Algunhas preguntas sobre o teatro en Galicia hoxe

 

(Texto íntegro)

 

v2rauldansalgunhaspreguntas.html

En Galicia prodúcense anualmente arredor de corenta espectáculos teatrais, pero só media ducia deles correspoden a montaxes sobre textos de autores galegos vivos... ¿Escriben os autores de costas á profesión teatral, ou ben é a profesión teatral a que ignora os autores galegos vivos?
     Catro destas seis montaxes corresponden a postas en escena de autores que representan os seus textos no seo da súa propia compañía... ¿O dramaturgo galego debe fundar e dirixir unha compañía teatral para chegar á escena con regularidade.
     A escrita é aprendizaxe. O efecto enriquecedor da dialéctica do texto co seu espacio natural, a escena, e o seu destinatario por excelencia, o espectador, é indudábel. ¿Repercute na evolución artística dos autores e, xa que logo, no carácter e calidade da súa obra o feito de que as súas pezas non se representen?
     Partindo do suposto de que o teatro se escribe ante todo para ser representado... ¿Para que escribe o "autor galego vivo" que non ten compañía propia? ¿Para publicar?
     ¿É a escrita dramática LITERATURA? ¿Considérase escritor o autor teatral? ¿É a LITERATURA algo do que deba fuxir o dramaturgo?
     Nun ano saen do prelo en Galicia como moito 8 obras teatrais. ¿Tal pobreza reflicte unicamente o escaso interese dos editores pola escrita dramática? ¿Son os autores os que non desexan ver publicadas as súas obras? Non hai oferta de textos teatrais en Galicia... ¿Acaso é que hai demanda?
     A publicación dun texto teatral vén case sempre da man dun dos dous premios que convocan as nosas institucións. O Premio Rafael Dieste, ata hai uns anos de carácter anual, é agora bianual... ¿Ten algo que ver con este cambio o feito de que nunca se presentasen a el máis de vinte pezas? ¿Por que a ninguén pareceu importarlle non seu día a desaparición do Premio de Teatro Álvaro Cunqueiro, restablecido no ano 1999? Na súa primeira edición tras 6 anos de ausencia dito premio quedou deserto... ¿Cantidade ou calidade?
     Os integrantes da que se podería chamar "última dramaturxia galega" teñen máis de 35 anos de idade... ¿Non hai autores máis novos? Se os hai, ¿onde están? ¿Existen sinais que falen dun posíbel recambio xeracional no ámbito da escrita dramática en Galicia? ¿De estar aí, nalgures, esta hipotética xeración de novísimos pode agardar algún cambio con respecto á desoladora situación vivida pola última, a penúltima e a antepenúltima dramaturxia galega?

Perillo, abril de 2000

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega