![]() ![]() |
Animais Animais |
||
|
|
|
v2xoanabeleiraanimais001.html
Vulpes Vulpes
(Raposo)
I
Asísteme a noite
O ceo en cío
A lúa en
Vulva que reverbera en min
Coa insultante audacia das bestas
O inverno
Preñado de lentidude
Conformoume
Ollo por ollo dente por dente
Coma unha lingua na coveira
A miña tebra reborda
Son o que teño este desexo
E canto teño
Debe buscar saír procurar
Algún espacio que o comprenda
II
Saio
A escuridade súmase
Á escuridade
O teu ferún é o rastro que me alimenta
Qué ben saben as estrelas excitadas
A crabuña do meu sufrimento
E cómo te figura o ar a ti
A quen coñezo e non coñezo
Dende o roibén da miña nai
Os lameiros polos que me arrastro
Están a falarme de ti
O furón intimidado
A curuxa obnubilada
Están a falarme de ti
E olla os umeiros cómo salmean
Cómo repican as abeleiras
Falando a falándome de ti
III
Este é
O desposorio
Mirade
Ouh pais ouh nais todas
Que ó longo do ciclo
Penoso da existencia
Levástesnos no sangue
Para cumprir este momento
Este é
O desposorio
Mirade
Mirade cómo se abre
As veas o río
A portentosa matriz do val
O lubre de carballos
Para nos dar abeiro
Mirade que non hai ninguén
Xa ninguén hai entre nós
Que recibimos nus
Interiormente nus
Á fin a bendición
IV
De volta ó corazón
Onde non me pertences
Cheguei a ti animal
Onde non me pertences
E agora aséxasme asédiote
Pequena femia descomunal
Toco a rebato na porta
Remexendo o borrallo
Visceral co meu fociño
Ah sí recoñézote
Olga nova sementeira
Ti es ti a que esperaba
Esta é a pel da miña pel
A confluencia dos meus ósos
O lugar para morrer
Que xa tiña previsto
E agora adéntrasme adéntrome
Os dos
Lambéndonos a cara
Revocándonos as feridas
De volta ó corazón
Bebo o teu corpo o teu corgo
Cheo de chuvia o teu seixo
Como o teu corpo a dentadas
O mellor ser do meu ser
Chego ata o cume do fondo
Xémesme xemes xememos e
Coas primeiras puntadas da alba
Estou cosido ó teu ventre
Raposa
|
|
|
![]() |
![]() |
© 2006 Biblioteca Virtual Galega |