Lusco e Fusco

 

(Texto íntegro)

 

m4johancarbalheiraluscoefusco.htm

 


¿QUE perdeu a lua, tan nova, que chora
—¡Nanai!—
entre o lusco e fusco?
O serán de dornas e bois
cinguino a campá,
plafón do seu relato reverente.
As badeladas corren
—arcos de ceo—
espallando a tarde pol-a aldea
e aforcan mais òs mortos no camposanto.
¿Quén me chama a mín
no rivés do vento
tolléndome os sentidos c'un segredo?
¡Presenza do silenzo
no que aboyan todol-os relós!
Búscome e pésanme as mans,
onde escondin o meu nome.
(O mundo está pecho e redondo
c'os barcos e os adeuses de fora).
Pensarei en ti, lixeira dos pes nús,
cando atope acougo
perdido como ando arredor de mín.
Caéuseme o corazón pol-as escalas
sonámbulo,
d'ista melanconía.
Xa ollei por todal-as fenestras
paxaros en fuxida...
Mais no mar n-hai ninguén: só os zapatos
dos náufragos navegan cara à noite.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega