Onde o mundo se chama Celanova

 

Escolma.

 

m1celsoemilioondeomundoescolma001.html
Procrama ós meus veciños


Ouro vello de outono e prata fina
a lúa embaixo, o sol enriba.

Nesa surrisa túa Celanova,
pola que pasa o vento,
hai unha triste historia non contada
feita de amor e troquelada en ferro.

Longos días de pranto e de cinza,
a lúa embaixo, o sol enriba.

Por ise rostro craro,
no que se miran tódalas estrelas,
pasan sulcos de luz estremecida,
cantigas de mencer, noites de pedra.

Escumas de saudades sempre vivas,
a lúa embaixo, o sol enriba.

Cando surrís, libéraste. Só saben
surrir aqués que levan a esperanza.
Quen espera non morre
i o que sabe surrir é quen se salva.

Afía o teu lecer, a espada afía,
a lúa embaixo, o sol enriba.



Diante unha fotografía da miña pirmeira comunión


Pergúntome anguriado,
qué diría de min, si é que me vira,
iste neno que fun fai tantos anos.



Xaneiro 1972, II

O pan é máis útil que a poesía, pro
¿Cómo comer o pan sin o compango da poesía?
A. S.


Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a espranza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.

Cando quero soñar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a noite é pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.

Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abafa.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.

Cando quero surrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é crara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.

Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non decir Moraima.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega