O Prestige, Adega e o voluntariado

 

[Texto íntegro]

 

v2adelafigueroaprestigeadega.html




«Eu non quero limosnas. Eu quero traballar
Quero o meu mar. ¡Que mo deixen como estaba!
»

     Manuel, percebeiro de Fisterra. Na praia do Rostro. Decembro do 2002



    
A estas alturas todos sabemos que foi do Prestige, as consecuencias do seu vertido e afundimento e as continuas emisións do seu fuel oil sobre as nosas costas, cinco meses após o seu afundimento. Toda Galicia ficou untada de chapapote. As nosas ribeiras, o noso orgullo, a nosa vida está tiznada de negro pola fatal combinación dos vómitos do barco e o mal facer dos políticos (i)responsábeis sen excepción algunha.
    
Toda a raiba é pouca, a amargura é muita, éo todo. A dór é tan forte que custa dominala. Este é un sentimento xeralizado en toda a poboación. Séntense gañas de chorar e de berrar de impotencia perante a inoperancia, o desprezo e a insensibilidade de tantos botarates que, colocados nos seus postos de poder, ignoran o sofrimento do povo do que viven.
    
Púxose o país en maus de incompetentes, maus alleas aos intereses de Galiza. Galiza é un país pouco o nada industrializado. As suas riquezas estan no seu medio. Nesa capacidade imensa que ten de dar vida, cultivando o seu medio de maneira sustentavel.
    
Muita desa riqueza foi eliminada por políticas erradas de desarrollismo, asulagando vales, repoboando os montes con monocultivos de eucaliptos, trazando autovias e estradas de grande impacto ambiental, concentrancións parcelarias irrespetuosas co medio, desecando lagoas, etc.
    
Pero ainda nos quedaba o mar!, o noso mar! Fermoso, fecundo, diverso en paisaxes e formas, desde os arcos das "Catedrais" en Ribadeo, ata a gloria das Rias Baixas. Desde a Veiga do Eo á Foz do Miño (1) encontramos todo tipo de costas: escarpadas (no cabo Ortegal danse os cantís mais altos de Europa), mainas, suaves, que se abren en enseadas pequenas ou grandes, plataformas costeiras, esteiros, en foz, en rias de diferentes aspectos e orixe xeomorfolóxico, e todas están cheas de vida, diferente en cada caso. Os percebes, esa maravilla gastronómica, escasa no mundo, propia dos batidos acantilados como o Roncudo (hoxe suxo de chapapote nos fundos, e inzado de ventoinhas no cúmio, producindo unha electricidade que Galiza non dá consumido). Os bivalvos dos ricos bancos dos imensos areais, ou o modesto mexillón, proteina de alto valor biolóxico, do que somos (ou éramos) o primeiro productor do mundo. E así de ahí para diante: dunas, marismas, lagoas, zonas ZEPA...
    
Galicia é Terra, pero é sobre todo auga: rios e mar. @s galeg@s non sabemos viver en seco, necesitamos da auga. Tamén necesitamos da vida. Por iso temos urxencia de recuperarmos toda a nosa capacidade de xerar vida. É unha urxencia que vai mais alá da cuestión económica e acuciante da xente que vive do mar. É tamén unha necesidade vital psicolóxica.



O desenvolvimento sustentábel

    
O desenvolvimento sustentábel é unha meta de todas as sociedades civilizadas. Desde que foi timidamente definido na Conferencia de Estocolmo en 1972 e concretado no informe Bruntland en 1987, diversos encontros, cúmios, reunións internacionais (Rio 1992, Thesalónica 1994, Portoalegre 2000, etc.) redefinírono e perfilárono declarandoo un obxectivo prioritario das accións políticas nacionais e internacionais.
    
En esencia consiste nun modelo de desenvolvimento que respondendo ás necesidades das xeracións presentes, non poña en perigo o benestar das xeracións futuras por culpa dunha explotación irracional do medio ou pola sua deterioración irreversíbel ou polas desigualdades sociais. A sustentabilidade esixe unha boa administración dos recursos, manténdoos e non esgotándoos, tendo en conta a sua taxa de renovación, e a capacidade do ecosistema para soportar os impactos.
    
Desenvolvimento sustentábel quere dicer independencia, autoorganización e autonomia das sociedades e pobos. Quere dicer desenvolvimento endóxeno, incrustado na cultura da comunidade que o xera. Responde a unha demanda desa comunidade, non é imposto. Faise partindo dos propios modelos e non segundo modelos importados que acaban por xerar dependencia económica e cultural. Implica unha concepción ética inter e entrexeracional.
    
O desenvolvimento sustentábel ten en conta, nos seus custos, as externalidades dos procesos na valoración dos seus rendimentos. Non se mide, por tanto, pola simples rendibilidade bruta do mercado que non contempla nos seus custos a deterioración do medio producido nen os custos sociais que poda acarrear o proceso de produción.
    
Interesa, sobre todo, o feito de que as xeracións seguintes poidan seguir vivindo da explotación e transformación do medio e dos seus recursos. É un tipo de desenvolvimento que procura vincular as persoas co seu contorno, coa súa propia cultura, e que fortalece os vínculos sociais e o entramado industrial dun país.
    
O que pasou co Prestige tirou por terra todo proxecto de sustentabilidade na explotación do noso medio. Agora non cremos que as xeracións futuras podan viver do mesmo medio, aproveitando os mesmos recursos que as xeracións actuais. O medio foi gravemente danado e os seus recursos postos en grave perigo.



@s voluntari@s

     Muita xente, con sensibilidade ambiental, quere aportar o seu traballo para axudar á recuperación do medio. Son o exército de voluntarios que se desprega desde mediados de Novembro de 2002 polas nosas costas.
    
Esta marea humana solidaria é mui importante. En primeiro lugar, representan o mellor da humanidade que todos partillamos. Tamén é mui importante a toma de contacto directo co problema: tocar, tocar o chapapote, a area, contemplar ese mar magnífico, bravo e frustrado na sua fecundidade.
    
Todas as maus son poucas. Temos tanta costa!... E ainda, cinco meses despois, falta muito por limpar. Para querer algo haino que coñecer. Non hai mellor lección de galeguismo que meterse na terra. O compromiso tamen se cultiva. Dándonos conta do que temos, poderemos valorar mellor o que perdemos, pero tamen a nosa cohesión e forza será a nosa mellor arma para recuperalo.
    
O fenómeno do voluntariado puxo de manifesto toda a incapacidade e o desinterese da administración, pero os voluntarios, coa sua presencia e insistencia están a obrigar a esa administración a funcionar, polo menos algo.
    
Lorenzo, un voluntario de ADEGA da Coruña, decia en Fisterra aló polo mes de xaneiro: "non me ides dobrar, seguirei vindo ainda que nos mareedes con ordes e contraordes, cambios de itinerario, falta de material, desorganización e intentos de desmobilización".
     Porque é así como funciona. A administración, en lugar de contactar directamente coas confrarias ou concellos afectados, que son os que saben de verdade cales son as súas necesidades, e movilizar toda a potencial infraestructura de Protección Civil, Exército, Bombeiros, albergues xuvenís, etc., etc. (que temos pagado cos nosos impostos) contracta con TRAGSA, empresa privada na que a administración ten participación. Esta empresa era a que destinaba os voluntarios e fornecía o material. Agora, despois de demostrada a sua ineficacia, só fornece material. En ADEGA, que traballa en colaboración co Concello que facilita unha oficina do voluntariado, contáctase directamente coas confrarias que soliciten voluntarios.
     Agora o voluntariado está a ser coordenado pola Conselleria de Benestar Social. Polo que sabemos, a partir de testemuñas directa de xente que chama á conselleria, mais que coordenado está a ser desmotivado. Ultimamente aos que solicitan ir de voluntarios, advírteselles que teñen que pór o seu propio transporte, pois, palabras textuais "as praias, en Galiza, están alonxadas e os voluntarios téñense que mover por zonas nas que non hai transporte".

     Nós seguiremos retirando o chapapote das nosas praias. Na medida do que poidamos e impondo a nosa presencia alí onde cremos que somos necesarios. A nós impórtanos o noso país. Continuamos, despois de 4 meses, a forzar a administración a que funcione. Esta é unha guerra: non temos enfrente seres humanos, por iso imos a ela. Non imos invadir ningún país, empobrecido ou depauperado polo bloqueo internacional (sic). Temos en frente o chapapote, as externalidades dun
proceso productivo, dun modelo de desenvolvimento producto do capitalismo mais salvaxe, que só procura altos rendimentos a curto plazo.
    
Pero vamos a obrigar a incluir estas externalidades (a desfeita das nosas costas) nos custos de producción. Temos tamen enfrente a unha administración ineficaz, ignorante e que demostrou non ter aprecio polo país do que vive.
    
Pero somos guerreiros pacíficos: só estamos a traballar, e a obrigar a administración a que funcione. Que non desmobilice aos voluntarios que queiran traballar. Que busque solucións para a desfeita que provocaron os seus representantes. Non é admisíbel que catro meses despois do acidente, o buque continue a deitar fuel que segue a chegar ás costas, oucomo nos dician hai poucos dias en Corme, que limpen as rochas con auga a presión, movendo o chapapote dos coidos para o mar e dahi para as praias. Pudemos comprovar como praias que se daban por limpas agochaban cantidades importantes de piche baixo as rochas, ou enterrado na area. Na praia da Hermida (Corme) até 1,30 m de profundidade na area. Somos voluntarios para axudar e tamén para reinvidicar.

En Lugo, abril 2003


Notas:

(1) Segundo Rodrigues Lapa, e muitos outros, Galiza non acaba no Minho, "Usque Mondego".

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega