Genoveva

 

[Texto íntegro]

 

modelo
os ollos cansos e o babi azul e branco
genoveva mírase na fiestra do coche de liña
na bolsa do claudio van un plátano e dúas laranxas

mírase e cóntase en mareas genoveva,
nas mans batidas leva a dor das navallas
anos de moluscos mortos trábanlle nas puntas dos dedos
desfánselle en area da ribeira os xeonllos
e o salitre dos algazos cómelle das pupilas secas

con todo
genoveva ten o mar aniñado no peito
arrólao entre os brazos as mañás de temporal
e gárdalle respecto polos fillos que leva na carteira

e porque sabe
que a súa vida toda
cabe nunha bolsa de rede
e vale o que unha boa mañá de lonxa

o coche para
 e roda unha laranxa ata os pés do conductor
genoveva baixa
do outro lado
o día érguese por detrás de fisterra




 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega