Alimentación e Historia: Chocolate de ricos e pobres

 

[Texto íntegro]

 

v3xabiercastrochocolate.html


CHOCOLATE: LIQUIDUM NON FRANGIT JEJUNIUM

     A fins do XVII temos positiva constancia que nin o chocolate nin ningunha das outras bebidas coloniais entraran no medio rural galego. Así o pon de manifesto un estudio sobre o consumo alimentario na área rural compostelana, a fins do indicado século (1). Pero non sucedía outro tanto no conxunto de España, e semella que tampouco en certas capas sociais da Galicia urbana. Antes que en ningún outro país europeo se introduciu o chocolate paseniñamente en España despois de que o descubrisen os conquistadores en México, no ano 1520. Honorato de Balzac pertencía ó menguado sector dos que confiaban pouco nas virtudes salutíferas do chocolate. Chegaba mesmo a preguntarse se o abuso do chocolate non tería algo que ver co envilecimento da monarquía española, que no momento de descubrir o chocolate estaba a piques de recomenzar un imperio romano (2). Pola súa banda, Savarin comenta na súa exquisita obra (3) que as damas do novo mundo gustaban do chocolate con delirio, ata o punto de que, non contentas con tomalo varias veces o día, ás veces mandaban que llo levasen á igrexa; sensualidade que provocaba en ocasións a censura dos bispos. Pero non era só na outra banda do Atlántico: os párrocos galegos, e seguramente doutras partes, recibiron en 1681 unha circular do nuncio apostólico prohibindo o consumo de chocolate nas igrexas (4).
     Doré e Davillier, dous viaxeiros que percorreron a península a fins do XIX (5), anotan que xa a comezos do XVII estaba moi espallado polo país o seu consumo, merecendo o panexírico de diferentes escritores. Era o almorzo preferido de Felipe V e do monarca ilustrado Carlos III (6). En Francia, era xa moi corrente en tempos de Ana de Austria, filla de Felipe II e esposa de Lois XIII.
     Os comerciantes tiveron un papel protagonístico neste labor de difusión. Semella que xa a mediar o século XVIII o fidalgo de Ribadeo, Alejandro Rodríguez de Bustelo, comerciaba con chocolate, zucre e cacao (7). Deste xeito, fixeron posible que as mesmas institucións incorporasen este artículo colonial ó repertorio de manxares que se servían nos seus convites conmemorativos. Así, no refresco que o Concello de Santiago ofreceu ós persoeiros invitados, co gallo dos festexos do día do Apóstolo a finais do século das Luces, servíase chocolate con biscoitos, ademais doutras larpeiradas e exquisiteces (8).
     Dende moi cedo a clerecía —os monxes sobre todo, precisaba Brillat-Savarin— sentiu gran devoción polo chocolate. A fins do XVIII, a superiora do convento da Visitación de Belley dáballe ó escritor francés que veño de aludir, unha receita para preparar un chocolate perfecto; para o que era mester preparalo de víspora e deixalo repousar durante toda a noite. E xustificaba así este pecadiño de sensualidade: "No puede usted ofender a Dios con ese pequeño refinamiento, pues es la excelencia misma" (9).
     Cunqueiro reflexa moi ben de que xeito tentaba ó clero esta inclinación larpeira polo chocolate cando nos presenta, na súa literatura breve, a figura dun crego carlista que andaba na guerrilla e levaba consigo un sobriño para que vixiara mentres durmía e lle fixese o chocolate (10). Só as ordes relixiosas máis escrupulosas —como os xesuítas cando tiveron como superior xeral a Vitelleschi— se negaron a tomalo por consideralo un atentado á pobreza e a mortificación (11).
     Dende o século XVI diversos doctores da Igrexa, teólogos, catedráticos e casuistas polemizaron e esgrimiron siloxismos a prol e en contra do chocolate, publicándose unha importante cantidade de libros ó respecto. Tratábase de determinar se o chocolate rompía ou non o xexún. A maioría dos eclesiásticos españoles o amaban demasiado como para non defendelo. Sendos papas, Pablo V e Gregorio XIII víronse na obriga de pronunciarse. O primeiro deles ordenou que preparasen na súa presencia a bebida obxecto de litixio e sentenciou: hoc non frangit jejunum. O segundo pontífice pronunciouse no mesmo sentido. Doré e Davillier, a quen seguimos na súa pescuda, glosaron unha obra extraordinariamente curiosa, impresa en 1642, e suscrita polo Padre Tomás Hurtado. Levaba por título: Si el chocolate quebranta el ayuno de la Iglesia. O autor opinaba que non o quebrantaba, como tampouco o viño, aínda que se bebese por pracer, sempre que se tomase en pequena cantidade e non se fixese demasiado espeso, nin levase ovos ou leite. Pero había ademais outra condición: que non estivese falsificado, revelándonos de paso a práctica daquel tempo de misturalo con fariña de fabas, garbanzos e outras sustancias (por certo que, no século XIX, o adulteraban con cacahuete, almagre, fariña de galleta ou outras féculas (12).)
     Porén, a Igrexa non sempre permitiu tomar o chocolate, reparando na súa condición nutritiva, pois todo o que era nutritivo pensábase que quebrantaba o xexún (13).
     O arraigo do consumo do chocolate entre os galegos fixo posible que aparecesen obradoiros industriais que o elaboraban en distintas cidades e vilas galegas, cuestión que xa chama a atención dos viaxeiros que percorreron o país a fins do século pasado (14). En consonancia coa expansión do consumo deste derivado do cacao, o correspondente sector industrial que xenerou foi indo a máis e, andando o tempo, o vello Partido Galeguista dos anos trinta defendeu teimudamente ós numerosos fabricantes do sector chocolateiro e tratou de representalos politicamente (15).
     Xa nos temos referido á paixón dos eclesiásticos polo chocolate que Pegerto Saavedra rastrea xa no século XVII e que dende logo no XIX campea polos seus foros, como a literatura proverbialmente recolle; así, na de dona Emilia Pardo Bazán, quen nos pergueña a relambida figura do párroco don Julián, servido por un criado que lle levaba o chocolate despois da misa (16). A mediados do dezanove o temos o chocolate fortemente implantado entre as clases alta e media de España (17). Álvaro de las Casas, nunha nota preliminar a un libro de Richard Ford (18), cita a Arnolfini para quen:

     "El gasto superfluo que se hace del chocolate y bebidas de sorbetes y garrapiñadas en muchas casas españolas de clases media, consume dineros con los que se podrían armar compañías de caballos en las fronteras".


Chocolate tamén nas aldeas

     Nos séculos XIX e XX a bebida a base de cacao estaba presente nos ámbitos labregos, pero como algo que se tomaba máis ben de cando en cando, á hora do almorzo ou da merenda (19). Florentino López Cuevillas, nun fermoso traballo consagrado a este tema (20), anota que foi no século XVIII cando o chocolate se aclimatou entre os galegos, considerándose por todas as clases sociais como un alimento exquisito. Incluído o campesiñado.
     En efecto, xentes desta procedencia facían a máis encendida louvanza deste manxar cando para ponderar a gravidade dun doente dicían: "—O probe está tan enfermo que xa non quer o chiculate".
     A maior abondamento, a existencia de pezas de barro chamadas chocolateiras na cerámica artesanal tradicional, tal como sinala Xaquín Lorenzo (21), revela xa a difusión do seu consumo no medio rural. Ademais, no cancioneiro popular galego do século pasado o chocolate aparece mencionado en numerosas ocasións. Por vía de exemplo mencionaremos unha cantiga, recollida polo folclorista Pérez Ballesteros, no partido xudicial de A Coruña:


"O que m'axude á cantar
heille de dar chicolate;
e ô que no-me axudare
un veneno que o mate".(22)


     Unha informante manifestaba que sendo ela moza en A Estrada, na década dos trinta, tomaba chocolate con relativa frecuencia, e que era un producto que resultaba relativamente barato (23). "Unha vez que outra", non de xeito moi habitual, pois "escaseaba un pouco para a nosa clase" e, por certo que non en pó senón en barra, degustábao unha familia labrega de Foz, tamén por aquelas datas (24).
     Polos anos 1920-30 en fogares de mediano pasar da zona de Lérez tomábase unha jícara de chocolate (ou cascarilla) con leite, sobre todo á hora do almorzo, no que mollaban pan, ¡e nada de biscoito! precisaba a muller entrevistada (25). No ámbito rural a xente podíase servir de xícaras para tomar o chocolate, e así o pon de manifesto a historia oral. Pero esta porcelana relativamente especializada era, dende logo, menos frecuente vela nas aldeas que disposta sobre os manteis das casas das cidades. Deste xeito, na aldea que visitaba Uxío Carre chámalle a atención que servisen chocolate con leite (ou máis ben, á inversa, leite con chocolate) en cuncas de caldo (26). En S. Marta de Moreiras, arredor de 1930, algunhas poucas persoas, tomaban chocolate pola mañá, pero o máis común era tomar leite con pan e zucre, ou ben con papas (27). O café con leite non o atopa Fernández Oxea, e todo parece indicar que era insólito por aquelas datas nas casas aldeanas. A alternativa real ó chocolate, ou ben ó leite, era máis ben o caldo.
     O chocolate de facer consumido polas clases populares era habitualmente máis impuro que o que bebían as clases superiores. Tamén se tomaba con menos frecuencia e non era raro que fose nunha dose menor en cada unha das tomas, claro está, verbo do estándar das clases acomodadas. Así, nun relato dunha viaxe feita a unha aldea das Grañas do Sor, podemos ollar como nun fogar de labradores preparaban para os invitados, nunha ocasión moi especial, "(...) un gran caldeiro de chicolate, que máis ben era de leite lixeiramente corado de chicolate". Pero esta é a impresión que lle produce a un visitante da cidade que de ningún xeito é compartida pola xente das aldeas: "Algúns repetían a dosis, tragando con gula o que chamaban moi bon e rico chicolate" (28).
     Tamén era o chocolate unha merenda que se tomaba algunha que outra vez nas cociñas aldeanas. E non só o de facer, senón tamén o de tableta, se cadra dúas onzas facendo, de bocadillo na compaña do pan (29).
     Averiguar canto e como se consumía o chocolate é unha cuestión difícil, como o son todas as que se refiren ó consumo efectivo dos diferentes artículos. A documentación escrita aporta informacións que na súa inmensa maior medida se refiren á producción. Achegarse á cuestión do consumo real que realiza a poboación, as racións concretas consumidas é un dos máis árduos problemas da historia da alimentación. Salvo excepcións as aproximacións teñen necesariamente que ser estimativas e cualitativas, máis que cuantitativas precisadas, pois os esforzos que neste sentido se fixeron distan de teren obtido un saldo positivo (30). Semella claro que a historia oral, a literatura e as autobiografías populares constitúen unha axuda enormemente valiosa. E vexamos xa que nos din a propósito do chocolate.


Chocolate augado para os pobres

     Facer o chocolate con leite non era algo que estivese ó alcance de todo o mundo. As amas de casa máis modestas preparábano con auga soa ou no mellor dos casos a tercias co leite. No chocolate consumido polas clases populares, ademais de auga, podía aparecer tamén flor de fariña de trigo, cando non alpiste e outras sementes adulteradoras, segundo ten escrito Cuevillas.
     A elaboración do chocolate a base de auga realizábase en moitas partes de Galicia, como por exemplo en Carbia, segundo recollía a enquisa do Ateneu de Madrid (31), pero con especial intensidade nas comarcas vitícolas onde o leite distaba de ser un recurso abondoso. Nas aldeas do Salnés o chocolate facíase con auga e só as xentes acomodadas —como o crego, segundo unha autobiografía popular (32)— o tomaban con leite. E, en parte, tamén o facían así nas do Ribeiro, segundo as lembranzas do recruta Mosquera a fins da centuria pasada. E polo menos nalgúns casos os resultados non debían ser nada malos. En efecto, o protagonista das devanditas lembranzas consegue que o tenente o nomease cociñeiro e o situase a carón do seu anterior asistente que llo facía sen auga. A gracia e viveza do relato o fai que mereza que reproduzamos aquí un fragmento:

     "—Mosquera, o tenente chámate.
     —Á orde de V. meu tenente.
     —¿Ti sabes algo de cociña?
     —Algo, algo si, pero comidas de Galicia; da aldea; guisos non, señor.
     —Vale, mañá fasme ti o almorzo.
     —Si señor, meu tenente —e ó día seguinte fómonos o asistente e eu á ranchería e nun cacharro botei auga e leite e chocolate tal e cal facía a miña nai cando había enfermos na casa. Prepareino como puiden pero antes díxome o asistente:
     —¡Carai! Ti bótaslle auga ó chocolate.
     —Si, así fai miña nai.
     —Vale, vale imos ver o tenente que trina. —O asistente levoulle o almorzo ó tenente e eu penetrei na factoría para escoitar o que diría o tenente do meu almorzo.
     —¿Quen fixo este chocolate? —dixo o oficial.
     —Mosquera o Ordenanza, foi.
     —Desde hoxe en adiante que faga ese o meu almorzo e que che axude ademais a facer a comida.
     —Esvarei do escoitadeiro e esperei na ranchería o regreso do asistente, chegou este e di el:
     —Xa ves. Eu facíalle o chocolate con leite e non lle gustaba e ti fasllo con auga e quere que llo fagas ti sempre así como axudarnos ós asistentes na cociña dos oficiais".(33)


O chocolate dos exquisitos

     Don Floro Cuevillas dinos, pola contra, o extraordinario refinamento que adoitaba ter o chocolate que se servía nas casas das damas dalgunha alcurnia. Pero para conseguilo:

     "cuantos desvelos y cuantas preocupaciones no eran necesarias. Desvelos para calcular las proporciones convenientes de guayaquil y de caracas, para escoger un azúcar limpio y blanco como el alma de un inocente, para seleccionar la mejor canela, para no excederse en la adición de la vainilla. Preocupaciones en la vigilancia del trabajo del chocolatero, en el tostar y descascarillar, y en la dura brega del amasado en la piedra calentada por debajo con un suave fuego".(34)

     Ollamos, de paso, un feiro pouco comentado ata agora, a existencia do oficio itinerante do chocolateiro, que como o augardenteiro ofrecía os seus servicios de casa en casa. Operaba, nos fogares de certo acomodo, na que se chamaba cociña vella, dende a que trascendía a todo o edificio o recendo a cacao e a canela.
     Polo demais, nas casas máis ricas de Ourense existía o costume de obsequiar con chocolate ás persoas de maior respecto e reverencia. En efecto, nos fogares de bon tono, as clases medias e altas esforzábanse en consolidar a súa reputación cando recibían visitas, das que de xeito tan interesante escribiu Blanco Amor (35). E o chocolate adoitaba formar parte con moita frecuencia deste rito social, no que non soía faltar algún membro da clerecía (36). Cuevillas evoca, nun maxistral cadro de xénero, como eran estas merendas:

     "Hay ya sombras en la calle cuando las criadas entran con las bandejas, llenas de pocillos humeantes, de vasos de agua fresca, de platos con tostadas, de azucarillos y de bizcochos. Se colocan los servicios delante de los contertulios, según la edad y la dignidad y uno tras otro van probando, mientras la señora de la casa espera las sentencias.
     Quizá el licenciado opine que hay un puntillo de más de canela, o el señor canónigo insinúe que le sobra algo de dulce, pero el dominico o el franciscano que ha probado ya tres veces y reflexionado otras tres, da un parecer definitivo.
     —Excelente como siempre, señora; para chocolate el de esta casa, y sólo el de esta casa.
     Se come y se habla. Alguien menciona a Diderot y a Helvetius; otro pondera el porvenir de la ciencia pura y de la ciencia aplicada, y las criadas vuelven a entrar para llevarse las bandejas".

     Era tamén o chocolate bebida que se tomaba nos establecementos públicos xa no século pasado. Atopámonos, deste xeito, con que, na súa visita a Galicia polo 1830, o vendedor de Biblias George Borrow foi convidado a media tarde por un pintoresco notario público pontevedrés —que, por certo, tiña unha tremenda xenreira contra Vigo por disputarlle a capitalidade a súa idolatrada vila— a unha confitería onde o obsequiou cun xelado e unha xícara de chocolate (non sen antes convencerse de que o estranxeiro non se pensaba poñer do lado dos vigueses no seu detestable anceio e bribonería) (37). E, por certo, chocolate para almorzar foi o que lle deron a un grupo de viaxeiros galegos que, na centuria pasada, se detiveron no Parador de San Miguel, xa en terras zamoranas (38).


Menciña para os doentes e rexo alimento dos sans

     Tiña o chocolate reputación de ser un alimento de forza. Como tal era relativamente habitual que llo desen ós doentes. Así o revela, con emocionante espontaneidade, os recordos manuscritos do xa aludido mozo ribadaviense Mosquera, que foi quinto do 98 en Filipinas: deste xeito, en plena guerra colonial preparáballo para un tenente madrileño, comentando que o preparaba a súa nai cando alguén da súa familia estaba enfermo (39).
     Era tamén un reconstituínte para as mulleres que pariran, tan típico como poñerlle unha vela a San Ramón, avogado das parturientas (40). Por outra banda, como é ben sabido, a literatura de Cunqueiro reflexa a realidade de Galicia aínda cando sitúa a peripecia en espacios ben distantes. Pois ben, en "Las mocedades de Ulises" Laertes colle chocolate do mostrador da taberna de Políades, en Itaca, para levarllo a súa muller Euriclea, que viña de alumbrar, pois segundo el: "El chocolate es muy propio para paridas" (41).
     Un significado deste tenor albíscase na documentación recollida en Carbia e Noia a comezos do século actual, onde alternaba co tradicional caldo de galiña; e tamén en Xunqueira de Ambía, matizado aquí poIa presencia de canela e noz moscada, ademais de ter abondosa manteiga de vaca (42). Significativamente en moitas partes de España decimonónica servíase pola mañá ós recén casados unha xícara de chocolate... Ben espeso, claro. Pois tal era o costume por aquelas datas (43).
     Brillat-Savarin deixara ben sentado no seu celebérrimo tratado de filosofía gastronómica, publicado en 1825, o positivo efecto do chocolate no organismo:

     "(...) Con el tiempo (...) se ha llegado a demostrar que el chocolate, preparado con cuidado, es un alimento tan saludable como agradable; que es nutritivo, de fácil digestión; que no tiene, para la belleza, los inconvenientes que se le atribuyen al café, y que, por el contrario, los remedia (...) Las personas que toman chocolate son las que gozan de una salud siempre igual y las menos expuestas a cantidad de pequeños males que dañan la felicidad de la vida".

     Aclaraba, asimesmo, que conviña especialmente ós que se entregaban a unha gran aplicación da mente e ós que padecían de debilidade de estómago. E ademais: "que ha tenido buenos resultados en las enfermedades crónicas, y que se ha convertido en el último recurso para las afecciones del píloro" (44). En sintonía con esta liña de pensamento, un galeno mindoniense sinalaba a comezos do XIX que o chocolate era o remedio axeitado para moitas doenzas, sendo apropiado para todas as idades, temperamentos e sexos. E tíñao ademais por un eficaz xeito de alargar a existencia dos vellos (45).
     Monlau coincide en gran medida co criterio expresado por Brillat-Savarin. Admite que ten habido moita polémica respecto del, pero el tiña por incontestable que se está ben preparado e labrado con esmero resulta agradable ó gosto, de doada dixestión e moi nutritivo; ata o punto de que poucos productos hai que en igual volume poidan conter tal cantidade de partículas alimenticias. Servía ademais como "vehículo para propinar varios medicamentos" e, co complemento dalgunha outra sustancia, proporcionaba a súa inxestión relevantes efectos terapéuticos. Porén, isto non obstaba para que considerase que o chocolate puro era bastante indixesto, por excitar pouco o estómago. Deste xeito, coidaba que cumpría engadirlle canela, vainilla e outros aromas para incrementar a súa dixestibilidade (46).





     NOTAS

     
(1)

R. Villares Paz: "El consumo alimentario en el área rural compostelana a fines del s. XVII", en Compostellanum, t. XVII, 1972, p. 69.

(2)

Sueiro, Jorge Víctor: Comer en Galicia, Arnao Ediciones, Madrid, 1989, pp. 37-38.

(3)

Brillat-Savarin, A.: Fisiología del gusto, Cupsa Ed., Madrid, 1978, p. 95.

(4)

Saavedra, Pegerto: A vida cotiá en Galicia de 1550-1850, Universidade de Santiago de Compostela, Santiago, 1992, p.111.

(5)

Doré, G. e Davillier, Ch.: Viaje por España, 2 vols., Adalia. Madrid, 1984, p.342.

(6)

Martínez Llopis, Manuel M.: Historia de la gastronomía española, Alianza Editorial, Madrid, 1989, p. 325.

(7)

Saavedra, Pegerto: Economía, política y sociedad en Galicia: La provincia de Mondoñedo, 1480-1830, Ed. Xunta de Galicia (Consellería de Presidencia), Madrid, 1985, p. 567.

(8)

Pérez Constanti, P.: Notas viejas galicianas, vol. III. Imprenta de los Sindicatos Católicos, Vigo, 1925, pp. 134-135.

(9)

Brillat-Savarin, A.: Fisiología del gusto, Cupsa Ed., Madrid, 1978, pp. 85 e 99.

(10)

Cunqueiro, A.: Xente de aquí e de acolá, Galaxia, Vigo, 1971, p.167.

(11)

A. Domínguez Ortiz: "Costumbres clericales en la España barroca", en Historia 16, nº 89, setembro 1983, p. 30.

(12)

Monlau, P. F.: Elementos de higiene privada ó arte de conservar la salud del individuo, op. cit., p. 148.

(13)

Doré, G. e Davillier, Ch.: Viaje por España, 2 vols., Adalia, Madrid, 1984, pp. 342-343.

(14)

Así, por exemplo, había unha en O Barco de Valdeorras, segundo menciona Barreiro, Lisardo: Esbozos y siluetas de un viaje por Galicia, Andrés Martínez, Ed. (Biblioteca Gallega), A Coruña, 1890, pp. 165-166.

(15)

Castro, Xavier: O galeguismo na encrucillada republicana, Deputación Provincia de Ourense, Ourense, 1985, pp. 404-405.

(16)

Velasco Souto, Carlos F.: A sociedade galega na Restauración na obra literaria de Pardo Bazán (1875-1900), Artes Gráficas Galicia, Pontevedra, 1984, p. 72.

(17)

Monlau, P. F.: Elementos de higiene privada ó arte de conservar la salud del individuo, op. cit., p. 148.

(18)

Ford, R.: Comidas y vinos en España, Ediciones Robuair, Rosario de Santa Fe (B. Aires), 1947, p. 26.

(19)

Considero que non é certeira a apreciación de Lois Domínguez quen cosidera que o chocolate foi sempre un signo de señorío e arela continuada das clases populares. Domínguez Castro, L.: Transformacións agrarias na comarca do Ribeiro nos séculos XIX e XX, Tese de Doutoramento, Universidade de Santiago, 1991. (A obra deste autor foi xa editada).

(20)

López Cuevillas, Florentino: Cosas de Orense, Ed. Ayuntamiento de Orense, Ourense, 1989, pp. 184-186.

(21)

Xaquín Lorenzo Fernández: "Etnografía: cultura material", en Otero Pedrayo,  R.: Historia de Galicia, vol. 2, Ed. Nós, Bos Aires, 1962, p. 166.

(22)

Pérez Ballesteros, José: Cancioneiro popular gallego, t. I. Ed. facsímil de Akal, Madrid, 1979, p. 53.

(23)

Esta informante non desexa que sexa revelado o seu nome. Entrevista feita en Portosín o 15-IX-1990.

(24)

Entrevista realizada por X. R. Veiga Alonso a José Díaz Méndez, nado en Foz (Lugo) en 1925. Fondo HISTORGA.

(25)

Entrevista realizada a Dolores García González (Lola a Cañota) nada en 1910, en Lérez.

(26)

Carré Alvarellos, U.: A miña viaxe ás Grañas do Sor, Galaxia, Vigo, 1993, p. 46.

(27)

Fernández Oxea, X.R.: Santa Marta de Moreiras, xa cit., p. 178.

(28)

Carré Alvarellos, U.: A miña viaxe ás Grañas do Sor, Galaxia, Vigo, 1993, p. 46.

(29)

Entrevista realizada por Carlos Morais Álvarez a Lina Puente Ruibal, nada en Oca (A Estrada) no ano 1932, Amable Vilameá Pato, nado en Paderne (Allariz) no ano 1924, e Virginia Ruibal Piñor, nada en Berres (A Estrada) no ano 1911. Fondo HISTORGA.

(30)

Cfr. a este respecto o esclarecedor comentario do recoñecido especialista da historia da alimentación Jean Louis Flandrin: "Historia de la alimentación: Por una ampliación de las perspectivas", en Manuscrits, nº 6, decembro 1987, pp. 8-9.

(31)

Nacemento, casamento e morte en Galicia. Respostas á enquisa do Ateneo de Madrid (1901-1902), Consello da Cultura Galega, A Coruña, 1990, p. 48.

(32)

López, Beatriz: Hasta la victoria siempre... Testimonio de Carmen Cornes, emigrante gallega y militante de la vida, Ed. do Castro, Sada (A Coruña), 1992, pp. 17 e 20-21.

(33)

Mosquera, Cesáreo: Recordos do mozo Mosquera, quinto do 98, Ed. Nigra, Galicia, 1992, pp. 19-20.

(34)

López Cuevillas, Florentino: Cosas de Orense, Ed. Ayuntamiento de Orense, Ourense, 1989, p. 185.

(35)

Este autor detalla maxistralmente a sociabilidade na Auria do seu tempo, relatando aspectos da mesma tan sabrosos como os seguintes: "En la ilustre y vetusta (...) capital de provincia donde yo nací y pasé las primeras dos décadas de mi existencia, se vivía para la urbanidad; y la urbanidad se aprendía y se acrecentaba, en infatigable esfuerzo, a veces muy penoso, casi con una sola finalidad: las visitas. (...) Verdaderamente en aquellos burgos tan trabajosamente organizados para el ocio, la existencia se dividía en estos dos grandes sectores: la vida vegetativa y la vida visitativa". Blanco Amor, E.: Las buenas maneras, EXG, Vigo, 1983, pp. 194 e ss.

(36)

López Cuevillas, Florentino: Cosas de Orense, Ed. Ayuntamiento de Orense, Ourense, 1989, pp. 185-186.

(37)

Borrow, G.: La Biblia en España, Alianza Ed., 2ª ed., Madrid, 1983, p. 322.

(38)

Neira Cancela, Juan: Caldo Gallego, Andrés Martínez Editor, A Coruña, 1889, p. 115.

(39)

Mosquera, Cesáreo: Recordos do mozo Mosquera, quinto do 98, Ed. Nigra, Galicia, 1992, p. 20.

(40)

Así, por exemplo, nun conto tradicional unha muller que estaba a piques de parir pídelle ó seu home que lle trouxera chocolate e lle fora a poñer unha vela a San Ramón, avogado das parturientas. Relato titulado "A vela", narrado por Carlos Díaz "O Xestal".

(41)

Cunqueiro, A.: Las mocedades de Ulises, Círculo de Lectores, Barcelona, 1991, p. 30.

(42)

Nacemento, casamento e morte en Galicia. Respostas a enquisa do Ateneo de Madrid (1901-1902), Consello da Cultura Galega, A Coruña, 1990, pp. 48, 49 e 51.

(43)

Doré, G. e Davillier, Ch.: Viaje por España, 2 vols., Adalia, Madrid, 1984, p. 345.

(44)

Brillant-Savarin, A.: Fisiología del gusto, Cupsa ed., Madrid, 1978, pp. 96-97.

(45)

Saavedra, Pegerto: A vida cotiá en Galicia de 1550-1850, Universidade de Santiago de Compostela, Santiago, 1992, pp. 111-112.

(46)

Monlau, P. F.: Elementos de higiene privada ó arte de conservar la salud del individuo, Imprenta de Rivadeneyra, Madrid, 1870, pp. 173 e 189-190.

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega