![]() ![]() |
Branco e negro |
||
|
(Texto íntegro) |
|
BRANCO E NEGRO DE GUSTAVO PERNAS CORA Esta peza foi estreada pola Compañía ANCORA PRODUCCIÓNS o 3 de novembro de
Home e muller vestidos de branco e negro. Sala de espera con dúas sillas.
EL - (Incómodo) Vai calor, ¿eh?
ELA - 1300.
EL - ¿Cómo?
ELA - 1300º aí dentro...
EL - ¡Ah, si...! Iso lémbrame a cola do pan...
ELA - ¿Que?
EL - Tamén vai calor... o forno, xa sabe, e hai que esperar... claro que de pé... e alí faíseche a boca auga...
ELA - ¡Aah! (Rompe a chorar) ¡Auga!
EL - ¿Quere beber?
ELA - Non somos máis que auga...
EL - É bo chorar.
ELA - Nun 80%...
EL - O que faga falta.
ELA - Un 80% de nós é auga...
EL - Non crea que non o intento...
ELA - Tódolos días...
EL - Pero non podo...
ELA - Tódolos días ás 5 da tarde...
EL - ¿Ás 5?
ELA - Despois do café.
EL - ¿O café?
ELA - Choro...
EL - ¿Sempre?
ELA - Era o seu costume...
EL - ¿Tamén choraba?
ELA - El non (Moi seria)
EL - ¿O seu home?
ELA - (Asente)
EL - (Achégase a proscenio) ¡Aah, non podo...!
ELA - ¿Que lle pasa?
EL - Que non irrita nada.
ELA - ¿O que?
EL - O fume... nin para chorar vale... esta fumata.
ELA - ¿Aínda segue?
EL - Non contamina nada.
ELA - Dixeron que era inocuo...
EL - Estéril...
ELA - Inmaculado...
EL - Puro.
ELA - Branco...
EL - E inodoro (Cheira) Pois non... non cheira nada...
ELA - ¡Ai, tecnoloxía alemana...! ¿Canto faltará?
EL - Non sei. Se cadra un 5 ou un 10%.
ELA - ¡Ai, é terrible!
EL - Unha película mala.
ELA - Un pesadelo.
EL - Quero dicir que nas películas malas coñécese o final desde o comezo... e aquí o final non hai quen o cambie... pero nas consultas dos médicos... iso é outra cousa... ¡que suspense...! ¡Aah! Nada (Intenta chorar outra vez) Levo acumulando tanto que...
ELA - ¿A súa muller?
EL - (Asente)
ELA - ¡Estaba enferma?
EL - Nas últimas semanas.
ELA - Coma el.
EL - Malas dixestións.
ELA - E logo os intestinos...
EL - Foi doloroso.
ELA - Foi moi rápido.
EL - Era tan guapa e delgada...
ELA - Era tan forte...
EL - E tan delicada
ELA - E tan cariñoso...
EL - E tan disposta...
ELA - Tan baril.
EL - Tan discreta.
ELA - (Chorando) ¡Ai, como amaba!
EL - Como se entregaba...
ELA - ¡Con que paixón apertaba...
EL - Como bicaba...
ELA - Con que furor.
EL - Con que ardor... Teño a sensación de que xa nos coñecemos...
ELA - 1300.
EL - ¿Como?
ELA - A 1300ª non queda nada.
EL - Nin rastro.
ELA - Nada.
EL - ¿Que son os ardores do amor comparados con isto?
ELA - Nada... ¡Aah!
EL - Sen embargo.,.. Nada... non me sae... e iso que a ocasión...
O altofalante interrompe o diálogo. É unha voz neutra, serena....
ALTOFALANTE - Por favor, número 5735 pase pola porta unha...
EL - Ese son eu...
ALTOFALANTE - Por favor, número 6924 pase pola porta dúas.
ELA - Esa son eu... (Mirando o número que saca do peto)
Ámbolos dous diríxense cara ás portas laterais de maneira que chocan ó cruzarse no centro.
OS DOUS - ¡Perdón!
Saen. Uns segundos despois volven entrar cada quen cunha urna funeraria nas mans e preséntanse.
EL - A miña muller...
ELA - O meu home...
Chocan as urnas a modo de saúdo.
EL - Encantado.
ELA - Encantada...
EL - (Mirando o reloxo) Xa ve, dúas horas.
ELA - ¡Ai, en tan pouco tempo...!
EL - Xa o dixo o cura... "En dúas horas aquí facemos o que a natureza fai en 20 anos..." ¿Qué vai facer con el?
ELA - Non sei, se cadra deixareino na libreiría da casa... ¡Gustábanlle tanto os libros!
EL - Ocupa tan pouco.
ELA - ... Ou gardalo nun nicho...
EL - É tan práctica.
ELA - Semella un xarrón...
EL - ¡Ai, era coma unha flor!
ELA - ... Ou espallalo na area...
EL - ¿Na area?
ELA - Si... tal vez nun recuncho da praia...
EL - (Agre) A ela tamén lle gustaba a praia...
ELA - Ben, xa rematou todo...
EL - Foi un pracer...
Volven chocar as urnas, logo rectifican e chocan as mans. Cando están a piques de saír. EL observa a etiqueta da súa urna...
EL - ¡Pedro!
ELA - ¿Que?
EL -(Horrorizado) ¡Pedro Caldas! ¿É o seu home?
ELA - ¿Cómo o sabe...? (Mira tamén ela a súa urna). Amalia Tórrida... ¿é a súa muller...?
EL - ¡Pedro!
ELA - ¡Amalia!
Deixan caer as urnas. As cinzas esparéxense polo chan.
EL - ¡El!
ELA - ¡Ela!
Recollen como poden o contido das urnas que semella mesturarse. Intentan disimular.
EL - Confundíronse.
ELA - Equivocáronse.
OS DOUS - ¡Que desgraciada coincidencia...!
ELA - ¿Coñecía ó meu home?
EL - De vista... Grandón el, ¿non?
ELA - Algunha vez vina a ela... branca de tez, ¿non?
EL - Estaba moi consumida...
ELA - Entendo.
EL - 40.000, supoño.
ELA - ¿Como di?
EL - O prezo que lle deron.
ELA - ¡Ah...! 40, si, creo...
EL - ¡Ha! Os médicos cobraban menos...
ELA - Aquí non hai diferencias...
EL - Claro que xa non haberá máis consultas.
ELA - Nin de clases...
EL - Nin máis salas de espera...
ELA - Nin de sexos... nin...
EL - Pero si de peso...
ELA - Ó final somos todos iguais... gran máis, gran menos...
EL - Confúndese vostede... Os nenos menores de 6 anos levan desconto, ¿sabe?
ELA - ¿Tamén aquí?
EL - Unto sobre a tixola...
ELA - ¿Que? (Desconcertada)
EL - Ata os 6 anos a penas teñen ósos, ¿entende? Unto sobre a tixola... a urna baleira, señora... É tan desagradable para os pais... o cura aconsella que non veñan con nenos...
ELA - Desde logo non é un lugar axeitado para esa idade...
EL - 35 tiña ela.
ELA - 37 tiña el.
EL - 1300.
ELA - Non queda nada.
EL - Era tan fráxil.
ELA - Era tan atento.
EL - Era tan pálida.
ELA - E el tan moreno...
EL - ¡Branco e negro!
ELA - ¿Como?
EL - Observe (Abre a súa urna) ¿Ve ese puntos brancos? Son os ósos... A 1300º todo se evapora... as vísceras licúanse... a caixa desfaise e só quedan os ósos... Branco polos ósos...
ELA -¿E ese puntos negros?
EL - Negro polo cerebro... ela non tiña moito... se me permite... (Colle a urna dela, mete un bolígrafo e remexe nas cinzas con el). Eses puntos negros, gordos, son o cerebro... que se vai reducindo pouco a pouco coma unha pasa... O seu home tiña máis cerebro...
ELA - O importante non é o tamaño.
EL - Ela non pensaba o mesmo...
ELA - A algúns redúceselle en vida.
EL - Era tan inxenua...
ELA - Tiña unha intelixencia negra...
EL - Pero non me fixeron desconto...
ELA - ¡Amalia!
EL - ¡Pedro...!
ELA - ¡Ah, como amaba!
EL - Non podo chorar...
ELA - Tódolos días ás 5 da tarde...
EL - Saía da casa...
ELA - Despois do café.
EL - ¿A onde vas, Amalia? Preguntaba eu...
ELA - A traballar, dicíame Pedro.
EL - A dar unha volta contestaba ela...
ELA - Tódolos días ás 5 en punto da tarde...
EL - Coma se entregaba detrás das canas.
ELA - El enriba dela.
EL - Ela debaixo... na area.
ELA - El enriba dela... Branco e negro...
EL - Eu detrás dun carballo.
ELA - Eu detrás dun castiñeiro.
EL - ¿Era vostede a que asomaba...?
ELA - ¡Iolanda Fontes...! ¿Era vostede o que se agachaba?
EL - Benxamín Seco. ¡Amalia!
ELA - ¡Pedro! Como choraba eu de rabia.
EL - ¡Ai!, como me aguantaba eu... Era tan grande e tan forte...
ELA - Era tan fráxil ela.
EL - Pero ben que aturaba o corpo del...
ELA - ¡Aiii! Era ela.
EL - ¡Aiii! Era el.
Os dous remexen cada vez con máis forza no interior das urnas, salpicando as cinzas polo chan.
OS DOUS - Queimados polo sol... sobre a area...
ELA - Despois do café.
EL - É tan inocuo...
ELA - Tecnoloxía alemana... e os alemáns disto si que entenden...
EL - É como azucre... Poderíase botar no café... Inofensivo...
ELA - Unhas gotas no café pasan inadvertidas...
EL - (Cómplice) ... Unhas gotas que se mesturaban nas súas linguas...
ELA - Un bo invento...
EL - Non queda nada....
ELA - Nin virus.
EL - Nin bacterias...
ELA - Non era máis que auga... o 80%...
EL - A 1300º...
ELA - Nada.
EL - Nin cheira... Branco coma a fariña do pan...
ELA - Como a area da praia...
EL - Negro coma a noite negra...
ELA - Estéril.
EL - ¿Sabe?, esperaba un neno.
ELA - ¿Amalia?
EL - E Pedro...
ELA - Nin rastro.
EL - Fume branco...
ELA - ¡Ai!, que son aqueles ardores comparados con isto.
EL - En catro semanas pódese facer o que a natureza tardaría 30 ou 40 anos... Non aturo as salas de espera...
ELA - ¿Un café...?
EL - Sen gotas.
ELA - Por suposto...
EL - ¿E despois..?
ELA - Despois está a praia... as canas... e eles mesturados ás 5 da tarde...
EL - Si, espallados ó vento.
|
|
|
![]() |
![]() |
© 2006 Biblioteca Virtual Galega |