Nao senlleira

 

Escolma.

 

m1bouzabreinaoescolma001.html


¡Quén dera ser nao senlleira
n-aquel mar non presentido
das ja mergulladas terras!

Sen ceo, sen astros, sen vento,
sempre â toa pol-as ondas
deitado no esquecimento,

nin andar nin desandar,
nin ter outro coido acedo
que leijarse ir pol-o mar...

Quén dera ser nao senlleira!

Sen fito —estrela nin porto—
ser eu a propia ribeira!!

¡Quen dera...


Trova das sete naos

Refenda das sete naos
ben ouviredes contar...

Elas eran sete naos
todas de engebre cristal
—sete bágoas orfas de ollos
que as quixeran derramar—,
que c-un paxaro prisado
por un mar témero van
—cada paxaro unha trova
virge de beizo mortal—.

Non teñen ren de aparello,
nin foz onde aparellar.

Levan por treu âs estrelas,
Deus do Ceu por capitán.

Á unha chaman Pensamento,
â outra chaman Libertá.
Os nomes que as outras portan
son de outo paraio real...

Pol-a costa verdegada
que dín de Jacobusland,
no intre da media noite
anda a serea á cantar.
As cántigas que ela deita
na vida ouviredes tal!

Âs aves que van prisadas
dalles moita señardá.

Deus do Ceu aloumiñado
ben as quijera ceibar
e as sete naos pulidas
todas de engebre cristal,
escáchanse nos brandidos
penedos da beiramar.

Os sete paxaros ceibes
â nacenza da mañán,
pol-as grañas infinidas
ben os veredes voar.

No bico locen saudades
da boa Jacobusland;
seu brasón no firmamento
as sete queren formar
que seja voz no silenzo,
lumieira na escuridá
para a terra da lanzalía
entre as terras a lanzal.

Pousaron no setestrelo
eternamente á cantar!


Temas en corazón

Tascadoras do meu liño,
teño o corazón lizgairo
tascaredes a modiño.

Prangideiras, a carpir!,
teño o corazón lizgairo
e pódeseme dormir.

Cantadoras, a arrolar!,
teño o corazón lizgairo
e adoita á se despertar.

—Acordade o voso bruido
que durmindo esté desperto
e desperto ande durmido—.

Sementai, sementadores
no meu corazón lizgairo
ventos de novos amores.

Bule, bule, amor leijado
que o meu corazón lizgairo
fugirache de contado

Bule, bule, amor perdido...
¡Que azo o corazón lizgairo
por prisarche de corrido!


Regueifa

          Para Álvaro das Casas,
          celebrando o periplo

A balandra dos "Ultreya"
leva os corazós por vela;
navega cara ao Futuro...
¡toda Galiza vai nela!

Toda Galiza vai nela,
prenda do meu paladar.
¡Os mares polo Infinito
que leviáns son de pasar!

Que leviáns son de pasar,
prenda do meu corazón,
os astros forman trisqueles
en cada constelazón.

En cada constelazón
oise cantar unha estrela:
—"Velaivén a fror das naos,
¡toda Galiza con ela!

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega