BVG Atrás |
Poemas |
||
|
(Texto íntegro) |
|
v2lucianovaspoemas.html
I
OUTÓRGAME fértil olor a espiga, sabor extremado
e ardente.
Rógoche ofrenda de humidade e terra, laranxas
caídas, figos
e cipreses, boca entolecida
na frescura.
Entrégame tempos, esporas de fentos
na tardiña,
presaxios de natureza vizosa e ricaz, bandoleiros salvaxes.
Outórgame dondo leito de plumas e folerpas,
mazás de ouro, firmamento lixeiro.
Rógoche estepa inabarcábel, ventos
que percorran os brazos (cabalos a galope,
eguas desbocadas),
lirios turbadores, présas terríbeis, madeiras
secas
que ulan a deserto,
bóvedas subsaharianas e latexantes.
Ai, as orquídeas que provocan! Ai, esas
herbas que danzan!
Ofrenda de corpo e neve: último suspiro
(a intimidade absórbenos).
II
ÉRGUENSE as flores fortemente almiscradas,
adivíñanse labirintos,
dédalos luminosos e atraentes.
Procuras espigas de trigo; procuro
na sensación a lingua voluptuosa (uvas
nos outeiros, lumes sobre os lombos).
Os dedos intérnanse en xeografía salgada
e áchanse mirtos delourados, meles silvestres
en seos exquisitos.
Reméxense nos corpos as terras antigas e esquecidas,
a vizosidade incríbel,
os socalcos fresquísimos
das puzas e as palmeiras.
Ai os fentos que se axitan no teu torso cultivado!
Procuras vulva de sal e vento, augas
escorrendo do delta, braña luminosa.
Penetras por territorios inexplorados,
viaxas ata as tundras do corpo que insinúa,
lévasme por carreiros, tornas estes espacios
en estepa infinita.
Ai, o ventre en que xorde doce flor de fariña!
As alturas provocan unha luz que se verque
e agroman de socato suestes entre o trigo.
|
|
|
© 2006 Biblioteca Virtual Galega |