María do Cebreiro


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2mariadocebreiro2.html

     Debe de ser difícil pensarse como "un", pero aínda é máis difícil pensarse como "unha". As autobiografías e as autopoéticas parten do mito da unidade do ser, que é un mito teolóxico. Coa miña perplexidade habitual, hoxe pregúntome, ¿de que María lles falo?, ¿da que ri, da que chora, da que se gusta, da que non se soporta, da que fala (demasiado), da que cala (demasiado pouco)? Despois de todo, ¿quen somos nós para falar de nós?
     Sempre está aí a tentación de deixar a páxina en branco, de facer un boquete na mirada, de lembrar con calor a Wittgenstein, tímido xardiñeiro da linguaxe. Tódolos retratos son prescindibles, porque todos temos un "aire de familia". Pero tamén hai que contar con esa imprescindible cota de vaidade que cabe recoñecernos ós poetas, persoas, en xeral, bastante estúpidas. Isto é o que nos leva a escribir sobre aquilo que deberiamos silenciar (sobre nós mesmos, por exemplo). Fin do exordio.
     Cumpriría, tal vez, substituír os retratos por paisaxes, como fixo o meu admirado Manuel Outeiriño nun glorioso catálogo da galería Sargadelos. Non sei se se debe ó azar ou á premeditación, pero no sitio no que debía figurar a súa foto, aparece a foto dun territorio. Paréceme perfecto que un lugar poida chegar a ocupar o lugar do teu rostro. O meu sería unha cidade ruidosa vista de noite, desde o aire. Como pé de foto escribiría un beatus ille contrafeito, onde a idade dourada non é agraria, senón electrónica. A Galicia que desexo é, sobre todo, urbana.
     Se o século XX non comezou ata 1914, a miña vida non tivo por qué comezar cando nacín. Pero, aínda que me gustaría atentar contra a cruel cronoloxía, a verdade é que as fábulas zodiacais seguen exercendo sobre min unha atracción poderosa. Declárome, logo, filla da canícula, nacida ás dez da mañá do 5 de xullo de 1976, coa estrela Sirius como protectora, e o ascendente en Acuario. Son Cancro dos pés á cabeza, precisamente dos pés á cabeza; nos cancros todo empeza por abaixo, e, secundariamente, cara atrás.
     Son filla de poetas. De aí, probablemente, a miña afectuosa e irónica relación coa poesía dos 80. O meu irmán é músico, como o foi o meu avó. De aí, probablemente, o meu gusto polos auriculares. Para algúns, estar enchufado a un discman propicia o illamento. Penso eu, en cambio, que ás veces un relativo illamento é moi hixiénico. En Barcelona, exilio espiritual desde o que escribo, levo a música falándome na orella e unha canción nos labios, a punto de saltar. Isto faime feliz. Cando sexa maior, maior de todo, gustaríame ser cantante.
     Editei un só libro de poesía que aínda non fun capaz de ler enteiro. Sei que non podería deixar de escribir, pero non teño tan claro que me apeteza volver a publicar. De entre aqueles poemas, rescataría só isto, nin sequera completamente meu: "A alma coa que nacín / é o único territorio que preciso anexionarme".
Teño un coñecemento moi directo do sufrimento, tanto do vivido en carne propia como do vivido a través da carne allea. Un certo trasfondo máis melodramático que tráxico, e un temperamento paixonal. Non sei se todo isto casa moito con esa imaxe de "alegría de la huerta" que (seica) ás veces transmito. Tal vez si. Xa Rilke advertiu contra a falsa disociación esencia/aparencia. Tamén somos o que aparentamos. Menos mal.

[Febreiro, 2002]


     Chamamos pensamento á relación entre suxeito e obxecto. Hai que desafiar o pensamento. Hai que ser radicais.
     Ler a María Mariño, por exemplo. Aínda que non exista:
     "A innovación na historia consiste en demostrar que a historia non é continua, que pode ser inventada pola subxetividade e que o acontencemento é máis importante que as institucións na transformación da conciencia. A subxectividade non só se libera a si mesma, senón que libera unha totalidade de posibilidades. Deseña un novo horizonte".
     Collino dun xornal. Non apuntei o autor.
     Tres anos, a verdade, non son moitos. Pero poden pasar unha chea de cousas. Polo a que a min respecta, fixen moitos amigos, traizoei a prosa biográfica e seguín publicando mesmo despois de atravesar o espello, de partilo e de intentar apañar os cachos sen cortarme.
     Aquel estadio, como seica fan todos os primeiros, abriu feridas que deixaron sucos. Houbo algún máis. Unha parodia do xénero "manual de autoaxuda" que non por acaso quixen titular (nós, as inadaptadas) (2002). Despois veu Non queres que o poema te coñeza, (2004), e ben se deita que eu non quería, pero hai veces que non nos queda outra. E hai moi pouco O barrio das chinesas (2005), flor de un día e de mil, de Xohana Torres.
     Leo o estadio do espello, (nós, as inadaptadas) e O barrio das chinesas como unha triloxía. Non queres que o poema te coñeza rompe a orde e a música.
     Quérolles ben a todos.
     E teño un, na despensa, que se vai titular Os Hemisferios. A xente pasa, pisa, é riquiña e rabuda, opina, oféndese, ama. Cando todo sae ben, pasan a noite xuntos.
     No 2003 fixen unha escolma de letras de cancións que chamei Damas Negras. My soul is also black. Quen me dera escribir en todos os idiomas. En ningún.
     No fondo, o que eu quería estudar era filosofía. Exercito aquel soño nos ensaios. Unha parte da miña tese de doutoramento publicouse co título As antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña (2004). E tamén escribín As terceiras mulleres (2005), un xeito de pedir, poño por caso, a terceira república.

     Agora respiro máis, por dicir algo. O amor polo silencio da xente que amo, que intenta ser amor polo meu propio silencio. É moi longo, ten medo, non hai páxinas. A memoria sempre arde. Pasaba moi a modo a xema do meu índice por riba dos outeiros. Son de cinza. Pechouse. Xa pasou.
     Na escrita deixei as parénteses e volvín ás maiúsculas. Por aquilo do respecto.
     No esencial, sigo tendo os mesmos gustos.
     O meu ascendente non é Acuario senón Leo.
     Non é que aprendamos dos erros, é que errar é o único xeito de nos coñecer. (En realidade a ninguén lle gusta coñecerse).
    
"Deus ensina o seu rostro nos ollos dos vencidos". Desde que nos deixou, temos menos imaxinación e hai máis buratos.
    
Préstame ulir as cousas antes de probalas.
    
Sempre lle fun leal á cantiga de amor. Non sempre lle son leal a quen ma inspira.
    
As prácticas van caras.
    
Aínda non teño carné de conducir.
    
Tampouco teño contrato laboral.


    
Iso si, non me queixo.



(A primeira foto, na miña casa, no 2000, é de Manolo Vicente. A segunda foto, nunha ría do norte, hai pouco máis dun mes, é de Esteve Valls. Moitas grazas aos dous por me mirar así, con coidado, con tempo).


[Xuño de 2005]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe á autora?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega