vb1millanotero.html
Xosé M. Millán Otero (Beluso, O Morrazo-1964) é
profesor de Lingua e Literatura Galega en Moaña. É autor de diversos estudios e
edicións críticas de escritores de preguerra (Ramón
Cabanillas, Vicente
Risco,
etc.) e actuais (Bernardino
Graña). Participou tamén en obras colectivas como a
Historia da Literatura Galega (1996), editada por A Nosa
Terra/A.S.-P.G. e Literatura galega. Século XX (A Nosa Terra,
2001).
Como poeta deu á imprenta até o día de hoxe dúas obras, Este é
o tempo do sal (Accésit do Premio Esquío, 1991) e As palabras no
espello (Ed. Do Castro, 1995), esta última galardoada co VII Premio Eusebio
Lorenzo Baleirón. A esta hora está a pórlle as últimas letras a un novo libro,
Ritual da vixía, do que aquí se adiantan algúns poemas.
Incluído
máis por amabilidade que por merecemento na escolma de Luciano Rodríguez e
Teresa Seara Para saír do século (Ed. Xerais, 1997), deseñaba alí unha
confusa autopoética á que aínda se adhire, posto que así evita ter que volver
reflexionar en prosa sobre un tema que, por outra parte, é motivo reiterado nos
seus versos, o solpor da palabra:
"Non sei se os poetas escriben como
queren; eu, que non me afago a selo, escribo como podo. Se abandono un instante
a leve coiraza de cinismo que cómpre para autoanalizarse, acabarei confesando
que nunca concibín a escritura como unha forma de intervención, menos aínda como
un modelo para seguir outros, nin sequera como aquilo que a min me gustaría ler.
Como madurei con este vicio hai quen prefire a horticultura acostumeime a
ordenar o tempo en palabras e versos, meus e emprestados. Agora conformaríame
con encontrar a palabra que é a clave do mundo, miña ou doutro, con lograr un
verso redondo, con apoiarme un día na cómoda que non teño e mentres se fai noite
largar trinta e seis poemas dun golpe, aínda que todos fosen horrendos. Por amor
a Pessoa, a Neruda e Rosalía, todo o demais é pura quincalla".
|