Afonso Eiré


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb1eire.html

Percorrendo o (meu) mundo polas páxinas en branco

     Os primeiros versos que escribín, aínda me lembro, foron encima dunha pedra ao vir da escola. Comezaba aquela especie de copla: Derriba desta pedra / que está como basamento / escribo a historia de Ezaquiel / prodixio do fodemento / Ezaquiel monta unha /monta dúas, monta tres e monta catro / e se non monta as fillas / é porque lle ten medo á Mato...
     Mais ben escribir non o escribín eu, senón o meu irmán Ico e o meu parente Ramón, pero as ideas eran miñas.
     Daquela só tiña sete anos. O oficio de versificar víñame de familia. Nas noites de lareira faciamos algunhas prácticas. Tamén cando ía coas vacas. A imaxinación seica me ven do meu avó parterno, o Don Pepito, que era un bo troleiro. Así, antes dos dez anos, cando marchei para o Seminario, tiña xa feitas algunhas coplas ao estilo das que vendía nas feiras a Cega de Cumbraos, que cargaba cunhas pernas máis grosas có castiñeiro do Cubano (Iso pensábamos, pois a única vez que quixen ver se llas apreixaba pegoume unha patada coma se fose un can).
     No Seminario seguín escribindo, sobre todo por matar o tempo: como falar non se podía... O que facía/desfacía eran maiormente arromedos de poesías que viñan nos libros de texto ou poñerlle letra a lecións do libro de música (un tiña que facer que traballaba). Todas as poesías que viñan nos libros, incluídas as de latín e grego, sabíaas de memoria de tanto repetilas procurando un mundo fóra daquelas paredes que rezumaban autonoxo e uniformización.
     Cando, aos 14 anos, me expulsaron do Seminario por rezar moi apurado (cando os demais ían en bendita ti eres, eu xa andaba entre todas as mulleres, co pensamento, claro), tiven a "sorte" de que me rompesen unha perna xogando ao fútbol. Así que acamei tres meses. Deume tempo daquela de ler os sete leres (algo que estaba prohibido terminantemente no Seminario de Lugo) e facer moitas outras cousas, como presentarme a un concurso de narracións breves da Caixa Provincial de Lugo. Gañei o concurso e déronme 5.000 pesetas.
     Cavilei que non era mala cousa aquelo de escribir: divertíaste e ata che pagaban. Así que me dei a versificar (poida que, polo medio, caese algun verso), sobre todo cando ía coas vacas: outro xeito de matar o tempo ou de viaxar por el, a comenencia. Aos 18 anos xa tiña acabado un libro, Cousas Miñas. Antes presenteime a varios concursos e obtiven aínda ben premios. Temén comecei a escribir en El Progreso, concretamente no suplemento Táboa Redonda, dirixida por Anxel Fole. E nos libros das festas de Chantada, a onde pertence a aldea de Riopedroso, onde nacín en 1955, un día de neve de Febreiro. Tanta neve que se suspendeu a feira que había en Penasillás, na miña parroquia. A miña nai di que sería por nacer con tanto frío que nunca tiven paradura ao xeito.
     Tamén dirixín O Cabaceiro, un xornal escolar que, "cousas da vida" (nome dunha seccción) e do Gobernador, unicamente viu a luz tres veces en ano e medio. Non contentaba moito á autoridade o estar escrito totalmente en galego. E menos que pedise, por exemplo, a legalización dos partidos políticos en 1972. Un Gobernador que me prometeu que nunca voltaría escribir máis despois de que aparecese un artigo en El Progreso, afirmando que Gonzalo de Córdoba era de Chantada. As autoridades de Córdoba, malia a cronoloxía, seica se enfurruñaron coma se perdesen a honra... Foi o primeiro tropezo por dicir a verdade.
     ¿A quen lle importa a verdade? A Guardia Civil, non. Emperrencháronse daquela en afiliarme á UPG porque no instituto aparecían pintadas con esta sigla. ¡Miña xoia, que ía eu saber o que era a UPG se viña de estar catro anos fóra do mundo! Pois nada, ata tres veces me detiveron con esa trécola, só porque tiña a teima de falar sempre galego e facer en galego algún exame que outro. ¿Sería porque no Seminario prohibían falar galego?
     Lóxicamente, comecei a militar no nacionalismo. Todos sabemos que unha cualidade da Guardia Civil é a teimosia. ¡Nin Dios lle dá levado a contraria como persistan nunha idea! E axudei a montar a A. C. Lumieira antes de marchar a estudar xornalismo a Madrid.
     En Madrid sacáronseme todas as ganas de escribir poesía. Daquela o que eu quería era acción, discusións arreo nas células e empaparme de actos culturais e conferencias que tiveran que ver con Galiza ou contra o franquismo. Ata abandonei o fútbol. E comecei a escribir nos xornais e nas revistas. Pensaba que, deste xeito, tiña máis poder para cambiar as cousas que coa poesía. Así que comecei a arrenegar dos meus versos ata aborrecelos e esquecelos completamente.
     Ollaba aqueles versos, a só dous anos vista, como algo tan infantil, tan bucólico..., áí fóra estaba agardando o mundo para cambialo e Galiza para liberala, que me fixen a promesa de non voltar a escribir ningún libro ata cumprir 40 anos, cando xa tivera a suficiente madurez. Axudar, axudoume moito no meu propósito que, como xornalista de A Nosa Terra, (desde hai vinte anos como director), o que me sobraban e sobardaban eran páxinas que encher e temas que tratar. E cumprín a promesa.
     Antes foron chegando algúns premios de xornalismo: entre eles, por dúas veces o Premio Galicia de Comunicación. Despois viñeron máis, coma o Xulio Camba. E comecei cos ensaios, e logo fun por unha novela, e máis ensaios e un libro de relatos, e aínda fixen algunha poesía en momentos especiais.
     Mália que é a miña profesión, divirtome escribindo e unha folla en branco é un mundo para camiñar ceibe por el na procura de tesouros lingüísticos esquecidos nas cobas da memoria e de ideas que, (neso sigo a ser bastante utópico, din), se non poden cambiar todo o mundo, si poden mudar algunhas cousas, mesmo o ánimo dalgún lector que non teña nada mellor que facer e queira matar o tempo. E con eso xa me dou por satisfeito e pagado.

[Febreiro, 2002]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega