mb2luisseoane.html
Luís
Seoane López naceu en 1910 en Bos Aires no seo dunha familia de
emigrantes galegos. Cando neno, veu coa familia a Galiza e
estableceuse na Coruña. Tras cursar o Bacharelato, estudou
Dereito en Compostela, licenciándose en 1932. Procedente do
colectivo estudantil Federación Universitaria Escolar, Seoane
ingresou nas fileiras do galeguismo primeiro como secretario en
1931 da Agrupación Nazonalista e no ano seguinte como militante
da Unión Socialista Galega. Con Arturo Cuadrado, fundou Resol,
colaborou con artigos e deseños en diferentes publicacións,
realizou as ilustracións dos primeiros poemarios de Álvaro
Cunqueiro e comezou a pintar ao óleo. Xa instalado no Colexio de
Avogados, deseñou o cartaz da Frente Popular, da que formaría
parte o Partido Galeguista, a favor do Estatuto do Autonomía.
Uns meses despois da escalada
fascista, o multifacetado artista exiliouse a Bos Aires, mais non abandonou o seu fondo compromiso coa realidade do país (no
mesmo ano 1936 publica baixo pseudónimo artigos sobre o terror
fascista), converténdose axiña nun dos alicerces do movemento
cultural galego da capital arxentina. Así, creou, con X. Núñez
Bua, o semanario Galicia Libre (1937), comezou a
colaborar como ilustrador na editorial Losada e, un ano despois,
situouse á frente da revista Galicia. Fundou varias
coleccións ("Hórreo" e "Dorna",
"Pomba" e "Camino de Santiago") e promoveu
varias editoriais. Deu á luz a revista Galicia Emigrante
(1954-1959), que el mesmo dirixiría, transformada tempo despois
nun programa radiofónico. Así mesmo, editou e expuxo con éxito
internacional unha produción pictórica moi diversa: gravuras,
litografía, deseños, óleos, murais, cerámicas, etc. Porén,
tamén encontrou oco para o cultivo da literatura, que iniciou en
1952 coa publicación do poemario Fardel de eisilado. Á
súa primeira obra poética seguirán Na brétema, Sant-Iago
(1956), Cicatrices (1959) e A maior abondamento (1972).
Con Lorenzo Varela e
Emilio
Pita, Seoane é un dos primeiros
escritores do noso socialrrealismo poético. Os núcleos
temáticos da súa poesía, recollida nun só volume por Ediciós
do Castro en 1977, van ser a emigración, o exilio e a saudade
das terras galegas. Mais tamén compón Seoane
pezas teatrais. En 1957 sae do prelo La Soldadera, cuxa
primeira versión fora redixida en galego. O mesmo acontecerá
con El irlandés astrólogo, que se edita dous anos
máis tarde.
En 1963 Seoane retornou ao país
galego a incorporouse de maneira activa ao movemento de
reactivación da cultura galega, participando no nacemento do
Laboratorio de Formas de Galicia xunto con Isaac Díaz
Pardo. En
1979 o intelectual galego-arxentino, membro da Academia de Belas
Artes arxentina, morreu na Coruña.
Fundación
Luís Seoane
|