Catro ensaios sobre o conde de Gondomar

 

Fragmento

 

v5ltobiaamizadebacon.html

A AMISTADE CON BACON

     
     O filósofo Bacon e o noso diplomático Gondomar mantiveron unha relación de amistade. O primeiro que sinalou expresamente este feito foi Loomie ó publicar unha carta que aquel escribiu (en latín) ó segundo polos días en que este daba cabo á súa primeira embaixada. Nesa carta o Lord Chanceller informaba ó embaixador que, por orde do rei, ía coutar as actividades dos "pursuivants" (policías ou alguacís) contra dos católicos e que o monarca sentía especial complacencia de facer este favor ó seu grande amigo. E Bacon engadía que tamén el estaba delo contente polo amor que lle tiña. Loomie di que "Bacon and Gondomar are two unlikey friend, an eminent Protestant lawyer and philosophert who was never charged with pro-spanish sympathies, and a Catholic diplomat who was mistrusted for his influence on the King". Mais a cousa non nos semella tan extraña porque ningún deles era un fanático enragé na súa respectiva fe e o seu nivel intelectual e humán permitíalles entendérense e simpatizaren por enriba desas diferencias e antagonismos. Bacon era pouco relixioso e tiña moitos amigos católicos; e Gondomar, pola súa parte, non deixaba de ter as súas reservas verbo de certos excesos do catolicismo oficial, asegún amosei noutro lugar. E compre sinalar que outro galego ilustre, Feixoo, sintíu tamén simpatía e atracción por Bacon, polo seu realismo, tolerancia e modestia intelectual, coma se antre os tres houbese unha radical entidade temperamental. Loomie remata o seu estudio dicindo: "there is a suprising nuance of friendship between Bacon and Gondomar which has not emerged as clear until now. Two of the more famous people of their generation, one in philosophy, the other in diplomacy, found apparently an intelectual affinity which merits further study". A este estudio imos facer eiquí unha pequena aportación.
     Un biógrafo de Bacon expresa que este escollía sempre como amigos a persoas de tipo intelectual mais que facían do seu saber unha cousa Iene e lixeira e que se amosaban graciosos e entretidos coma compañeiros. Gustaba de rir dos contos e chistes; e era gran amante do campo. Sabido é que estas eran tamén características do xeito de ser de Gondomar. Había, pois unha boa base pra que antre eles puidese xurdir unha amistade. O 12-7-1617, ó informar Gondomar ó seu rei de certa decisión tomada contra un sheriff, perseguidor de católicos, por varios conselleiros que cita —antre eles o conde de Suffolk amigo e "pensionario" de España— o único de quen facía eloxio era do Chanceler, a quen chama "muy honrada persona". E ó se referir á reunión que tivera o 29-6-1617 cos do Consello Privado verbo do problema de Raleigh, di de el que era "persona de muy buen natural": na relación que fai Gondomar da súa intervención apréciase, ben abofé, a súa serenidade e mesura e a simpatía que sintía cara Gondomar e tamén —naquela ocasión— cara España.
     Cando, naquel mesmo ano, nomeárono Lord Keeper, ou gardaselos, o noso embaixador foi felicitalo. Entendíanse moi ben, expresa un biógrafo, e adivertíanse e gracexaban cando estaban xuntos. Nesta ocasión dixo Bacon que, inda que agradecía a Deus o honor recibido, houbese preferido verse libre daquela cárrega pois sempre degarara levar unha vida arredada: o mesmo que tantas veces dixera Gondomar (o campo e os libros, os seus dous grandes amores). Escomasí, anque arela quizabes sincera en ambas, non podían renunciar ó outro debezo, inconfesado pero certo, de actuar na vida pública. E coma Gondomar ben o sabía pola súa propia persoal experiencia, tomou o dito de Bacon coa debida reserva. Preguntoulle se lle apracería escoitar un conto. E respondéndolle Bacon que de moi boa gana, D. Diego escomenzou: "Unha rata vella quixo alonxarse do mundo e dixo ás ratas novas que ía entobarse no seu burato pra alí levar unha vida isolada e austera; e mandoulles que, se non querían asañala, nin intentasen ir vela. Fixérono asín dous ou tres días; mais logo, unha delas, máis estrevida do que as outras, enguizou a algunha das súas camaradas a entrar coela no burato para ver como se atopaba a vella, pois ben poidera ser que houbese morto. E ó que entraron, viron á rata vella cómodamente instalada dentro dun espléndido queixo parmesano". Tanto lle gustou a historia a Bacon que a puxo atal como a escoitou, antre os seus Apophthegms.
