Cantos milesios

 

[Escolma]

 

v2vazquezpintorantoloxiapoetica.html

                   Salmos de Fisterra

                                  

            Para as nosas fillas, para os nosos fillos, os de sangue e os outros.


Desterro

Nas areas sentabámonos a chorar 

polo estrago na herdanza.
¿E como haberiamos de cantar 
en lingua estraña
por moito que nos roguen?

Devastadora forza onde os fillos 
naufragan botando da boca a nosa 
caste, deixándoa sen cuspe,
co alento a resecarse.

Ditoso quen perdoe tanta iniquidade, 
ditoso quen poda non chorar ante
os antergos cimentos arrasados 
polo mal, afinándose harmonioso 
en ignaro desprezo feridor
do comunal en chagas múltiplas,non 
pechas, por onde a linfa verque morna, 
esborrallando os doces horizontes 
contra os días.

Que mocidade traerá o cauterio
en amorosa lingua sandadora dicindo: 
a desventura que nos fixo trouxo
na sabedoría das cousas un designio
a escribirse nos nosos
corazóns baixo a luz podre, ingrata
das desercións masivas, baixoa luz
nas derrotas sucesivas escribiu
un designio.





                                     Ao Xosé Freire


Ponte do Pasatempo

¿Cómo dicir en lingua ameazada
ou cómo conxugar na venda os verbos?
Esganado no berce o noso canto
resistir sen o amparo dos fortes,
querendo ser, agoniantes
do xúbilo post-posto,
entre a xente de pálpebras altivas.

¿Quen poderá acordar os nomes todos
herdados, xeradores doutros novos;
cando chegaremos a nós aquén do 
perfecto simulacro?

Respiremos xuntos a escuridade
aínda nosa, facéndonos máis 
nós dentro da interrogante,
vivindo os nosos días sabéndoos
mesmamente Ponte do Pasatempo.





Sinal

Agoniante mantenza
como luz corrompida
ves, rémora, lastrándonos a vida
obrigada cos verbos secuestrados.

Atopamos saqueadas as bocas,
a lingua devastada.
Doente ameazada, co maternal
perfil virado a obriga,
ven o teu estertor armándonos de distancia
e sufrimento ledo
mentres soñamos cun
canaval de verbos renacidos
e dicimos: inzar








 

 


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega