Dique de abrigo

 

(Texto íntegro)

 

v2isaacferreiradiquedeabrigo.doc

I

A Coruña. Barrio de Elviña. Interior dun automóbil roubado o día anterior. Sito, no asento do piloto, manipula cables. Xabier, propietario do vehículo, no asento do copiloto.




Sito
¿Non estarás a pensar que o roubei eu?


Xabier
Apareceu, e listo.


Sito
Como puñas esa cara.


Xabier
Dáste moita maña.


Sito
¡Aaahá! ¡Este cacharro xa vai!
Sito, ex-mangante de coches, actualmente mecánico.


Xabier
Xabier, avogado.


Sito
¡Hostias, a Lei!


Xabier
Pois mira, "a Lei" quen sabe, pero eu quedaríache agradecido se me levases o coche ata a casa. Temo que se me cale e montar un atasco. Págoche o servicio e convídote a unhas cervexas no meu apartamento.


Sito
Feito, colega; perdón, señor letrado.






II

Barrio de Pena Moa. Trapicheiro e Sito a negociar.




Trapicheiro
Estará limpa esta chatarra.


Sito
Branca total. Era do defunto de meu pai.


Trapicheiro
Seis talegos, colega.


Sito
¿Seis talegos por unha pipa do trinque? ¡Vaia cagada, tío!


Trapicheiro
Eu arrisco máis ca ti.


Sito
Ten collóns.


Trapicheiro
Logo non hai trato. ¡Veña, largando de aquí!


Sito
Vale, vale, tío. ¿E papelinas?


Trapicheiro
Doce, e vas que te matas.


Voz
¡Madeira!


Sito tira a pistola contra unha silveira. Un neno pasa a correr e recolle algo da man do trapicheiro.


Policía 1
¡Alto aí, todos quedos! ¿Eh? ¡É Sito!


Policía 2
¡Coño, Sito...!


Sito
Non estou, non me vistes.


Policía 1 e Policía 2 intercambian a mirada.


Policía 2
Déixao ir.


Policía 1
Pero, ¿como...?


Policía 2
¡Déixao ir!






III

Barrio da Gaiteira. Parque Europa. Sito e Ana, sentados nun banco.




Ana
Pois xa mo podías ter dito antes. Dábame o corpo que a cousa non ía. Mira que non decatarme. Ti xa andabas servido coa outra. O caso era cambiar de cona. Porque o señor se cansa de meter sempre o verme no mesmo tobo. Pois sendo así, cóntasmo e xa está. Sen máis desculpas. ¡Ala!, recolles as túas cousas e vaste.


Sito
Ana, eu...


Ana
Nada, nada. Mudas de cona, mudas de casa.


Sito
Por favor...


Ana
Só me restaba ter que aturarte.


Sito
Estes días non ando ben. Estou confuso...


Ana
¡Ei! Non me veñas con choromicadas. Toda a fe que che tiña comeuna o demo. Acabouse, non temos máis nada que falar. Así que xa estás pasando polo piso a recoller a túa merda.


Ana érguese e marcha.


Sito
¡Ana!






IV

Sito co seu tío, no taller deste.




Tío
A caixa non cadra. Faltan cen euros. A caixeira viute a osmar por aquí.


Sito
¿Está a acusarme?


Tío
Mellor che será que o recoñezas.


Sito
¿Que eu lle roubei a quen me dá de comer? ¡Será filla de puta!


Tío
Non te poñas digno e pousa aquí a cazadora.


Sito
¿A cazadora...? Ah, si, ...


Tío
O que temía, xusto cen euros.


Sito
Era un adianto.


Tío
¡Fóra da miña vista!


Sito
Coidaba repoñelos coa paga.


Tío
Estás despedido; ¿oíches?, ¡despedido!






V

Barrio dos Mallos. Bar. Dous clientes conversan. Entra Sito, con síndrome de abstinencia. Diríxese a un dos clientes e pídelle cartos.




Cliente 1
¿De que mundo vés, amigo? Xa non restan talegos, agora pintan euros.


Cliente 2
Aquí o único talego que hai es ti.


Sito
Hei de ir á aldea e non teño cartos para o tren.


Cliente 2
Pois vai a pata, chaval.


Sito
Acabo de saír do cárcere. Mirade, aquí teño a alta...


Fai que busca un papel no peto da cazadora.


Cliente 1
¿A nós que nos dis?


Cliente 2
¡Veña, a rañala por aí, colgado da merda!


Sito
¿Que, que...? ¿Colgado de que?


Cliente 1
¡Déixanos en paz!


Cliente 2
Si, si, colgado, drogata, ionqui, puta merda.


Cliente 2 dálle un empurrón a Sito, que recúa a tordear.


Sito
Ti a min non me tocas, chulo... Cago na nai que te...


Cliente 2 dálle unha puñada nos fociños. Sito cae a rolos polas escaleiras. Queda sentado na beirarrúa, a sangrar polo nariz. Pasa unha vella e bótalle unha moeda.






VI

Cidade Vella. Apartamento de Xabier. Entra Sito, moi excitado.




Sito
Menos mal que estás.


Xabier
¡Eh! Veña, tranquilo, ¿que pasou?


Sito
Non sei como...


Xabier
Senta aí e cóntame.


Sito
Manguei na caixa.


Xabier
¿Atracaches un banco? ¿Ti?


Sito
Non, Xabi; no taller de meu tío.


Xabier
Ah.


Sito
O cabrón despediume.


Xabier
Vaia. ¿E Ana, sábeo?


Sito
Conteille que me deitara cunha vella amiga.


Xabier
¡Que animaliño es!


Sito
Non me atrevía a dicirllo e inventei o da outra. Estaba cagado co medo. Largoume do piso.


Xabier
¿Que foi dos cartos?


Sito
Paguei débedas.


Xabier
E como non tés onde meterte, queres que che bote unha man. Ben, polo de pronto, hoxe dormes aquí. E mañá vas e falas co teu tío. Preséntaslle desculpas, comprométeste a restituír o diñeiro; xa sabes, esas cousas.


Sito
Se non che importa, voume deitar.


Xabier
Estás moi tenso; deberías tomar algo... Baixo un momento á farmacia.


Sito
Non... Non te preocupes, teño eu.






VII

Cidade Vella. Apartamento de Xabier.




Sito
¡Xabier! ¡Xabier, desperta!


Xabier
¿Eh? ¿Que hora é? ¿Que pasa?


Sito
Nada, tío, metínme... e... fóiseme por fóra.


Xabier
¿O que?


Sito
Que me pincho, Xabier; que estou enganchado, tío. ¡Mira...! (Móstralle o brazo). Temos que ir a Urxencias. ¡Tamén que mala pata, mágoa de pico!


Xabier acaba de espabilar. Érguese.


Xabier
Mira, Sito, escóitame ben: fixéchesme un favor, pagueicho e logo convideite a unhas cervexas. Iso foi todo. Non teño débeda ningunha contigo. E non che admito que me pretendas utilizar, ¿entendido? Lévote ao hospital porque estás na miña casa...


Sito
...¡Eh, eh! Non te molestes, machiño. Ben me apaño eu só. Hai mañas que non se esquecen; xa sabes: Sito, ex-mangante de coches.


Sito colle a porta e vaise.






VIII

Dique Barrié. Solpor. Sito, só, sentado. Sombras de prata húmida contra os penedos. Aparece unha larada de gatos.




Sito
Malditos gatos. ¿Que queredes de min? ¡Liscade de aquí! ¡A foder a outro lado! Estades despedidos. ¿Oístes?, ¡despedidos!


Sito comeza a patadas cos gatos, que cada vez son máis.




Isaac Ferreira, 26-06-2002.


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega