicos A Peneira, A Nosa Terra e varias antoloxías de humor gráfico
("Os humoristas e a reconversión", "Humor galego ao 88", "Antoloxía
Internacional de Humor Antirracista" con multiedición nas linguas da Comunidade
Europea), así como o boletín Sapoconcho editado polo Museo do Humor do
concello de Fene e a súa inclusión na embaixada que representou ao humorismo
gráfico galego na VIII Bienal Internacional do Humor celebrada nas cidades de La
Habana e San Antonio de los Baños en 1993, acreditan este
estremo. Da man dos premios e
das recomendacións dos xuris chega ao mundo das publicacións literarias:
Tres crimes en busca dunhas labazadas (1985,
Cadernos da Escola Dramática Galega, peza incluída na antoloxía Teatro nas
aulas de Ed. Vía Láctea); Un día na vida de Vladimiro e o seu
can Trotsky (1987, teatro infantil feito en
colaboración co seu irmán Carlos Paulo e publicado pola Ed. Sotelo Blanco,
Biblioteca do Arlequín, nº 1); Traxicomedia do Pai Ternoster e unha
pastora lusitana chamada Viriata (1989, IX Premio
de teatro breve da Escola Dramática Galega); Monólogo con oito pausas e
un falso espectador (1990, Cadernos da E.D.G.), Panexírico
da lapa (2000, Revista Casahamlet, nº 2, Deputación Provincial de
A Coruña), Guiso de choupa (2001,
Cadernos de Teatro, nº 3, IGAEM) e Carne de
estatua (2001, Baía
Ed.). Poemas seus foron
merecedores do "I Premio de Poesía Manuel Murguía" (Universidade de A Coruña),
do Premio "Has de Cantar" da Asociación Cultural Rosalía de Castro de
Bizkaia e do "Domingo Antonio de Andrade", concedido pola Agrupación Cultural do
mesmo nome en Cee. Canto á
narración, aparecen relatos seus no Semanario "A Nosa Terra" e nas revistas
"Escrita" e "Agália" até que en 1992 sae do prelo o seu primeiro libro de
narracións: Amálgama de Desquiciados (Baía,
Ed.). Premiado e publicado no "I e II Premio A Peneira de relatos curtos de
humor" (Egasur, S.L. 1993 e 1999), tamén é laureado no XXI Certame "Antonio
Machado" (onde compiten todas as linguas do Estado) e eis que, segundo palabras
do propio xuri presidido por Camilo José Cela, o seu: "É un conto cheo de
intención e gracia literaria".
En 1999 publica dous libros
de relatos: As irmás bastardas da ciencia (Antoloxía de sedes clandestinas), distinguido co
"VIII Premio de narración Carvalho Calero" (Concello de Ferrol, Ed. Laiovento) e
Breviario de calamidades (Espiral Maior). No ano 2000, esta
última editorial publica a súa Medición definitiva do
limbo ("II Premio Cidade da Coruña de literatura
fantástica") e uns chistes seus convencen ao xuri internacional dos Premios
"Castelao" de Humor Gráfico Galego (Concello de
Pontevedra). No ano 2001
participa no Salão Luso-Galaico de Caricatura celebrado en Vila Real e, co conto
Palamades e a Besta Ladradora, consegue o X Premio de Narracións Breves
"Manuel Murguía" (Concello de Arteixo).
Aínda
que poda parecer mentira (sobre todo se pensamos en alguén que estaría máis que
encantado da vida se poidese vivir do conto), non me prace falar da miña persoa
nen do recoñecemento que, ben sexa en forma honorífica ou pecuniaria, fun
apañando ao longo do tempo e tamén da xeografía deste país de premios nunca
unánimes. Na lapela dos meus libros, a carón da fotografía, xa figuran os datos
biográficos salientábeis do ponto de vista literario, se cadra sería máis
interesante dicir algo que ninguén diría de min, algo que me permita aclarar a
clase de Luís que
son. Empezarei recordando que
hai luíses que nacen numerados, como Luís XI quen (de acreditar nas palabras do
seu médico Coictier e porque este se puxo cacholán como un neno bravo (só se
bañou unha vez. Tampouco Luís XIV era un modelo de limpeza pois só se aseaba
cando estaba namorado (o resto dos días contentábase con fregar o rosto cun
pano mollado en perfume). No aspecto da hixiene supero ás monarquías e mesmo
venzo á hora de manter a cabeza unida ao corpo, Luís XVI non pode dicir o mesmo
nen tampouco se enterou de que outro Luís, o carniceiro Luís Legendre, propuxera
sen éxito á Convención (logo de decapitalo talvez influído polo oficio cárnico e
de corte limpo (que se cortase o monarca en 82 anacos e enviar un a cada
departamento. Hai luíses
inventores como Luís Roselius (que en 1905 fixo posíbel o café descafeinado) ou
o polaco Luís Zamenhof, inventor das dezaseis regras gramaticais e das vinteoito
letras que configuran o esperanto. Pouco teño que ver con eles, gosto do café de
verdade e para lingua universal xa conto coa
miña. Tamén hai personalidades
pintorescas e complexas co meu nome, Luís Tristán e Louis Aragon entrarían neste
apartado, o primeiro por axudar ao Greco a estilizar as súas figuras desde o
anonimato e o surrealista por inventar o tempo embutido que se corta en lonchas.
Por haber, até hai luíses santificados e con prole numerosísima. ¿Podo presumir
da miña filla sabendo que houbo un san Luís que tivo cen mil
fillos? E da nómina
interminábel de luíses que me precederon, só engadir ao antropólogo Luís
Castrofeito, máis que nada por defender con teimosía a denominación de orixe
para o meigallo mariñán e por descubrir que Australia é o único lugar do mundo
sen a superstición do mal de ollo, e como estamos a falar de ollos, incluirei a
Luís I de Nevers, conde de Flandes a principios do XIV, inspirándose no canto
harmonioso de Melesíxenes, que era cego, mandou sacar os ollos aos paxaros dos
seus dominios belgas para que se centrasen exclusivamente no canto e así, sen
distraccións visuais,
melloralo. Xa para concluír,
dicir que a miña aportación á humanidade é desde logo menos cruel e máis
modesta, son consciente de que fago literatura menchevique, isto é, minoritaria
e que, para ben ou para mal, é probábel que iso non cambie.
|