     Nos tratos e xestións que Gondomar houbo de levar a cabo en relación coa derradeira e fadal aventura de Raleigh na Guaiana, o Chanceler amosara no Consello Privado unha actitude favorabel ás reclamacións de España e do seu embaixador e, á final, coma membro da comisión que o investigou, decidiuse pola condena, dando asín satisfacción ás xestións de Gondomar.
     Cando D. Diego, en xullo de 1618, ía voltar a España dando remate á súa primeira embaixada, Bacon, antre outros persoaxes ingleses, ofreceulle un banquete de despedida. Logo enviaralle a carta en latín á que nos referimos no comezo. Nesta carta hai expresións que van máis aló do puramente oficial e protocolario.
     Da mesma excelente opinión encol do Chanceler era o segredario Julián Sánchez de Ulloa, que quedara a cárrego dos asuntos da embaixada. En carta a Felipe III do 30 de xullo de 1618 decía que "el Canciller es muy buen caballero y muy bien inclinado y aficionado a Ias cosas de España y así lo demuestra en las ocasiones que se ofrecen, y una persona de mucho crédito y autoridad me ha dicho que el Canciller se ha holgado de que el Rey le haya cometido lo de los pursivantes porque como ve que esto va enderezado al casamiento que se trata deste Príncipe con Ia señora Infanta doña María y que el ánimo del rey está dispuesto a hacer cuanto sea posible de su parte para que venga a efecto y el Canciller lo desea, le parece que ahora, con lo que el Rey le ha encargado, podrá más libremente hablar y tratar con él lo que le conviene para que no afloje de Ia buena disposición en que está y adelantará Ias cosas de Ia religión católica".
     Dende que D. Diego marchou para España recibíu moitas cartas dun singular persoaxe inglés, católico e íntimo de Bacon, Sir Tobie Matthew. Era éste fillo dun bispo anglicano e dende ben cedo convirtírase ó catolicismo. Intelixente, agudo e unha miaxa amigo da aventura, viaxou moito e tiña unha grande cultura. Foi discípulo de Bacon que estimaba moito as súas dotes intelectuais e que o consideraba "a very worthy an rare young gentleman". Cando, após de andanzas polo Continente, recalaba en Inglaterra, Bacon era o seu achego e a súa protección. Mathew traduciulle ó italiano os "Ensaios" e "De sapientia veterum" e tamén, ó español, un "librillo" que non sabemos cal puidese ser. E cando caeu sobor de Bacon a acusación que lle tronzou a carreira política, Matthew escribiulle unha carta de consolación que o filósofo comparaba co ouro vello.
     Nas cartas que Matthew lle escribíu a Gondomar, trataba moi diversos asuntos da actualidade política inglesa e formulaba peticións a prol do catolicismo e dos católicos. Nelas alude a miudo, coeste ou estoutro motivo, ó seu amigo Bacon. Pregándolle, en certa ocasión, interveña en favor dun mercador inglés que tiña un pleito na Chancelaría de Inglaterra dille: "No me diga V.S.I. que no puede nada en ella pues tanto puede con el Sr. Chanciller que lo puede todo". Engade que xa invocara o seu nome no negocio e que Bacon fixéralle mercede por amor de Gondomar. A sentencia ía sair dentro de dous ou tres meses e pidíalle que escribise ao Chanceler, "grandísimo y codialísimo servidor de V. S. I." pra lle agradecer as mercedes pasadas e pra que lle favorecera na sentencia. Noutra dille que "el sr. Canciller recibió su carta de V.S. con infinito gusto, habiendo él escrito ya a V. S. otra suya y suplico a V.S... que le responda presto y con mucho amor diciendo cómo el mundo todo está aguardando a los oráculos que él dará en causa tan justa como es Ia de los católicos contra unos demonios tan desalmados como son los pursivantes". Doutra banda, tamén invocaba a veces o interés que tiña o Chanceler pra que Gondomar interviñese nun asunto que a el persoalmente tocaba, o cobro de certa suma que lle debía Lord Roos.
     Outra carta de Matthew a D. Diego, carta anguriada pois nela dáballe conta de que viñan de avisarlle da sua expulsión de Inglaterra vai datada na "casa del Sr. Canciller, gran servidor de V.S.I.". Nela dicíalle que un dos persoaxes que xestionaban a anulación da orde era, naturalmente, Bacon. E na casa do Chanceler segúia o 30 de outubro do 1618 en que lle informa ter conseguido o aprazamento da expulsión. Tamén Richard Berry, axente dos católicos ingleses cabo da embaixada de España, dicíalle o 3 de agosto de 1618 dende Inglaterra, verbo da actuación de Bacon cos "pursivantes", que "entiendo que escribirá a V.S. ahora y bien sabe V.S. que tan noble y honrado es". E un William Smith pedía a D. Diego no mesmo ano que agradecera ao Chanceler as mercedes que lle fixera por amor del, de Gondomar, após da partida deste.
     O P. Maestro Fr. Diego de Ia Fuente, confesor de Gondomar, que quedara en Londres pra seguir as negociacións das proxectadas bodas anglohispanas, deulle unha vez a Bacon, en Hampton Court, unha carta que lle mandara Gondomar pra el. O frade informaba a D. Diego que Bacon tíñase aledado moito de recibila e que lle dixera: "Principium aliarum hac", e que "esperaba que le escribiera V.S. muchas". E pouco despois, contándolle dunha visita que fixera ó Chanceler, dicíalle "que a fe es cordial amigo de V. E. y lo mostró bien en lo que habló y en lo que me honró; aquí va carta suya". Podia que algún día aparezan estas cartas.
     O 2-7-1619 decíalle o P. Maestro a Gondomar que se achaba doente e que, por indicación do médico, iría tomar as aguas a unha fonte que estaba a 30 millas de Londres e que tiña algunhas das virtudes das do famoso balneario de Spa en Flandes. Cando Bacon soupo da doenza do frade, mandou que fose visitalo da súa parte unha persoa pra se interesar pola súa saúde, "por respeto" a Gondomar, segundo o doente. Este saiu pra aló o 15-7-1619 hospedándose na casa de Sir Henry Neville por orde do Rei. E ó que voltou das augas, quixo Bacon que fose pasar uns días onda el. O bon frade escribía ó diplomático que sintía unha grande confusión polo "que el Canciller de Inglaterra va continuándome en honrarme y favorecerme, y lo que ahora particularmente ha hecho; pues estando fuera de Londres en una casa de campo que tiene en S. Albano, que aquí llaman San Abons [St Albans], 20 millas de esta ciudad, en sabiendo que yo había vuelto de Ia fuente, me envió a visitar con su secretario y a pedirme fuese algunos días a su casa; que quíen sabe cuán grande es Ia deidad y el noli me tangere del Gran Canciller de Inglaterra no le puede parecer este favor de los ordinarios, y a mi me pudiera desvanecer si, en lo que tiene de extraordinario y grande, no conociera que ello mismo está diciendo: "nin tibi sed Comiti de Gondomar".
     A todos estes agasallos do Chanceler a La Fuente por amor de D. Diego debía éste —que sempre foi moi cumprido— corresponder dalgunha maneira. E a que xulgou máis axeitada pra o caso foi a de facerlle un bon regalo de viño das súas terras, de viño de Gondomar. Semella que o obsequio chegou moi a punto pois Bacon pasaba por aqueles días, maio de 1619, o que La Fuente chamaba "su tormentilla" e que eran, se cadra, os primeiros e aínda febles tronos que anunciaban o grande trebón que había de chimpalo escandalosamente da Corte. Chatábano de despendedor e derrochón e, máis adiante, mesmo de aceitar sobornos, inda que esto non era nada raro naquela Inglaterra. E o Rei, que era tamén manirroto e andaba a miudo curto de diñeiro, debeu sentir ciumes —encirrados polos nemigos de Bacon— do que o Chanceler tiña ou, polo menos, gastaba. O feito é que, "a no haberse sosegado Ia mar con ciertos juros pecunarios", escribía La Fuente a Gondomar, "se hubiera ido a fondo que, por lo menos, estaba ya acordado de darle por coadjutor al obispo de Londres". "Negoció el Canciller con el Rey inmediatamente", sigue La Fuente (póida que lle dese diñeiro). E engade que, pra consolalo, foi visitalo en compaña do segredario Julián Sánchez de Ulloa: "está muy agradecido al regalo que V. S. le hizo con el vino de Gondomar y muy contento con Ia esperanza de ver aquí presto a V.S.".
     Dixen denantes que o regalo do viño tiña chegado moi a punto porque era a millor meiciña pra o trance. Bacon, coma Gondomar, era propenso ás depresións (daquela chamábanlle malenconía) que lle daban de cotío, máis que nada nas tardes. "Some conforting drink", escribía, "at four o'clock which the hour of my languishing, were proper for me". O viño de Gondomar axudoulle a aturar aqueles desazos. Retirado a Gorhambury, pasou os derradeiros cinco anos, nobres, sereos, fecundos, da súa vida. Non sabemos se neste tempo tivo algunha relación directa ou indirecta, co noso don Diego. Mais este lía os seus libros. No inventario dos que tiña en Valladolid —que non eran todos— figuran: "Fco. Baconi, De Sapientia veterum, Londres 1617" e máis "Francis Bacon, Viscount St Alban. The lyfe of Henry the 7 King of England f.° London 1622".
     Bacon e Gondomar morreron no mesmo ano de 1626: aquel en abril, este en outubro.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega