Decálogo temático para a poesía finisecular galega (1990-2000)

 

(Texto íntegro)

 

v2carlosnegrodecalogotematico.html
     Agora que as recentes antoloxías semellan confirmar que existe un colectivo literario agrupable como poesía dos noventa ou do cambio de milenio, pode resultar oportuna e complementaria unha reflexión teórica que indique unhas tendencias temáticas globais no contexto da diversificación poética que se produce no período 1990-2000 (1). Neste ámbito, e a modo de síntese apresurada, ofrecemos un decálogo cos seguintes enunciados:

1) O canto elexíaco (testamentos da cultura agraria); neste intre no que a sociedade gosta de imaxinarse urbana, informatizada e posmoderna (analícese a publicidade) e o rural se converte en parque temático de ocio, evidénciase a necesidade irrenuciable de amosar a agonía da cosmovisión agraria da cultura galega; cando algo doe e a palabra queima, o poeta recolle a cinza ou borralla; así xorden autores que ceden a voz a quen nunca tivo acceso á cultura audiovisual: esa derradeira xente das aldeas mortas, pero con linguaxe viva (un xeito de fala que xa non se sabe); un canto funerario e colectivo, desde Emilio Araúxo a Anxo Angueira, con Uxío Novoneyra na sombra.

2) As memorias da Terra e da Fisterra; toda voz lírica intimista da poesía galega leva no seu código xenético un alien rural; pode que os poetas novos fuxiran á Universidade para non apañar nas patacas, pero sempre fica un estigma íntimo do mundo agrario, máis ou menos idealizado (léase a Marta Dacosta, Lupe Gómez, Olga Novo ou Celso Fernández Sanmartín); outros e outras, en cambio, proceden dun espacio fronteirizo entre a Terra (ámbito nutricio da identidade colectiva) e o Mar (fronteira violenta dun alén evocador); xorde así unha lírica da linde atlántica, que salfire as poéticas do Batallón Literario da Costa da Morte (significativo epígrafe para un microcosmos común).

3) A cuestión da Patria; se nos mergullamos no curso da Historia, tanto a Terra como a Fisterra deveñen en Patria; non se inventa nada novo, pero a cuestión nacional segue latexando como unha obriga ética en moitas poéticas do compromiso político; neste ámbito; na espiral de Méndez Ferrín, interesa a revisión posmoderna do nacionalismo na obra de Chus Pato, e tamén a simboloxía da construcción/destrucción de Galiza como entidade histórica diferenciada en textos de Rafa Villar, Francisco Souto, Xabier Cordal, Emilio Xosé Ínsua ou Sechu Sende; sen embargo, os tempos permiten visións patrióticas menos transcendentes e máis irónicas (léanse a Antón Reixa, Raúl Pato, Manuel Outeiriño). Finalmente, de Galiza non quedan imaxes, senón restos, como ben sinalou Lupe Gómez.

4) O esvaecemento da Lingua (a Patria sen idioma); dado que a normalización lingüística do castelán na Galiza segue amosando unha gloriosa estabilidade, non sorprenda que os poetas insistan en reivindicar a lingua galega (ou en profetizar a súa lenta agonía nun cadaleito harmonicamente bilingüe); así, poetas como Igor Lugrís equiparan a situación social do galego á do desaparecido dálmata, e outros como Chus Pato non esquecen as feridas íntimas causadas polo fascismo na conciencia lingüística persoal e colectiva; por último, tamén Emilio Araúxo constata a outra morte do idioma: devoración desde dentro polo castelán depredador.

5) A metamorfose da Patria en Matria Insurrecta; xa desde finais dos oitenta vense revelando un malestar cultural referido ós estereotipos de xénero tanto na poesía como na sociedade; deste xeito, nos noventa expándese unha conciencia literaria relativa á necesidade de depurar o discurso poético da dictadura do patriarcado; depuración que se manifesta nunha asunción plena da condición feminina como marca xenérica do poema, e tamén nunha revisión dos estereotipos masculinos na propia linguaxe poética; practicamente todas as poetas que escriben nos noventa (aínda que plurais en moitos outros sentidos) asumen a expresión dunha nova cultura de xénero na poesía, a cal non exclúe o compromiso solidario de poetas como Miro Villar ou Fran Alonso.

6) A conquista do corpo en feminino; se ser muller significa muller ceiba, tamén a carne pide liberación; os noventa establecen unha nova cartografía da sensualidade desde a pespectiva feminina, a través dun sexo liberado de corsés e tabús; conviven estéticas pornográficas en canto á violencia directa da linguaxe (Lupe Gómez), con exhibicións de perversión narcisista e erotismo escenificado (Yolanda Castaño); por último, tamén un sensualismo telúrico que religa Corpo e Terra (Olga Novo).

7) A crónica do mundo urbano; a poesía dos noventa supón un tránsito da épica á crónica, vencellado á aparición de espacios poéticos pouco transitados pola tradición autóctona; a consolidación dunha Galiza (semi)urbana propicia unha renovación de ambientes poemáticos, e esixe tamén outros rexistros lingüísticos máis achegados ó prosaísmo narrativo ou ó documentalismo fotográfico. Xa Antón Reixa e Lois Pereiro exerceran modos urbanos na poesía galega, tendencia que continúan e modifican autores como Kiko Neves, Raúl Pato ou Fran Alonso. A realidade amósase caos insólito e mestizo, convulso e fragmentario. Dese caos, onde conviven os resíduos da sociedade rural cos novos modos do consumismo tecnolóxico, xorden visións dunha Galiza paradóxica e ecléctica.

8) A reflexión metapoética (a conciencia intertextual); como os poetas dos noventa accederon en masa á Universidade, o sistema educativo non o deixou incólumes: leron e souberon (mellor ou peor)da poesía galega que os precedeu, e tamén doutras literaturas que conforman un cánon académico; poetas-filólogos (case todos) que se permiten xogos intertextuais, citas canónicas e/ou paródicas, refundicións de poetas amados e actualizacións da tradición colectiva ou das influencias particulares e íntimas; poetas xa nada inocentes na súa relación coa linguaxe e as fontes, desde Chus Pato a Xabier Cordal, desde María do Cebreiro a Helena de Carlos; diálogo con múltiples tradicións (non só literarias), ben como homenaxe (Miro Villar), ben como sátira burlesca (Colectivo Ronseltz).

9) Os camiños da memoria; no contexto dunha lírica do Eu, os noventa seguen cultivando o tópico do tempo perdido, do pasado que non volve, da infancia como paraíso irrecuperable, do Cronos devorador de ilusións; non insistamos: o intimismo evocador do fogar ou do tempo primixenio da infancia pódese rastrexar en Rafa Villar, en Eduardo Estévez, en Helena de Carlos, en Ana Romaní, en Martín Veiga. En definitiva, ruínas do tempo sobre a memoria persoal.

10) As viaxes da imaxinación; por último, e xa como remate, existen poéticas que esquivan as clasificacións rotundas, tanto pola súa potencialidade imaxinativa como polo seu subxectivismo psicolóxico e metafórico; poéticas que poden participar de matices xa suxeridos, pero que en conxunto remiten a un universo indescifrable fóra dos seus propios límites evocadores; dous exemplos: primeiro, Celso Fernández Sanmartín, poeta ecolóxico e máxico, miniaturista de sensacións e historias que mesturan denuncia e tenrura; segundo, Estevo Creus, potente creador de espacios psicolóxicos e oníricos, pintor de tensións nerviosas no límite irracional da linguaxe; voces diversas, como toda a poesía que vai entregando o novo milenio.





(1) A seguinte relación trata de suxerir (máis que de demostrar) os trazos temáticos xerais detectables na poesía última galega (lugares comúns de sentido que definirían unha evolución característica no contexto xeral da nosa tradición poética); evidentemente, un decálogo tan subxectivo e discutible como calquera outro, empírico en canto xorde da lectura constante (e, na medida do posible, atenta) de libros publicados durante a derradeira década do século XX e de autores posteriores á chamada xeración dos oitenta. Neste senso, o presente artigo constitúe unha síntese moi abreviada das ideas desenvolvidas no relatorio Últimas xeración poéticas ou Ruído de voces, presentado nas XI Xornadas de Língua e Literatura organizadas pola AS-PG e a CIG-Ensino en Santiago de Compostela no mes de abril de 2001.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega