O secuestro dos elefantes

 

(Texto íntegro)

 

v3franalonsosecuestrodoselefantes.html
     Os elefantes brillan. Brillan na escuridade, coma algodóns fosforencentes que inchan os seus estómagos coa respiración, brillan ao mencer, á tarde e á noitiña, brillan entre os edificios e as árbores, e o seu brillo prende nos ollos saltóns das raparigas e dos raparigos que soñan con eles. O brillo dos elefantes é un soño de liberdade, un soño de esperanza e de xustiza. De igualdade. O brillo dos elefantes é o único soño posible se queremos habitar un mundo racional. Sen embargo, denunciémolo ben alto, alguén secuestrou os elefantes. Os elefantes esvaecéronse, cos seus ollos grandes coma laranxas e a súa pel escura e fermosa que sabe a canela. Esvaecéronse porque alguén os secuestrou, ladróns de brazos longos e sucios. Denunciémolo, si, porque os secuestradores de elefantes rondan ao noso arredor. Case nunca acougan. Ás veces non os vemos porque a penas respiran para non facer ruído. Tratan de se facer invisibles e actúan con sixilo. Atrapan os elefantes e lévanos canda eles para tirarlles proveito. Pero, outras veces, nin sequera se preocupan de agocharse. Andan á procura dos pequechos para lles roubaren os elefantes. Porque saben que onde hai nenas e nenos sempre hai elefantes, grandes, brancos, fermosos, brillando na escuridade. Porque os elefantes son o seu soño de liberdade. O seu soño de pícaros.
     Cada vez que alguén secuestra un elefante, secuestra a inocencia, secuestra a infancia. En Centroaméricana, a Violeta, que vive en Matagalpa pero tamén habita entre as páxinas de O brillo dos elefantes, secuestráronlle os elefantes. Secuestroullos, claro, a pobreza, a fame, a violencia; pero, sobre todo, secuestráronllos os que son cómplices desa pobreza, desa fame e desa violencia. Os que a provocan. Iso acontece en Centroamérica, esa terra quente do planeta onde unicamente a conciencia se conxela.
     Pero, por desgracia, hai moito máis. A Rasha, de doce anos, secuestroulle os elefantes un comando integrista que, en nome da lei islámica, non tolera que unha muller poida decidir de seu. Non llos secuestrou a relixión porque as relixións non son racistas, secuestráronllos as persoas que á súa vontade as interpretan e, contra ela, as practican.
     Os secuestradores están por todas partes. Tamén habitan entre nós. Hai poucos días, en El Ejido, en nome da xustiza secuestráronlles os elefantes aos fillos e ás fillas dos inmigrantes que, coma os galegos, algún día buscaron outras terras na procura de mellor fortuna. Secuestráronllos os que o fixeron e, sobre todo, os que llo permitiron. Cando o racista ri, afirma o escritor marroquí Tahar Ben Helloun, é para mostrar a súa superioridade. De feito, o que mostra —continúa a dicir— é a súa ignorancia e o seu grao de estupidez, a súa vontade para facer dano. Ben Helloun é un defensor dos elefantes.
     Atendede; en voz ben alta denunciemos aos secuestradores, porque, aínda que non lles importe, no ano 2015 haberá dous mil millóns de pobres no mundo. A pobreza cébase especialmente nas nenas e nenos e medra sobre todo nos lugares máis desfavorecidos do planeta: África, Asia e América Latina. As diferencias agrándanse. Na actualidade —segundo datos da ONU— a metade da poboación mundial vive con menos de 350 pesetas ao día. E 1.300 millóns de persoas viven con menos de 150 pesetas diarias.
     Os ladróns de elefantes sábeno. Permanecen mudos.
     Desde hai 25 anos, nos campamentos de refuxiados saharauís, en Tinduf, na hostil hamada do deserto alxeriano, os elefantes beben no mar. Alí non hai mar, pero nenos e nenas como Aixa soñan con bañarse na praia do seu país con eses elefantes intanxibles que lles sorrín pero que, para eles, tamén permanecen secuestrados. ¿Acaso non vos resultaría descorazonador vivir atrapados nun campamento de refuxiados durante anos e sen perspectivas de futuro?
     O 80% dos 22 millóns de refuxiados que hai no mundo son mulleres e nenos. Os desprazamentos forzosos non cesan e, día a día, pequenas sombras foxen do medo, da fame, da violencia, do terror e dun sufrimento do que nunca conseguirán liberarse. ¿Acaso non é xusto devolverlles o brillo con que os elefantes iluminarían os seus lexítimos soños esfarelados?
     Un de cada tres nenos refuxiados é africano. Proceden de Liberia, de Ruanda, do Congo, de Burundi, de Mali, de Mauritania, de Serra Leoa, de Angola, de Mozambique (país que estes días permanece anegado ata o espanto: a miseria cae sobre miseria), do Sáhara Occidental, de Alxeria, de Guinea Conakry. Dúcias de nenos soldados son reclutados á forza polos grupos militares e paramilitares para aprenderen a convivir co asasinato e a morte.
     Ruanda quería sumarse á economía mundial, relata o xornalista Alfonso Armada, e o goberno deixouse aconsellar polos técnicos do FMI. Tralas políticas de axuste, os salarios descenderon un 30%. A fame duplicouse. A consecuencia: novas ondanadas de nenos sen escola e de mozos absorbidos por partidos que se dedicaron a formalos como milicianos.
     Eis a nova economía globalizada. Eis o capital trasnacional.
     Non o dubidedes: eles disparan contra os elefantes. Son cazadores.
     Sen eses elefantes, os meniños enferman, choran, morren.
     Pero ollo, non sintades compaixón. O perigo da compaixón, advirte Alfonso Armada, é que non avanza nas raíces da inxustiza e ás veces consagra o desastre como estado natural dalgúns territorios. É o perigo dos ollos dos nenos, un mal común a toda África, di. E a toda América Latina. Sentide rabia, non compaixón. Rebeládevos. Declarádevos en guerra contra os que rouban os elefantes. Cos que consenten. Rebeládevos porque, como di Mendiluce, vendémoslles armas aos que odian e non defendemos nin armamos aos que aman.
     Hai unha cidade onde, cando a escuridade cae sobre as casas, as mazás brillan nas árbores coma se fosen de ouro. Se cadra é a cidade da esperanza. A cidade dos elefantes. Para sobrevivir con dignidade, a humanidade debe recuperar os elefantes. Ide a esa cidade. Pero, por favor, prohibídelle a entrada aos que secuestran os elefantes. Prohibídella aos que, con eles, rouban os sorrisos, a inocencia e a infancia das nenas e dos nenos do mundo.
     Hai nenas e nenos aos que lles doen os elefantes. Dóenlles profundamente pero amárranse a eles coma un náufrago que afoga. Habitan Nicaragua, Kosovo, Brasil, Chechenia, Guatemala; cativos e cativas que habitaron o Saraievo asediado e escribiron con sangue a súa memoria. Mirade atrás, o pasado é unha visión insoportable. O presente é o pasado con amnesia. Lembrade, por exemplo, a Ana Julia, desaparecida o 14 de decembro de 1981, como tantos nenos e nenas roubados polo exército salvadoreño, como botín de guerra, para recluílos nos cuarteis e empregalos como arma que sementase o medo entre os campesiños durante a guerra contra a Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional. Ana Julia, ¿que sería dela? Pola súa memoria, berrade ben alto contra os ladróns de elefantes. A memoria, esa que tamén nos fala dos nenos e nenas arrebatados aos seus país polos militares da dictadura arxentina. Esa que nos fala dos meniños que quedaron orfos a causa do crime de estado, organizado e planificado por Pinochet, asasino que agora invoca compaixón pero se nega a pedir perdón.
     Os ladróns de elefantes fan que moitos cativos e cativas vivan traumatizados polas brutalidades que tiveron que soportar: algúns viron morrer as súas nais, asasinadas por francotiradores, outros deberon asistir ao funeral dos pais e irmáns mortos en combate, outros quedaron sen casa nin familia, desvalidos nun mundo en que a traxedia se converteu xa nun espectáculo multimedia en sesión continua. Mirade para eles: mirade como perden a felicidade e a inocencia. Como as súas caras reflicten o trauma que sofren e que se prolonga durante meses e anos e séculos, porque uns se reencarnan noutros sen cesar.
     Son as cativas ás que se lles practica a ablación en Sudán ou en Exipto, ou en calquera lugar onde a atrocidade se dea cita en nome da relixión; os nenos dos arrabaldos de Bombai ou de Delhi, ou de Calcuta, que se nos proxectan diante dos ollos coma unha viñeta sen palabras; os nenos marroquís, que foxen da policía coma se, encarnada nela, visen ao mesmo demo; son os fillos e fillas que, en Timor e ante a pasividade dos organismos internacionais, presenciaron os asasinatos dos seus proxenitores (cando eles mesmos non foron víctimas); son as nenas de Nepal, que teñen que prostituírse na súa propia casa en canto son adolescentes para poder sobrevivir; son os sicarios colombianos, raparigos sen oficio nin beneficio convertidos en asasinos a soldo por tres pesetas, aínda que eles, en nome da Virxe, non se sintan culpables de nada, como nos descobren as tensas e desgarradas novelas de Fernando Vallejo; son os nenos e as nenas dos orfanatos chineses; os nenos e as nenas de Soweto que sufriron o racismo e agora seguen a sufrir a pobreza; os meninos da rúa; son, sen ir máis lonxe, os rapaces e rapazas víctimas de malos tratos neste país vello e verde chamado Galicia. A lista sería interminable.
     A infancia é a patria do home, dixo Rilke.
     ¿Hai, acaso, quen mereza patria semellante?
Silencio. Escoitade, ese é o ruído dos que secuestran os elefantes, é o ruído da infamia, o ruído atroz e miserable da avaricia, da acumulación, do egoísmo. As veces veñen disfrazados, pero sábese quen son. Que o seu eco miserable se apague entre as nosas voces. Que a forza do siroco os arrastre para sempre ata un lugar do que nunca poidan retornar.
     Por favor, salvade os elefantes. Construamos un mundo en que o seu brillo ilumine para sempre os cativos e cativas, que non teñen a culpa de estar aquí. Eles non o pediron. E non sintades compaixón: rebelémonos, recuperemos para eles ese brillo dos elefantes que lles pon a ilusión nos seus ollos saltóns. Deámoslles, cando menos, dignidade. Porque, como dixo Eduardo Galeano, a pobreza non está escrita nos astros nin a miseria é o froito dun escuro designio de deus. Deámoslles toda a luz que os elefantes levan dentro.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega