O peregrino errante que cansou ó demo

 

Fragmento. Escena 4

 

v2xavierlamaoperegrinoerrantequecansouodemo.html

CATRO


(Brincadeira de frades nun convento da Rota de Santiago ó cae-la noite. É casa relixiosa de longa tradición onde a disciplina propia do monacato se leva con transgresor relaxamento. Calabréanse os murmurios dos frades envoltos en balandráns co rexoubante riso dalgún deles que acaba de escoitar un conto licencioso ou unha gracia pouco ortodoxa. O feble respecto ás normas débese a que o prior quedou cego por mor dunhas febres collidas en África durante unha estadía alí como misioneiro. Ademais, vai camiño dunha xordeira implacable e hai días nos que sofre profundos desvaríos mentais, ata o punto de chegar a pensar que segue en terras africanas. Case tódolos frades teñen fasquía de calaceiróns cos hábitos pragados de mendos e as chiolas sementadas de furados. Un fato deles permanece sentado nun bancal corrido; outros mantéñense de pé. Hainos que botan grolos dunha botella que contén algún licor chirlomirleiro. Patexan no chan con carraxe rebinxeira para escorrenta-lo frío encistado nos espacios abertos do convento e nas lousas que empedran o piso.)


FREI PAPUZO
(Frade vello, gulicheiro e vividor, pero de gran bondade. Dirixíndose ós compañeiros que chuchan na botella.) Deixade algún grolo, que mollades da beberaxe como se fose auga dun manancial sen dono.


FREI LUMINOSO
(Limpa os fociños despois de darlle ó frasco.) Vostede o que quere é coller unha zalapica para soñar cunha galana que lle aloumiñe os calcañares e o faga o rei deste mundo.


FREI PASPALLÁS
(Coa botella na man.) Aquí, frei Papuzo é dos que beberiscan ata zoupetear coa bebedela, pero lévalle envexa que os demais proben os goces do paraíso.


FREI MORCEGO
Eso, frei Papuzo, cale que vostede ten mala mexada cando a empina.


FREI PAPUZO
Os novos gastades lingua de donicela. Férvenvo-las fazulas coa maldade e co que zumegades do frasco. Eu bebo o licor como menciña, para desentullar estes ósos de tolleito.


FREI PASPALLÁS
Pois ha sandar ben axiña, que toma menciña como outros papan no caldo, a cazolos de medio neto.


FREI MORCEGO
(Ten agora a botella no seu poder e fala antes de botarlle unha viaxe.) Esta menciña só cura males superiores: os do corazón e os do espírito.


FREI ELÍAS O VISIONARIO
¿Qué saberedes vós do espírito, almas de seixo? Nacestes para cavar na horta e sementar malos exemplos.


FREI MORCEGO
(Rexoubón.) ¡Mirade para aí cos destemperos do Visionario! El é dos que enfía cara ás estrelas e ten trato de favor coas alturas. Nós, pola contra, só andamos en tratos cos cadullos da horta.


FREI ANTONIO O CADAVAL
Non hai que fozar no rego de frei Elías porque vista os hábitos con respecto á fe e temor de Deus. Os que lle chamades Visionario sóde-los que tedes visións tódalas noites mentres queda licor na adega.


FREI MORCEGO
¡Moita xente virou asisada de súpeto entre estas catro paredes! Eso si que é un milagre.


FREI LUMINOSO
Un milagre, e non dos pequenos. Esto semella unha sementeira de iluminados.


FREI BIEITO
(Frade de idade provecta e aspecto venerable. A súa palabra ten a resonancia do fondamente sentido.) Pois habedes saber que non tódolos que estamos aquí somos fuxidos da fame, ou da xustiza, ou dalgún amor contrariado. Aínda os hai que acougamos entre estes muros xeados porque temos fe. Vós sodes bestas encortizadas, mazás podres que envician os bos froitos.


FREI MORCEGO
Cos debidos respectos, frei Bieito, vostede é vello e ten o ceo gañado. Nós non andamos co propósito de roubarlle ou minguarlle as gracias celestiais. Pero pense que somos moito máis novos e aínda contamos con tempo dabondo para facer méritos.


FREI ELÍAS O VISIONARIO
Eso, frei Morcego, é mofa de chuzo envelenado. Aldraxe á lei de Deus.


FREI ANTONIO O CADAVAL
Téde-la desvergoña dos pecadores que obran a mala conciencia.


FREI PASPALLÁS
¿Chamádeslle pecado a gorentar esta auga férveda que entoa o corpo atravesado pola friaxe?


FREI ELÍAS O VISIONARIO
Esa auga férveda e a chave que abre a porta da imaxinación entoldada de tresvaríos e sombras e pezoñas.


FREI ANTONIO O CADAVAL
O peor é que franquea as rilleiras da impunidade.


FREI PASPALLÁS
Permítaseme dicir que esaxeráde-los termos dos beneficios e dos perigos da bebida, sen querervos faltar ó respecto.


FREI PAPUZO
Eu sinto ter que estar cos máis novos. Beber é cousa de homes, e nós, por vestir hábitos, non somos maricallos nin monifates coa gorxa atorada.


(Chega o prior apoiado sobre as costas de dous novicios. Unha cinta de tea negra tápalle os ollos, asolagados por un manantio de escuma proideira. Ten o aspecto dun sinistro aparecido, dun ser zoupeado pola vida ata deixalo convertido nun fargallo que agarda pola morte entre a resignación e a tortura. Cando se lle vai a cabeza, como sucede a miúdo, pensa que é misioneiro en África e rememora os tempos da súa xuventude. Por veces teima que o perseguen os cortadores de cabezas, ou que o come a malaria, ou mesmo que os nativos preparan vinganzas rituais co fin de enmeigalo e frea-lo avance da cruz cristiá. A súa entrada en escena impón o silencio entre os reunidos).


O ABADE
(Vén rifando cos novicios.) ¡Deixádeme, cobras pitoñentas! Vós sodes bestas con pel de tizón e guedellas crechas, fillos dun meco rinchón que non atende á razón do arrepentimento nin da piedade. Deixade acougar a este pobre fillo de Deus crebado polo sufrimento... ¿Onde estou? ¿Que engano me tedes preparado?


FREI BIEITO
Somos nós, humildes servos desta congregación, padre abade.


FREI LUMINOSO
Cada día está máis xordo. Nin oe, nin ve. Difícil proba para a fe esta á que está sometido, enchoupado de malos sosegos.


O ABADE
Sodes xente desalmada. ¿Queredes atarme e someterme a suplicio mentres petades no tamboril? Pois non habedes desalentarme, cans de ollos arreguizantes.


FREI PAPUZO
O pobre ten os miolos desatados. Cada vez represéntanselle máis a miúdo na cabeza os tempos nos que estivo de misioneiro nas terras de África. Aínda pensa que o manteñen privado da liberdade uns herexes de coiro negro e que lle queren talla-la caluga para facer unha esmorga ritual.


FREI ELÍAS O VISIONARIO
Non comprendo como pode tardar tanto a autorización do Xeral da orde para elixir un novo abade. Este é un santo que perdeu a razón de tantos afogos e desazos con que o probou a vida. Un auténtico santo, aínda que non pareza tal, pero este mosteiro necesita un novo guieiro.


O ABADE
(Segue coa súa teima.) Por máis que me deixedes en coiros diante destas feras desapracibles que brúan co cheiro do sangue, non hei baixa-la testa. Arrepentídevos, estercóns que anubáde-la luz do día...


FREI PASPALLÁS
Ó mellor víñalle ben un grolo deste bebedizo. (Levanta na man a botella de licor.) As faíscas do alcol podíanlle entoa-las ideas.


FREI ELÍAS O VISIONARIO
(Ó Paspallás.) Sodes un lerchán que non ten arranxo, frei Paspallás.


O ABADE
¿De que bebedizo falan? ¿Serán apócemas que meten o demo no corpo, meigallos que entran dentro dun para escacha-la enteireza da alma? Teño arrepíos desas maxias escuras coma a pel destes homes, esborranchada polos tizóns do inferno.


FREI PASPALLÁS
(Discretamente.) ¿Quen dixo que o abade non oe ben?


FREI MORCEGO
Ten a orella máis afinada có órgano do mosteiro.


FREI ELÍAS O VISIONARIO
(Diríxese ó abade.) ¿De que bebedizo fala, padre?


O ABADE
(Sen se decatar.) Han agardar a que saia a lúa para rebrincar ó xeito dos saltóns e ouvear coma cadelas parideiras. Teñen no corpo a semente da rexouba e do vicio, o celme do mal.


FREI PAPUZO
(Solemne.) ¡Abofé que a ten collida cos de natural escuro! Cumpría que frei Luminoso fose pola gaita de fol e lle muxise os sons da nosa terra para botarlle da cabeza esa idea de que somos africanos amigos do tantán.


FREI LUMINOSO
Eu, facer fago o que lle pareza.


FREI MORCEGO
Para min teño que non é mala a idea de frei Papuzo.


FREI PASPALLÁS
Eu penso igual. Puidese ser que a música da gaita lle puxese a proa na testa e volvese de contado á terra nai.


FREI ANTONIO O CADAVAL
Vós, con tal de que haxa troula, o mesmo dá arre que xo. En cabeza arrequentada só se escoita a música que dicta o desatino. Máis desasisado có tolo está o que pense cousa contraria.


FREI PAPUZO
Por probar nada se perde.


O ABADE
(Encadea coa frase de frei Papuzo para sorpresa de todos.) Non se perde quen non ofende a lei sagrada. E vós, castróns que só respectáde-las cóxegas do desexo, as fozadas do instinto, non habedes lograr que rebrincos e badaladas de tamborileiros embacen o diamante da miña fe. Vós nunca me habedes dobregar, porque o meu paraíso, o do eterno descanso, está na outra vida.


FREI MORCEGO
¡Que teima co paraíso e coas terras de lonxe!


FREI ANTONIO O CADAVAL
Certamente, é desvarío ben porfiado.


FREI BIEITO
A paciencia é das mellores compañas da virtude. Paciencia, moita paciencia é a que nos esixe esta proba das Alturas.


FREI PASPALLÁS
¿Queres que a paciencia resolva esta sede de aventura, estas brincadeiras en tribos de terras heréticas que cocen na imaxinación do abade?


(Oénse petadas nun postigo que soan secas e desacougantes desde o interior do mosteiro. Logo escóitase o renxer dunha porta. Os frades van apagando o rumor das súas voces e quedan ó asexo.)


FREI PAPUZO
¿Quen poderá ser co día cumprido e a noite pecha?


FREI PASPALLÁS
Deixe escoitar...


FREI MORCEGO
Malas comenencias caen a estas horas.


FREI PAPUZO
¡Malas!


FREI PASPALLÁS
Silencio, que non se oe nada.


(De alí a un chisco entra un frade, que aínda é rapazolo, con referencias do visitante nocturno.)


FRADE PORTEIRO
Está á porta un peregrino que di que vai cara a Santiago para axeonllarse diante do Apóstolo. A face tena tapada por un carapucho ancho e na súa voz resoa a canseira. Solicita pousada.


FREI ELÍAS O VISIONARIO
Aínda quedan xentes que fan a rota do Apóstolo. Tempos han vir nos que renaza a fe como antano, cando Compostela competía con Terra Santa nas preferencias dos bos cristiáns. Daquela, ducias de peregrinos pasaban tódolos días por diante deste mosteiro. Moitos tiñan aquí pousada e mantenta...


FRADE PORTEIRO
(Inquedo.) Co permiso de frei Elías, ¿que lle digo?.


FREI BIEITO
Dille que aquí hai berce lene e pan se llo demanda a fame. Aínda que a fartura e a abastanza non sexa moita nesta casa sagrada, un servo do Señor Santiago ha contar sempre coa nosa hospitalidade.


(O frade porteiro fai ademán de saír a présa coa nova.)


FREI ELÍAS O VISIONARIO
¡Agardade! Dicídelle tamén que se chega ata a catedral de Santiago e se axeonlla ós pés do Apóstolo non se esqueza de pedirlle que lle restitúa o xuízo ó noso abade. Refírelle que perdeu o siso e que lle reverdecen na memoria os tempos que pasou nas misións en África.


FREI MORCEGO
Entrégalle tamén esta augardente para que purgue os fríos do camiño.


(O frade porteiro sae da escena. Escuro).

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega