Centileos nas ondas

 

Escolma

 

m2lopezabentecentileosescolma.html

Centileos nas ondas

Lostregueante choviscar de estrelas
no escuro seo dunha noite en calma;
labarada de anceios e da arelas
a arder na seca gándara da ialma.

Anceios meus de lles roubare aos mares
rondas de escuma, pérolas nacradas,
rebrilos de ronseles estelares
nos albos colos das mariñas fadas.

Ladrón, a vixiar nas penedías,
nas pardas lombas dos adustos cabos,
no fervente balbor das ardentías,
nas mouras furnas, nos rochedos bravos.

No brancore dos seixos dos coídos,
no morno abrigo das arnelas fondas...
só puiden apañar estes louridos
centileos nas ondas.



O cabaleiro ensoño

Con o corazón na man,
por unha branca vereda
que enriba do mar dormido
fulgurante centilea,
vai o cabaleiro ensoño,
envolto en manto de pérolas,
na popa do seu navío
leve e souril que navega,
baixo o riso do luar,
cara a lonxana ribeira
onde a dourada ilusión
entre as escumas se espella.

Os mastros son dous sospiros,
esteos de loura brétema,
cruzados polo velame
inmaculado da idea
que infra o vento perfumado
da brisa azur das arelas.

Con o corazón por leme,
envolto en manto de pérolas,
leva o cavaleiro ensoño
súa belida goleta
polo vieiro da lúa
cara a ilusión lonxaneira.

Apóusase cansa a lúa
nos petoutos da alta serra,
fenecen os centileos
da enganadora vereda,
desfaise a ilusión brilante,
trónzanse os mastros e as velas,
e nos roquedos da costa
naufraga a linda goleta.

Morto o cabaleiro ensoño,
guíndano as vagas lixeiras
nas entranas pavorosas
dunha furna fonda e negra.



Nosa Señora a Terra

A tremer as raiolas derradeiras
no vivo azul do palio da serán
e a broslar con fulgor de escentileos
o líquido mantel do sagro altar;

Nosa Señora a Terra de xoellos
escomeza a rezar,
e aló na lontanía a hostia santa
ensanguentada nos abismos cai.

A fonda escuridade bate as azas
no misterioso oriente; a tarde xa
recolle as súas ledas galanías
esprendentes de lus e craridá.

Morre o día na crus do lusco-fusco,
aguniza na door crepuscular;
os vermellos callóns de sangue quente
esmorecendo no seu corpo van.

Nosa Señora a Terra de xoellos
continúa a rezar,
ollando como aló na lontanía
a rosa da esperanza se desfai.

Para lle dar o adeus da despedida
abala o branco lenzo dun praial
e adianta cara alén un brazo espido
por enriba do mar.

Baixo o manto de sombras torturadas
que en silenzo reméxense no ar,
Nosa Señora a Terra de xoellos
non cesa de rezar.



Náufragos

Pola pendente
da costa costeira,
canea a xente
de mar, mariñeira.

Adoecido furor de penedos
desarranxados nun caos informe,
onde a fecunda creadora de medos
non asosega nas tebras nin dorme.

Brados firentes -coitelos buídos-
riscan da noite na entrana esgazada,
voan nas azas dos ecos fuxidos
i erguen pantasmas na fonda escurada.

Baten as vagas de mar nas orelas
contra o roquedo varudo i ergueito
e nos algarves das bravas arnelas
roxe a madeira dun barco desfeito.

Náufragos ruben a costa da vida
sen que reluza no cume un luceiro;
sin a esperanza na triste rubida
de acharen rumo nen fácil sendeiro..

Sen o máis lene fulgor no hourizonte,
cunha traxedia mortal na ribeira,
polos penedos do tétrico monte
canea a xente de mar, mariñeira.



Sen rumo

O mariñeiro sen rumo,
perdido na indiferenza
asoballante do mar,
deixa ir a súa nave,
sen leme, mastros nen velas,
á ventura a navegar.

A correr pasan os ventos,
pasan as vagas lixeiras
cara lonxe, cara alén,
sen decatárense da alma
que de igual xeito quixera
rápida voar tamén.

Fonte a gurgullar desexos
que se perden nas areias
dun estéril areal,
o espírito senlleiro
remexe ilusións na esteira
do seu finado ideal.

O sol déitase no ocaso,
as sombras da noite medran,
póñese o vento a sorrir,
e o mariñeiro sen rumo
guinda coa vida baldeira
nunha ardentía souril.



Mar calma

Oise no vento lixeiro
con doce e lene balbor:
- ¿Onde vai o mariñeiro?
- ¿Onde vai o meu amor?
Brancos rizos, despieitados
polo alento do nordés rebuldador,
nos cabelos ondulados
e salgados
do magnífico e soberbo trovador:
¡Noso mar e gran Señor!
Chora a sombra negra, estraña,
dunha nube derradeira
que a mol brisa cantareira
ledamente desfiaña;
o sol marcha paseniño
recorrendo seu camiño;
con el van,
nun tropel de gargalladas,
as risadas
escachadas
da serán.
Pra o lonxano
mira ufano,
co seu ollo brilador,
o varudo vixiante,
o xigante
cabo fero e bruador.
A pulos da branca vela
arredándose da orela
fuxe a pesca embarcazón;
man na escota, ergueita a frente
con altivo e nobre porte,
o mariñeiro valente
leva o brazo rexo e forte
aferrado no timón.
Debullando vai na espiga
xermolada en dura loita
no xardín do seu querer,
e paréscelle que escoita
o son de branda cantiga
dunha belida muller.

Sinte no vento lixeiro,
con doce e lene balbor:
- ¿Onde vai o mariñeiro?
- ¿Onde vai o meu amor?

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega