A primeira visión

 

(Texto íntegro)

 

v2marialadoprimeiravision.html










A escena colga da marxe da pantalla




















Está feita de pegadas dos homes:




















...do incesto edénico...




















hai arañeiras de mitos fóra,
o asubio inexistente
o murmurar morboso
morden o valado do monte.
(Eva ve a rexión das serpes polo punto de luz)
E esvara...
Pola fría
             branca
                       suave pel
(Eva amárrase á costela do novo ser)
Entra no ramallo da árbore salobre,
quece entre os peitos o froito,
renace da escuma das augas albinas,
e descansa sobre un enorme pene de herba,
xurdido do incrible océano.




















...da morte de Deus...




















Xurdiron no tempo do sono,
nas noites que tentei morrer,
como ti o fixeras tempo atrás,
almas escritas en papeis engurrados
mentes comunistas
guerreiras e amantes
de neno salvaxe
(cheo de gracia)
que liberou á humanidade
da ruína do esquecemento.
Así emborracheime nun deses poemas de motel,
e o vodka
fíxome colgar
bandeiras comunistas sobre o altar.
E chamei a berros
Pero el non saiu (como esperaba).
E bebín bágoas de sangue
derramadas sobre folios de mala calidade
e convertéronse en néctar.
E comín bicos
arrombados entre liñas azuis
e transformáronse en pan.
E entendín
que os corpos observan dende abaixo
mentres eu te amo.




















...do sindicato dos pobres....




















O agro de detrás do rio, levantarse cedo para ir ao mar, as tertulias no
serán, o pai matando o porco, unha ducia de ovos menos, frixir o xeonllo
contra o chan, os bicos da terra no peito, a luz, a poñer patacas, bañeira
e podemos cagar sentados, ansia de federación, cociña de gas, en todos
os sitios de traballa, o galego á escola, o estraperlo, poñer máis patacas,
crónicas do moderno, ter moita terra na Habana, a cidade onde tecen néboa,
Manuel Antonio versus Valle Inclán, rexionalismo, o sincero dictante,
Marx tamén podería ser galego, grapo, o galego dialecto ( ¡¿é unha coña?!),
o misto máxico, seguido choran os deuses por nós, te uve ga, galego
tridimensional, atençâo: la Vos de Galicia, El Rei, o Papa tamén (que non
falte nin dios), os campos de leite, aserrar polo Galaico ata que se nos
despeguen, o chan de arume, aínda poñemos patacas, máis tertulias no
serán, máis mar, chourizos, galiñas, máis porcos e máis rinchóns, a eira,
traballos do tempo novo, grelos, millo versus xabaril, facer cestos de
corres, os bolatos da masa da artesa, balumada, cogomelos, os luns...
o sindicato dos pobres.




















... do home do sexo poscrito...




















Colgaba unha pingueira dos aramios enfiañados
que compuñan o cadro da cidade
e todas as noites iamos pintala de ferruxe
para que caera sobre aquel viaxante irritado
e o desfixera polo baixo mal rematado
porque non abrías as caixas de música
que che regalaramos,
nin baixabas ao hades a rescatarnos
nin querías vestirte de nós na loita.




















...da muller que foxe dos peitos...




















Teño mentiras amarradas á traquea
por iso cuspo en intentos de anorexia.
Teño unha bala proxectada no peito
e bótasme sal na ferida aberta.
Teño medo de que non saibas coser
con teas de viúva negra o meu corpo.
Teño o embigo medrado de medo
para alugarte mellor, se vés de roxo.
Teño cogomelos do pan no útero
teño queixo con furadiños nos pulmóns
teño chícharos insomnes entre as costelas
teño un virus publicitario na autoestima
teño instintos que me psicanalizan
teño sorte...de que me teñas.




















...da calada de adolescencia...




os campos do opio medraron do roxo e do negro
e escribes calcáreas liñas sobre a alfombra
          para encontrarmos o camiño de volta...



...A ilimitada e especial
cea dos sentidos
   comeza,
(as notas máis agudas
da caída das estrelas)
lévame ata a despensa e invítame a quedar
danzando en círculos de vals entre as abellas...
únxeme,
fai o primeiro debuxo de cinza sobre os ollos
ensaiemos a escena dos aplausos
na que vai, de boca en boca, a inocencia do autor...
Envolvereite nas páxinas do libro das profecías
amarrado en regalices e nubes rosas
teño máis amigos comigo,
xusto aquí, dispostos a merendarte con pan.
O primeiro animal do xénese trae mapoulas para nós
cóntame a historia da desorde sensorial
(liñas ecuatoriais para tecer sabas,
e os animais cos ollos máis grandes
caídos no chan de cunchas das latitudes mortas)
               agarda un momento...
(...o poeta convértese en visionario)
preciso un alento de dúas letras.




















...da primeira erección...





As rúas das cópulas na necrópole
Polos bulevares da visión, sígueme,
eu farei o resto
as papilas degustando o alcohol
feito corpo de pans ácimos.

A besta do sexo afoga no fondo do vaso

Cambias de repente,
do cuarto mouro da feluxe
ó mar aberto...
a salguidade sae dos corpos
e esvara nas coxas
como pulgas de area recén nadas
¡cantas vidas perdemos!



O cuarto de ceminterio
sobre a mámoa do antihome
ó carón do deus,
na cinza do daimon.
Ó sol
As árbores
O cheiro a podre.










....do solimán lácteo que sempre cospes...




















é a marea que derrete o glaciar antártico,
e vemos pingüíns debuxando piruetas entre as nubes,
focas cabaretistas con plumas de cores,
e aquela morsa tan simpática da liña erótica.
Anéganse as praias,
enches os vales e os montes de ti,
quécesme o corpo co alento
mentres eu me esvaio por defender o castelo,
e miro para o teu can,
porque sei que che gusta que o mire mentres rodamos
costa abaixo.
Tírasme caldeiros de auga con limón pola gorxa
E bañas de escuma a lonxanía dos meus sentidos.




















...das imaxes que inchan a memoria...





Paríronme nun coche da Velvet Underground
no día da resurrección dun taxista melenudo,
e pegóuseme un ritmo de suspensión con coda
e un cheiro a naftalina, que era o que había.
(aquela vella puta acendeume nos ollos as luces da cidade dos médicos e cegoume)
leváronme á barra das patacas nun cesto de aro
ao lado da poleira das galiñas vellas
e chocáronme na cabeza ata que llas metín ao caldo
para almorzalas cuns amigos e chocolate.
(dobreime sobre a taza do váter e cuspín miserias de anoréxica e bulímica)
merquei uns guantes negros e uns panos de papel
e planeei punto por punto a morte das miñas bágoas
e mentres as esganaba sobre un nacemento de cortiza
fixen un trío con afrodita e un rapaz en cueiros.
(as mulleres de branco e o corvo visítanme de cando en cando e susúrranlle aos oídos do meu cabalo palabras obscenas que o fan tolear)
matei o pai, a nai e as ninfas que o criaron
e metinos en sal nunha hucha con tapa de uralita,
e todas as noites chegan os anacos á nosa cama
e empéñanse en dicir que somos cadáveres poéticos.
( no noso cuarto hai sobre a madeira uns grans de sal que a van roendo ata que chegue o día en que podreza, e vexamos polo furado que fagan a terra onde nos metan)




















....do sangue morto ou vivo...





Ás dezanove trinta cortouse a manteiga, a galiña chocou ovos de sangue ecaeron as potas do alzadeiro.
Son as dezanove e trinta e un . De noite sentiron falar xente no castro, non sei se vivos ou...
Son as dezanove e trinta e dous. Disque o lobo matou un home no monte.
Son as dezanove e trita e tres. Hai un can roldando a casa do cura. Ouvéalle pola noite e sei que se lle mete na cama da criada.
Son as dezanove e trinta e catro. Haberá dous días que aquel mendicante lle falou ao finado do meu home na taberna.
Son as dezanove e trinta e cinco.O ferreiro e a muller foron sacar o fillo da campa vella para poñelo na que están facendo e atoparon un galo e unha galiña apertados contra el.
Son as dezanove e trinta e seis. Lévano para o monte das laxiñas. Come ben. O que me dean. Escríbelle á mestra, que me lea ela. Dalle un bico a teu pai. Pasaron sete por min no río. Métete na casa do cura. Xa levaron a teu irmán.
Dálle un bico a teu pai.Márchanos sen criar. Aínda non te coñeces. Adeus meus olliños bonitos. Rézalle moito, como che dixen.




















...do que gostamos e do que non...





A música derramada pola autopista azul
a primeira visión do home -daimon
deslizarme dentro da inconsciencia do cristal
saberme dóce no fotograma coa morte...
se a mente esperta e acaba o rumor do subconsciente
abre un furado na resurrección
e enterra en sal os meus libros.




















...A escena faise , en fin,
do mito, do sexo e da morte.



A escena colga da marxe esquerda da pantalla
Está feita de pegadas dos homes:
do incesto edénico,
da morte de Deus,
do sindicato dos pobres,
do home de sexo proscrito,
da muller que foxe dos peitos,
da calada de adolescencia,
da primeira erección,
do solimán lácteo que sempre cospes,
das imaxes que inchan a memoria,
do sangue, morto ou vivo
do que gustamos e do que non.
A escena faise en fin
do mito , do sexo e da morte.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega