Pêle-mêle fel

 

Escolma

 

v2frankmeyerpelmelfel.html

luz azul de pálidas paredes
apagadas
as voces desde fóra
neve

cociñado durante media hora
comido en dez minutos
fartarse sen fame
no viño demasiada tanina
sarrio na lingua calada

no radiador unha toalla
papeis ciscados tamén no chan
unha cama fría
a manta volteada
unha porta que pecha mal
xunta ela exposto á corrente
o teléfono





os teus ollos non miran o que che bica
o embigo

os teus ollos miran a xanela pola
que o sol envía os seus raios
á pel descuberta do teu
tronco erguido que forma
un ángulo coas túas pernas
no chan

déixaste caer de costas e
sentes cómo o teu corpo non resiste ao
que vai coa súa boca do teu embigo
cara abaixo mentres ti miras
o teito e logo pechas os ollos

porque a súa boca se converteu
nunha lingua que te trata como
se foses un melón fresco
nun día de verán como este
en que os teus ollos non miran
o que che come a carne
chupando o zume
que perdes como o sentido
agora neste momento de
catarata
tan lonxe do teu corazón
cego





día gris de outono e hordas galopando
de nubes
o tempo é unha masa
sen cocer
espesa
a túa man coloca
non coloca nada a túa man
cousas
fóra do seu sitio
as paredes
falan demasiado
as colmeas non
dan mel





pelo o teu pelo medra xa
no meu soño derrétese
doce na miña lingua flota
o pelo nunha bágoa e
van as túas nádegas como cisnes
sobre un lago de suor brancas
e negro o pelo e brancos os cisnes
e cal pardais suaves revoan
os teus peitos cegos polo meu nariz
seguros da victoria aniñan na pel
no meu soño onde pouco a pouco
vou afogando asfixiado no pelo lonxe de máis

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega