Na fraguiza

 

(Texto íntegro)

 

v2lourdesmaceirasnafraguiza.html
     Piafan inquedos os cabalos nas súas cortes á tenue alborada.
     O sol lambe silandeiramente os cumios que se alzan maxestosos na lonxanía, e se ergue entre eles coma unha enorme e brillante laranxa, demasiado pesada para poder despegarse das cumes con presteza.

     Oio o rincho de Fusco, o cabalo máis impaciente de todo o cortello, e co que mellor me levei sempre. Os seus arrichados ollos, máis lucidios e mouros que o acibeche, convidáronme a cotío a facelo partícipe das miñas correrías, e ríanse de min cando era eu a que non me animaba a seguilo nos seus anceios de pasear... "¡Pero veña, muller! —parecía dicir— que sen ti non me deixan ir"..., entón escapábaseme unha gargallada ó tempo que palmeaba a súa testa e montaba nel, que viraba e emprendía o trote...

     Ó lonxe, a brétema, impalpable e vaporosa, baña as ladeiras das montañas, namentres a mañá se vai abrindo paso a través do seu veo.

     Un segundo rincho arríncame da miña contemplación.
     Xiro en redondo dirixindo os meus pasos cara ó que eu estaba a presentir como unha chamada.
     Abro a porta paseniño e camiño ata o final da cabaleriza cáseque de puntiñas, sen saber moi ben por que, pois todos os animais están xa espertos. Ó fondo, á esquerda, Fusco óllame entre sorprendido e divertido.
     Alumíñolle o pescozo coas dúas mans. Achégame o seu húmido fociño: "¡Canto tardaches!".
     —¡A ver se vas pensar que vou facer gardas polas noites para brincar contigo por aí antes do amencer!...

    
E saímos tentando facer o menor ruído posible, coma dous nenos que escapasen aproveitando a nocturnidade para burlar a vixilancia paterna.

    
Fóra vai fresco e un arrepío percórrenos o corpo.

    
Avanzamos cara á fraga; as primeiras árbores dela aparecen moi lonxe da serranía, pero boa parte das súas conxéneres conseguiron espallarse, mesmo poboar, as abas montuosas.

    
Á nosa esquerda, pendurada entre as pólas dunha figueira, deixamos atrás unha tea de araña emperlada de pingas de orballo ordenadas case simetricamente nos seus invisibles fíos.

    
Un portazo fainos volver a vista atrás. "¿Haberá xa alguén ergueito?"... Espreitamos as inmediacións, temerosos de que axexen a nosa evasión. A quietude envolve á grande mansión e ás súas dependencias. Nada semella alterar o acougo...
    
—A menos... ¡a menos que tamén ande de puntiñas, coma nós!... —susúrrolle nunha orella a Fusco.
    
El enderéitaas e diríxeas, coma dous radares, cara á vivenda... "¡Bueh!, non parece ser nada importante"... Mírame e retoma a súa andadura. Fago o mesmo, deluvándolle o lombo.

    
Estas escapadas á mañanciña non lle gustan nada á miña familia e amizades...
    
—¡Unha rapaza soa por aí!... ¡e a esas horas!...
    
Cando Fusco escoita o de soa, bandea a cabeza: "¡Un respecto, oian!"...

    
Uns carballos saúdannos zunindo e remexendo as follas, xa amarelecidas, ó ritmo que lles marca delicadamente a brisa. Monto ó nobre equino e adentrámonos na arboreda.

    
Tres nubes de puntiños mouros revoan compasadamente sobre as nosas cabezas; tecen e destecen figuras coma unha escuadriña de avións perfectamente adestrados. Diríase que se amosan fachendosos dos seus malabarismos. ¿Que paxaros son?... ¡uf!... ¡un día destes vou ter que volver ó oculista!...
    
Cara á dereita e a uns douscentos metros recórtase a elegante silueta dun olmeiro que, aproveitando o seu relativo illamento da entramada boscaxe, serviunos de obxectivo fotográfico infinidade de veces; converteuse nun inigualable modelo dende practicamente todos os puntos de mira e épocas do ano.

    
Percíbese un lixeiro boulleo na distancia. O rego inda queda lonxe, pero a estas horas todos os sons achégansenos máis.
    
Paseniño percorremos os vieiros insinuados, máis que marcados, entre a mesta vexetación, a medida que penetramos nela e nos engule...

    
Os golpes secos dun paxaro carpinteiro detéñennos momentaneamente; mentres buscamos a súa orixe, chega ós meus oídos o boullón de antes, máis irregular, menos rítmico. Un peto real obsérvanos atentamente para volver despois á súa tarefa.

    
Atravesamos un campo de trebos e desmonto. A Fusco encántalle taniscalos e eu atopo divertido buscar algún de catro follas...

    
Resoan os gurgullos anteriores, cada vez menos cadenciosos, como a choutos... Escomenzo a pensar que o que eu identificara como auga, ben poderían ser pegadas... Érgome inqueda; o cabalo móvese desasosegado.

    
Reiniciamos a marcha a paso lixeiro.

    
As raiolas do sol penetran timidamente entre as outas copas, facendo xogos de luces e cores. Nun clareiro, unha ostentosa fervenza de puntiños brillantes déixanos absortos, ata que uns chasquidos e renxidos nos alertan. Fusco patea o chan nerviosamente.

    
Tomamos a ruta do regato e teño que facer esforzos para que non se bote á carreira.
    
—Tranquilo, tranquilo... —murmúrolle namentres argallo cos dedos nas súas crinas.
    
E iso mesmo me repito: "Tranquila, tranquila"...
    
Nun intre desfilan pola miña memoria todos os contos de animais, persoas, espíritos, extraterrestres... que teño oído sobre forestas embutidas en néboa ó amencer ou á seriña...
    
"Os sentidos engánannos"... "era a auga"... "engánannos"... "auga"...
    
Pero os meus latexos cardíacos non responden ó intento de sedación.

    
Á beira do regacho todo semella estar maino e normal.
     Fusco decide beber e eu lavar as mans despois do mal momento que pasei.

    
É entón cando nos chegan con claridade e xa sen ningunha dúbida, unhas respiracións fortes e ruídos entre a follasca.
    
O corcel da un respingo. Eu esvaro encol das pedras e a perna esquerda introdúceseme no regueiro ata o xeonllo, o cal non impide que cáseque voe á miña montura e saiamos a galope.

    
Damos un rodeo, quizais porque Fusco é máis veloz nese terreo, ou porque somos incapaces de achar o camiño máis curto para saír da frondosidade, ou... se cadra... a única razón que manda nese intre é a fuxida o máis axiña posible...
    
Na fraguiza resoan os cascos enxordecidos, namentres a herba fai de almofada.
    
Inclínome e apértome ó seu colo para lle presentar menos superficie de resistencia ó vento, para ir mellor agarrada, para sentírmonos o un ó outro...

    
E, nalgún intre no que a cabalgada reduce a súa velocidade, cobra forma outra carreira... tras a nosa, outros arquexos... tras os nosos...

    
Albiscamos o final daquela entrambilicada selva...

    
E xa en terra chá, coa casa á vista e as persoas trafegando nos seus arredores, aventúrome, por primeira vez, a mirar cara a atrás no medio da nosa tola persecución. Un vulto peludo e informe nos segue ás toas...
    
Tento frear un pouco ó cabalo e...

    
O enorme pastor alemán dos meus curmáns adiántanos ladrando con ledicia...

    
Fusco e máis eu estamos enchoupados en suor; derrúbome materialmente sobre del cun intento de berro, que soamente chega a ser un inaudible:
    
—¡Pero Tom!... ¡¡¡por favor!!!...
    

6 - xaneiro - 1989

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega