Cruceiros, cruces, petos e monumentos funerarios no concello de Forcarei

 

(Texto íntegro)

 

v3franciscorozadoscotaredo.html

     É verdadeiramente socorrido o pensamento de que os galegos consideramos terra allea aquela na que non dexergamos ningún cruceiro. Digamos que o cruceiro trascende o ámbito dos elementos etnográficos e dos símbolos para chegar a ser, ademais deso, case mobiliario aldeán. Ou sen case, porque moitos dos cruceiros que neste traballo veremos foron mudados de emprazamento, e algúns mesmo máis dunha vez. Os cruceiros forman tan parte material da nosa cultura e identidade histórica coma a Santa Compaña parte espiritual, e resultan tan fermosamente tópicos no noso contorno coma o carballo ou o castiñeiro nas nosas fragas.
     Coma en toda Galicia, os nosos cruceiros serviron en tempos para nutrir toda caste de tradicións máis ou menos relixiosas, acompañadas ás veces por certas insercións rancias e superviventes de tradicións que máis tiñan que ver coa paganía. Persoas ofrecidas ó Santo Cristo da Agonia de Meavía daban voltas de xeonllos en torno á igrexa e cruceiro, e hai quen apunta: "... tamén a xente endiañada ". Moitos adoitaban ser adobiados con flores (aquí temos xa unha clara pervivencia pagá, a dos cultos naturalistas e fillos tanto da tradición druídica coma da grecorromana).
     Existen mil detalles curiosos en torno a eles. Algúns, coma o de Quintelas de Riba, na parroquia de Dúas Igrexas, posuían un peto de pedra nun oco entre as pedras da base, hoxe perdido, onde os veciños metían cartos que axudarían despois a financiar a festa do lugar. Outros casan as lendas coas propias dos castros, coma no caso do de Soutelo, onde se cría que baixo o cruceiro e subindo pola rúa de Santo Domingo, había unha trabe de ouro e outra de alcatrán. Se se buscaba a de ouro, corríase o risco de atopar a de alcatrán, que queimaría a vila, lenda que tamén se atribúe ó castro de Loureiro, en Dúas Igrexas e á súa doncela, a Loureiriña. Garda, ademais, este cruceiro unha forte relación estilística e formal co de San Marcos, da lindeira freguesía de Pardesoa —posiblemente fosen os dous obra do mesmo autor—. Tamén se repite a lenda do tesouro deixado polos mouros no cruceiro de Vilariño (Millerada) e no da capela do Castro, en San Miguel de Presqueiras.
     En case todos paraban antes os enterramentos, e moitos marcaban o camiño cara o mosteiro de Aciveiro ou a proximidade do río Lérez—de novo a dicotomía relixión-natureza—.
     Nas ilustracións e fotografías acompañadas de textos específicos que seguen non están todos os que son, por non estendérmonos demasiado nas páxinas desta publicación. Un inventario máis exhaustivo daría o seguinte resultado —coa aclaración de que non todas as que se cítan existen xa—.

    —Parroquia de San Xoán de Meavía:
    • Cruceiro parroquial (Igrexa)
    —Parroquia de San Bartolomé de Pereira:
    • Cruceiros de Nercellas
    • Cruceiro parroquial (San Bartolomé)
    • Cruz de Muras
    • Cruz de Castro
    • Cruz de San Bartolomé
    • Cruz de Cerdeiriñas (San Bartolomé)
    —Parroquia de San Pedro de Quintillán:
    • Cruceiro parroquial ou das Procesións (Quintillán)
    • Cruceiro de Quintillán
    • Cruz da Graña de Cabanelas
    • Cruz de Rozados
    • Cruz de Leboso
    —Parroquia de Santa María de Aciveiro:
    • Cruceiro parroquial ou do mosteiro
    • Cruz de Chousiño (Forno)
    • Cruz da Porteliña (Forno)
    • Cruz de Pedriña Longa (Rochela)
    • Cruz da Rochela
    • Cruz de Lamasgalán
    • Cruz de Filloi
    —Parroquia Santa María de Dúas Igrexas:
    • Cruceiro parroquial (Igrexa)
    • Cruceiro de Quintelas de Riba
    • Cruceiro de Valiñas
    • Cruceiro da Mámoa
    • Cruz de Rabadeiras
    • Cruz do Campo (Rabadeiras)
    • Cruz de Redondiñas (Rabadeiras)
    • Cruz da Granxa (Córneas)
    • Cruz de Xixirei (Igrexa)
    • Cruz de Jesusa (Igrexa)
    • Cruz da Veiga Grande (Loureiro)
    • Cruz da Ponte do Crego (Igrexa)
    • Cruz de Pascua Rozados (Quintelas)
    —Parroquia de San Martiño de Forcarei:
    • Cruceiro parroquial (Forcarei)
    • Cruz das Casetas
    • Cruz do Barriño (Salgueiro)
    • Cruz da Fontacoba (Chamosa)
    • Cruz da Granxa (Chamosa)
    • Cruz da Fonte de Baixo (Chamosa)
    • Cruz da Fonte de Riba (Chamosa)
    • Cruz do Cemiterio (Forcarei)
    • Cruz da eira de Mariño (Forcarei)
    • Cruz da Cruciña (A Ponte)
    • Cruz de Covas
    • Cruz do Paraugueiro (Covas)
    —Parroquia de San Mamede de Millerada:
    • Cruceiro parroquial (Igrexa)
    • Cruceiro de Hermosende
    • Cruceiro de Vilariño
    • Cruz da Serra (Berrozo)
    • Cruz de Quintelas
    • Cruz de Calvos (Fixó)
    —Parroquia de Santa Mariña de Castrelo:
    • Cruceiro parroquial (Barciela)
    • Cruceiro de A Mámoa
    • Cruz do Vieiro
    • Cruz de Cotoaciveiro
    • Cruz das Millaras (Murada)
    • Cruz da Murada
    • Cruz do Chucareiro (Murada)
    • Cruz da Capela (Liñares)
    • Cruz de Valameán (Lerce)
    • Cruz do Coto do Río (Lerce)
    • Cruz da Barciela
    —Parroquia de San Nicolás de Ventoxo:
    • Cruceiro parroquial (Ventoxo)
    —Parroquia de Santa María Madanela:
    • Cruceiro parroquial (Soutelo)
    • Cruceiro da Madanela
    • Cruceiro de Sanguñedo (particular)
    • Cruceiro de Codesás
    • Cruceiro de Soutelo
    —Parroquia de San Miguel de Presqueiras:
    • Cruceiro parroquial (San Miguel)
    • Cruceiro de Nosa Señora do Castro
    • Cruceiro de Outeiro
    • Cruceiro de San Antonio
    —Parroquia de Santa Mariña de Presqueiras:
    • Cruceiro parroquial (Alfonsín)
    • Cruz de Cernadelo
    —Parroquia de Santiago de Pardesoa:
    • Cruceiro parroquial (Pardesoa)
    • Cruceiro de Santiago
    • Cruceiro de San Marcos


     CRUCEIRO PARROQUIAL DE ACIVEIRO: Data de 1893. De plataforma triple e pequena basa triangular coas caras curvas. Fuste dividido en tres partes segundo a súa sección: cadrada, octogonal e cilíndrica. Ten a media altura a figura da Verónica portando a Santa Faz nun pano. O capitel é composto e a cruz cilíndrica. Nun lado o Cristo, enriba dunha caveira e tibias, cun anxo recolléndolle o sangue que lle agroma dun costado. No reverso a Virxe das Dores coa espada cravada, soportada por unha peaña con cabeza de anxo, e dous anxos máis soportando un dosel.
     O fuste mide 3,40 m., a basa 60 cm. e a cruz 1,60 m. Emprázase no adro do mosteiro de Aciveiro. O seu autor, Xosé Ferreiro, foi tamén o artífice dos cruceiros da igrexa de Forcarei, de Cerdedo e dun dos que conforman o Vía Crucis de Quireza. Xosé foi un dos mellores mestres canteiros saídos da Terra de Montes, e naceu en tomo a 1850 no veciño concello de Cerdedo. Ademais das fermosas mostras da súa arte na comarca, sábese que tamén traballou nos castelos ferroláns de A Palma e San Martiño, e morreu en 1910, esmagado por un carballo.

     CRUCEIRO PARROQUIAL DE MEAVIA: Data do século XVIII. Érguese sobre plataforma cuádruple, con dous graos superiores moldurados. Posúe alta basa cúbica con entrepanos rectangulares nas caras. O fuste é octogonal e o capitel composto. A cruz ten sección tamén octogonal. Imaxes de Cristo e a Virxe das Angustias sobre peaña. A basa mide 85 cm., o fuste 2,40 m. e a cruz 1m. Emprázase no adro da igrexa de San Xoán de Meavía, fronte a ábsida. Funde os usos devocional e procesional.
     É tradición que no domingo de Pascua saia a procesión en torno a el e mais á igrexa. Lémbrase que, antigamente, utilizábase o contorno do cruceiro para á venda de froitas, en especial cereixas, que se poñían na plataforma do mesmo. Persoas ofrecidas ó Santo Cristo da Agonía daban voltas axeonlladas en torno á igrexa e ó cruceiro. Mesmo a xente que se consideraba "endiañada", é dicir, atribuíaselle tamén función exorcizadora. Non é moi probable que este cruceiro sufrira cambios de emprazamento, ou alomenos ninguén lembra oír falar deste suposto.

     CRUCEIRO PARROQUIAL DE VENTOXO: Data do século XVIII. Cun gran zócalo de apoio, plataforma dobre e basa cúbica sinxela. O fuste é octogonal (con comezo en sección cadrada). O capitel composto. A cruz cadrada con vértices redondeados. Imaxe de Cristo de estilo románico, coas costelas moi marcadas, e a figura dun freire (¿San Nicolás?) abrazando a súa perna dereita. Non está moi claro tampouco que a outra imaxe sexa a da Virxe ou a de Santa Bárbara. Está coroada por dous anxos, e sostén coas mans dous escapularios. Baixo dela, catro figuras espidas.
     A basa do cruceiro mide 40 cm., o fuste é de 2.20 m. e a cruz de 1 m. Na festa do Corpus e na do Santísimo (3° domingo de xullo) é tradición que saia a procesión da igrexa e dea unha volta ó redor do cruceiro, coa Custodia baixo palio. Diante do cruceiro, elabórase unha alfombra de flores e fentos compoñendo a figura da Custodia. Utilízanse sobre todo flores de codesos, hortensias, lirios da espadana e xestas. Tamén acostuma a se colocar diante da plataforma unha mesa con mantel. O pedestal que posúe é novo, arranxo de hai uns 25 anos, tempo no que tamén se restaurou a igrexa. O cruceiro perdeu a orixinal policromía.

     CRUCEIRO PARROQUIAL DE CASTRELO: De finais do século XVIII e principios do XIX, é cruceiro elaborado de plataforma única, basa cúbica coas caras curvas e unha pequena mesa circular apoiada nun só pé cilíndrico. O fuste ,de 3,10 m.,é octogonal, pero cadrado ata o primeiro tercio da altura.O capitel é composto e a cruz biselada con remate dos cantos en flor. lmaxes de Cristo de talla moi naturalista e a Virxe Dolorosa con espada de ferrro cravada no peito. A cruz mide 1m., e a basa 65 cm. Emprázase a carón do templo parroquial, no lugar da Barciela, e tamén fica preto dunha Torre de Alarma do século XIV. 
     O día da Patroa, Santa Mariña (18 de xullo), sae a procesión da igrexa, percorrendo a rúa lonxitudinal ata unha pedra-mesa colocada preto da estrada que vai a Folgoso. Alí, colócase un mantel na pedra e adórnase con flores, para dar a volta e seguir ata o fondo de novo. O cruceiro tamén se adorna con flores. Pode que o cruceiro sexa contemporáneo da rectoral, obra sobre a que se pode ler: "Esta obra se hizo siendo cura Dn. Alonso Reigosa 1859".

     CRUCEIRO PARROQUIAL DE PEREIRA: De moi recente construcción (anos 80-90 do século XX), sustitúe ó primitivo que se perdera nun accidente. Ten escalinata dobre e basa cúbica sinxela, de 45 cm. De fuste octogonal 2,10 m. cun primeiro tramo cadrado. O capitel é esquemático, sen talla. Cruz de sección cadrada e biselada que mide 90 cm., coas imaxes de Cristo e unha Virxe sostida sobre unha peaña moi plana.
     Figura dentro dos camiños procesionais dos enterros. Tamén pasa ó seu redor a procesión nas festas desde a igrexa de San Bartolomeu. Atópase nun cruce de camiños, á beira da estrada que vai a Aciveiro, marcando o punto de entrada á igrexa da parroquia de Pereira.

     CRUCEIRO PARROQUIAL DE QUINTILLÁN: Data do século XIX, aínda que a basa sobre a que se apoia, pola súa tipoloxía e inscricións, con toda seguridade serán de séculos anteriores (XVI ó XVIII). É un cruceiro moi elaborado, de plataforma triple cadrangular sobre a que se ergue, no derradeiro grao, unha mesa. A basa é cubica, con gravados en relevo de cunchas. O fuste, de 1,81 m., é de sección circular con éntase na parte central. No seu corpo dispófiense, con gran volume, elementos propios da paixón: escaleira, lanza, columna, martelo, man, cántaro, galo... Ten as imaxes de Cristo e da Nosa Señora das Angustias moi pegadas á cruz.
     É o de composición máis barroca de todo o acervo etnográfico do concello. Emprázase actualmente na carballeira de entrada ó adro da igrexa parroquial de San Pedro de Quintillán, aínda que foi trasladado dúas veces nos derradeiros vinte anos. Posiblemente a basa pertenza a un cruceiro antigo ó que sustituiría o actual. Introduce este exemplar innovacións formais, no groso vulto escultórico das pezas máis representativas: o fuste, o capitel e os relevos. En torno seu, sae a procesión o día da festa de San Pedro, desde o templo e o cemiterio adxacentes. No cemiterio atópanse esculturas funerarias de prodixiosa talla.

     CRUCEIRO PARROQUIAL DE PARDESOA: Procede de entre os séculos XVII e XVIII, agás a cruz e imaxes, que son do XX. De plataforma triple con mesiña no grao superior, basa de 45 cm. cúbica con entrepanos nos lados e unha figura de peregrino ou crego con báculo. Fuste cilíndrico de 1,90 m., estriado, no que metade das estrías desaparecen a partir da altura central. O capitel é composto e moi alongado. A cruz é moderna, mide 1 m. e presenta sección circular coas imaxes de Cristo e a Virxe. Atópase na carballeira de entrada á igrexa parroquial de Santiago de Pardesoa.
     Na mesma carballeira tamén se conmemora a célebre festividade de San Bieito. Utilízase nas procesións que saen da igrexa de Santiago, para dar a volta e volver cara o templo. O contorno é especialmente fermoso, con carballos, cipreses e prados, lonxe das edificacións, nun lugar afastado onde só se atopan o cruceiro, a igrexa e o campo da festa.

     CRUCEIRO PARROQUIAL DE DÚAS IGREXAS: O pedestal, octogonal de dous graos, pertence ó século XIX. O fuste e o grupo de imaxes da cruz ó derradeiro tercio do século XX. A basa tamén é octogonal e con moldura de remate. Sobre ela érguese un cono piramidal e segue o fuste cadrado e biselado. O capitel é de estilo corintio, pero nos recantos remata en cabezas de anxo en lugar de nas tópicas follas de acanto. A cruz é cadrada e tamén biselada, coas imaxes de Cristo e a Virxe. Esta, con vestimentas moi pregadas, sobre unha peaña con cabezas de anxo.
     A basa mide 90 cm., o fuste 2,50 m. e a cruz 1 m. Emprázase ó pé da igrexa parroquial de Santa María de Dúas Igrexas, e sustitúe, coma no caso de Pereira, ó antigo que foi derrubado nun accidente, e foi logo reconstruido pola Escola-obradoiro Terra de Montes. Nas numerosas festas da parroquia: o Corpus, a Santa Lucía, o San Amaro e o Rosario marcaba o punto por onde pasaba a procesión, e era adornado (no Corpus con flores). Tamén se colocaba sobre el un mantel branco.

     CRUCEIRO PARROQUIAL DE MADANELA: Atópase no adro da igrexa de Santa María Madanela, en Soutelo de Montes, e data dos anos 60 do pasado século. Posúe un gran zócalo na base, que repite o perímetro da varanda de cerre. Pequena basa cúbica, de 40 cm. e fuste octogonal de 2,5 m. Na media altura ten a figura do apóstolo Santiago a imitación da imaxe sedente que figura no parteluz do pórtico da Gloria. Capitel composto e cruz cadrada de 1 m., biselada con remate en puntas da cruz do Santo Oficio. Imaxes de Cristo por unha cara, e pola outra do apóstolo vestido de peregrino co neno Xesús en brazos.
     Amósase en moi bo estado de conservación e moi ben inserto no contorno no que se atopa. É dos máis modernos canto á súa construcción, exceptuando os casos de varios exemplares que tiveron de ser reconstruídos por mor dalgún accidente ou sumo desgaste. Tamén, que saibamos, é o único no que figura o tema do apóstolo Santiago como coprotagonista icónico. Está, ademais, moi ben emprazado e protexido pola varanda que o arrodea e que configura un espacio exclusivo que o remarca.

     CRUCEIRO PARROQUIAL DE FORCAREI: Data de finais do século XIX, e a súa autoría débese ó mesmo artífice do de Aciveiro, Xosé Ferreiro. Posúe un zócalo octogonal con moldura de remate. A basa e cúbica con caras curvas, e catro atlantes en figuras de nenos sosteñen a cornixa da que arranca o fuste, cilíndrico e con estrías. A media altura ten unha figura feminina de sinuosa postura sobre peaña de volutas. O capitel é composto e con cabezas de anxos. A cruz é cilíndrica e presenta nodosidades vexetais. Imaxe moi naturalista de Cristo, cun anxo ó que lIe falta a cabeza recolléndolle o sangue, e a Virxe coroada por dous anxos moi separados do pao horizontal.
     Ata os anos oitenta localizábase no medio da praza da igrexa. O estado de conservación é bo. É, coma tódolos do seu autor, de talla naturalista e de formas lanzais e ben proporcionadas. Forma un bo conxunto co templo parroquial de San Martiño de Forcarei e co espacio adral, hoxe convertido nunha praza de amplas proporcións e de deseño clásico e aberto.

     CRUCEIRO PARROQUIAL DE MILLERADA: Procede dos séculos XVII-XVIII. Emprázase en riba do muro posterior que pecha o adro da igrexa de San Mamede de Millerada. Na parte interior do mesmo ten unha mesa achegada a el, que en realidade son dúas pegadas, unha de base plana e dun só lenzo e outra diante, máis pequena, con soporte curvo. Na mesa, dous pináculos franquean a base do cruceiro. O fuste é cilíndrico, alto e con capitel composto. A cruz é de sección tamén cilíndrica, coas imaxes de Cristo e a Virxe Dolorosa sobre peaña vexetal.
     A basa ten unha medida de 50 cm., o fuste ten 2,50 m. e a cruz mide 1 m. O día 11 de agosto (día do Santísimo) fáiselle unha ofrenda floral na base (tema da imaxe floral do cáliz coa sagra forma) e, na procesión que sae da igrexa, acostuma a facérselle tamén unha reverencia. Non se aprecian, por outra banda, transformacións de relevancia alleas ás trazas barrocas orixinais.

     CRUCEIRO PARROQUIAL DE SANTA MARIÑA DE PRESQUEIRAS: A basa, o fuste e o capitel datan dos séculos XVII-XVIII, a cruz, as imaxes e a mesa, do século XX. Non ten plataforma, pero si unha ampla base con mesa. A basa é octogonal con derrame cara o fuste, tamén octogonal ata máis arriba da altura media, en que aparecen dúas pequenas figuras e o fuste tórnase estriado. O capitel é composto, coas volutas invertidas. A cruz é de cativo tamaño, cadrada e coas imaxes de Cristo e a Virxe. Emprázase en fronte á fachada da igrexa parroquial de Santa Mariña.
     A basa ten unha medida de 60 cm., o fuste 2,30 m. e a cativa cruz só 75 cm. Haberá uns 25 anos sustituíuse a plataforma orixinal redonda por extensa lousa de pedra e unha mesa que morde parcialmente o fuste. Aínda anterior foi o cambio ou reformas no grupo escultórico da cruz, con amaños de nova man nas imaxes, total ou parcialmente. É adornado con flores nas festividades de San Antonio, Santa Mariña (a patroa) e de Corpus.

     CRUCEIRO PARROQUIAL DE SAN MIGUEL DE PRESQUEIRAS: Cruceiro sinxelo do século XVIII. Non ten plataforma. A basa, de 50 cm., é cúbica con entrepanos cadrados nas caras. O fuste de 1,85 m. é cilíndrico, e o capitel xónico e con varios colariños. Ten unha cruz de 70 cm. cadrada asentada no propio capitel, cun ensanchamento a xeito de base. Ten unha pequena base— mesiña no seu fronte. Atópase no terreo que hai entre o templo parroquial e o cemiterio arrimado.
     No cemiterio parroquial tamén se atopa o sartego do pintor Virxilio Blanco. Función votiva do cruceiro en desuso, e función procesional unha vez ó ano, na festa do patrón da freguesia, San Miguel. Cabe sinalar que a mesiña repousadoiro semella obra distinta do resto do conxunto, pola irregularidade da peza horizontal. As vistas desde a paraxe onde se atopa o grupo parroquial conformado pola igrexa, o cruceiro e o cemiterio, son das máis fermosas que podemos atopar na Terra de Montes.

     CRUCEIRO DE QUINTELAS: Sito na aldea de Quintelas (Dúas Igrexas), data de 1863. Elévase nunha plataforma triple sobre zócalo xa de por si elevado de cachotería. A basa é cúbica, con entrepanos cadrados nas caras. Con fuste octogonal e biselado, de 2,80 m., presenta elementos da paixón de Cristo nunha cara. O capitel é xónico con cabezas de anxo entre as volutas. Cruz circular con nodosidades vexetais. A imaxe de Cristo está sen brazos. A cruz mide 90 cm. Marcaba o camiño de paso para o mosteiro de Aciveiro.

     CRUCEIRO DE VALIÑAS (Dúas Igrexas): Data de entre os séculos XVII e XVIII. Parte dunha basa formada pola superposición irregular de lousas de pedra horizontais ata chegar a unha peza maior e de mellor labra cadrada. Fuste octogonal de 1,25 m. e capitel groso de caras moi marcadas baixo un anel tamén groso e formado por relevos de aspiración en volutas con faces de anxo centrais. Cruz de sección rectangular coas imaxes de Cristo e a Virxe, de pouco vulto. O emprazamento non é o orixinal.

     CRUCEIRO DE QUINTILLÁN: do ano 1874, con dous pasos de cachotería para atopar o equilibrio na ladeira. Presenta fuste cadrado e biselado de 1,39 m. e remates en ménsula cara o capitel, sinxelo e de molduras horizontais curvas. A cruz, que mide 75 cm., non ten imaxes e é de sección tamén cadrada e biselada. Atópase nun cruce de camiños, próximo á estrada de Quintillán, a onde se cambiou haberá uns 25 anos. Fora traído de Aciveiro á aldea de Casetas e posteriormente trasladado a Quintillán.

     CRUCEIRO DE A MÁMOA (Castrelo): do ano 1801. De plataforma dobre sobre zócalo de cachotería. Basa composta de varias molduras e perfil curvo. Fuste cilíndrico liso. Capitel de estilo xónico ó que lle faltan dúas volutas. Contén inscricións no perímetro do primeiro corpo da basa e na moldura central (a súa data). O fuste mide 2,30 m. Sofre a perda tamén da cruz. Emprázase nun cruce de camiños ó pé duna carballeira.

     CRUCEIRO DA MÁMOA (Dúas Igrexas): Data dos séculos XVIII-XIX, e é o único que sobrevive da antiga igrexa da parroquia desafectada ó culto a finais do século XIX. Emprázase nun lugar a medio camiño da Igrexa e Quintelas. É de base cúbica sinxela, con debuxo de entrepano na cara principal. O fuste, de 80 cms. (seccionado), ten corte cadrado e dividido en segmentos verticais con relevos: amósegas verticais, flor de lis... e na parte posterior unha frecha cara abaixo e outros motivos.

     CRUCEIRO DE HERMOSENDE (Millerada): Cruceiro de moi dispar datación, posto que as imaxes e o capitel datan do século XVIII, o fuste e a basa foron reformados no XIX e a plataforma é de finais do século XX. A basa é cúbica con caras lixeiramente curvas. Fuste, de 2,30 m., cadrado e con arestas biseladas. Contén elementos da paixón de Cristo: escaleira, cáliz e tenaces. Capitel xónico e cruz cadrada e biselada, rematando as puntas en flores de lis. Imaxes de Cristo e a Virxe, dolorosa, coa peaña encastrada no capitel.

     CRUCEIRO DE SOUTELO: Data dos séculos XVII-XVIII. Con plataforma dobre, basa cúbica baixa e fuste de 2.90 m. de sección circular con estrías en forma de escamas lineais. O capitel é composto e con cabezas de anxos entre as volutas superiores. A cruz de 1 m. de altura é de sección cadrada, con listóns perimetrais. Imaxes dun Cristo e a Virxe sostida por unha peaña de cabeza de anxo. É de carácter votivo. Parece ser, polas trazas estilísticas, do mesmo autor co cruceiro de San Marcos.

     CRUCEIRO DE SAN MARCOS (Pardesoa): Data tamén dos séculos XVII-XVIII. De plataforma igualmente dobre e basa cúbica con debuxos de cadrados e círculos, do cáliz e a sagra forma. Fuste de 2,10 m., cilíndrico e con interesantes estrías a xeito dun revestimento de escamas. Capitel composto e cruz cadrada estriada, e imaxes de Cristo e a Virxe pregando sobre peaña con cabezas de anxos. Posúe unha evidente inclinación. Sitúase no camiño sacramental cara o cemiterio. Paraban os enterramentos diante.

     CRUCEIRO DE VILARIÑO (Millerada): Do século XIX. É un cruceiro sinxelo, con plataforma dun único grao. Basa cúbica sinxela sobre a que se ergue un alto fuste (2,80 m.) de sección octogonal con arranque cadrado. Capitel interesante cun corpo circular liso e outro formado por volutas xónicas e cabezas centrais de anxos. De cruz cadrada con rebaixes nas arestas, e despedindo raios celestiais na intersección dos dous brazos da mesma. Marca o punto de procesión que sae da capela da Virxe dos Milagres.

     CRUCEIRO DE SANTIAGO (Pardesoa): Data do século XIX a columna e do XX a cruz e a imaxe do Cristo (hoxe separada da cruz). Non conserva pedestal. A basa é de molduras curvas moi pronunciadas e o fuste, de 1,55 m., octogonal. Capitel interesante, interpretación dun composto. Cruz de sección cilíndrica e imaxes dun Cristo e a Virxe María sobre unha peaña con cabeza de anxo.

     CRUCEIRO DE MADANELA: Do século XVIII. Non conserva pedestal. Basa con molduras curvas moi pronunciadas. Fuste octogonal de 1.55 m. Capitel interesante, interpretación dun composto. Cruz de sección cilíndrica con imaxes dun Cristo de magnífica talla pero moi gastada. A imaxe da Virxe sobre unha peaña con cabeza de anxo. Hai máis de trinta anos que o colocaron no emprazamento da antiga igrexa, derrubada. No día da festa patronal, o 22 de xullo, é adornado con flores.

     CRUCEIRO DE CODESÁS (Madanela): Cruceiro sinxelo que data de entre os séculos XVIII e XIX. O pedestal é de pedra única, e a basa octogonal coa superfície horizontal fugada cara o fuste. Este, de 2,00 m., é octogonal en toda a súa lonxitude. O capitel alto é desenvolto en varias molduras ou colarmos. A cruz e moi pequena, biselada e sen imaxes. O seu pequeno tamaño indica que puido ser a sustituta, no transcurso do século pasado, doutra máis antiga.

     CRUCEIRO DE OUTEIRO (Presqueiras): De entre os séculos XVIII e XIX. Cruceiro elaborado, de basa cúbica sen plataforma, fuste cadrado e biselado de 2,10 m. O capitel está composto por dúas partes, a superior con volutas e cabezas de anxo. Cruz cilíndrica de decoración vexetal, e unha única imaxe de Cristo. Ten arrimada unha fonte con cunca rectangular, un só caño e fronteira plana cun remate curvo, debuxos de impostas e unha cruz. Permaneceu crebado, por unha treboada, uns dez anos, ata que se arranxou en 1983.

     CRUCEIRO DE NOSA SEÑORA DO CASTRO (Presqueiras): Cruceiro de entre os séculos XVII e XVIII, de plataforma dobre reformada, basa cúbica, fuste octogonal de 1,60 m. e capitel composto, simplificado nas formas. Cruz de 80 cm. sen imaxes, sinxela e de sección cadrada. Emprázase no alto do castro de Presqueiras, no lugar onde Xelmírez ergueu na Idade Media a fortaleza onde residían os xuíces-meriños, derrubada en torno ó 1476 pola revolta Irmandiña. Modificada nos anos oitenta a pedra de lousa da plataforma.

     CRUZ DE ALENDE (Pereira): Data do século XIX. Ten unha pequena bala cúbica de asento sobre o terreo, sobre a que se ergue directamente a cruz latina, de sección cadrada e con rebaixes nas arestas. O brazo horizontal é bastante curto. A súa altura total é de 1,65 m. Constituía un dos marcos relixiosos do camiño Leboso-Aciveiro. O parecer, foi feita no ano 1870, e veu do monte de Rabadeiras, traída por un veciño. Era tradicional que polo San Xoán se adornase con flores e se fixese a fogueira preto dela.

     CRUZ DO ADRO DE PARDESOA: Data de entre os séculos XIX e XX. Aséntase no baixo muro que pecha interiormente o adro da freguesía de Santiago de Pardesoa, preto da cancela de acceso, e situada entre dous monolitos, fronte á fachada da igrexa parroquial.Ten unha base ampla e cilíndrica con derrame cara a cruz, que é cadrada, non biselada e sen imaxes, cunha altura de 40 cm. A base mide 30 cm.

     CRUZ DO PEREIRAO (Pereira): Data da primeira metade do século XX. Aséntase sobre unha alta plataforma de curte máis ou menos rectangular sobre unhas rochas naturais. Pequena base de pedra pouco tallada e cruz latina de sección cadrada e con rebaixes nas arestas. A base mide uns 45 cm. e a cruz 80 cm. Está emprazada nun camiño sacramental —paraban os enterros de camiño ó mosteiro de Aciveiro—, e sinala tamén a proximidade ó río Lérez. A cruz orixinal perdeuse e foi reemprazada pola actual.

     CRUZ DO FORNO (Aciveiro): Segundo a inscrición, data do ano 1860. Aséntase sobre plataforma triple, unha basa cúbica con inscricións e un corpo superior menor composto de pequenas molduras. A cruz arranca directamente, sen fuste nin capitel. Ten dimensións bastantes grandes. Mide 1,70 m. sobre a base de 55 cm. Emprázase nun cruce de camiños a carón do Lérez e moi próxima ó mosteiro de Aciveiro. Era de autoría e uso monacal, e sinalaba tamén o camiño ás neveiras do Candán.

     VIRXE DAS ANGUSTIAS (Soutelo de Montes): Data de entre o XVIII e o XIX. Emprázase na rúa Real de Soutelo, nun caixón de perpiaño erguido sobre un muro, entre dúas vivendas. Garda no seu interior, pechada cun enreixado, a imaxe da Virxe das Angustias (unha Piedade), con policromía, así como todo o frontispicio do peto e do muro, pintados de branco. Haberá uns 70 anos que se cambiou do lugar primitivo ó actual. A imaxe consérvase ben, e é repintada ocasionalmente.

     MONUMENTO FUNERARIO (Ouintillán): Sito no lugar de Outeiros, pertencente á parroquia de San Pedro de Quintillán, no camiño de Quintillán a Leboso. Grupo de dous bloques pétreos verticais con planta triangular, que contén un primeiro corpo con placa de mármore e inscrición, e un segundo corpo coa cruz en baixorrelevo no tímpano. Ten unha altura de 1,50 m. Rememora un falecemento acaecido no ano 1946.

     PETO DE ÁNIMAS (Soutelo de Montes): Segundo reza a inscrición, data do ano 1832. Está formado por unha caixa rexa de dous corpos prismáticos, un primeiro a xeito de base e separado do segundo por unha cornixa moi pronunciada. O segundo alberga no fronte unha apertura en arco de medio punto onde se aloxaba a imaxe, e onde posúe a caixa ou peto. Ten unha altura de 1,70 m. A virxe que había no interior despareceu hai medio século. É o único exemplar de peto de ánimas que se conserva no concello.

     CRUZ DE CASTRO (Pereira): De entre os séculos XVIII e XIX. Emprázase no monte de Pereira e ten os alicerces sobre unha rocha natural moi extensa e plana. A cruz é cadrada e biselada. O tramo horizontal é curto, coma o da cruz de Alende, da mesma parroquia. Fica preto do cemiterio parroquial, a unha cota de 721 m. Sinala tamén o camiño ó mosteiro de Aciveiro. Domina unha fermosa e moi ampla paisaxe da Serra de Pereira. A poucos metros tamén se localiza unha recentemente restaurada albariza.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega