As pucharcas da lembranza

 

As Pucharcas. Fragmento

 

Pagina nueva 1

                                ...só para ouvir passar o vento vale a pena ter nascido

                                                                                  (Fernando Pessoa)



    As pucharcas, tan abondosas na nosa xeografía, son esas pozas de auga límpida -lagoas mínimas- que quedan no chan despois de longas xornadas de choiva invernal ou de célebres bátegas estivais. Son, dalgunha maneira, os testemuños serenos que suceden ás convulsións climáticas (tempestades, orballos, aguaceiros...), pero que xa non forman parte delas. Son, pois, a calma -quizabes a reflexión- que resta tras da treboada e que, pouco a pouco, despois de amosa-la súa inxeleza sen mácula, se esvae e evapora, ata quedar soamente o corgo baleiro e seco.
    Pero mentres VIVEN, as pucharcas, illadas ou en mestas córgamas, son os nidios espellos nos que se mira o universo enteiro. Dicían Noriega Varela e Iglesia Alvariño que nelas se veñen lavar de noite as estrelas (e eles, grandes poetas, debíano saber). Porque é ben certo que nas pucharcas se reflexan minguadas e recheas lúas, se desdobran lucentes raiolas aquecedoras, peregrinan as máis variadas nubes e escóndense as néboas máis pechas. Isto ninguén o nega. Pero...
    Pero, a miúdo, remexidas polo vento as pucharcas xogan a crear imaxes, a crear mundos, coma se foran espellos cóncavo-convexos insatisfeitos cunha realidade demasiado lenta e igual. Entón revélase (velaí o misterio desvelado) que a súa verdadeira esencia é, paradoxicamente, a súa xovial mobilidade, a súa permanente nenez brincadeira,. en suma: a súa inmensa capacidade creadora. Por iso as pucharcas que son tales MORREN novas. Despois de amosar, durante breves días, a súa peculiar visión dun universo que desfilou diante delas e co que, velaíñas, xogaron sen dó.


                                                                                                                        C. G. R.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega