![]() ![]() |
Resumo da despedida |
||
|
Escolma |
|
v2frankmeyerresumodadespedida.html
non sei se son
a catarata
ou a pequena gota
de auga
que só por caer
se confunde
con ela
agora érguese
a túa sombra definitivamente
e bota a voar
con algo de retraso
seguindo a bandada dos sentimentos
(que estreitándose a modo
no horizonte
se vai
diluíndo)
triste país gris
de homes agachados
cabeza baixa e
rabo encollido
se non fose
polas vosas mulleres
botándolle peito
á chuvia miserenta da vida
qué fariades
baixo tanta brétema opaca
estreitez penuria
falta de aire e perspectivas
e qué faría eu
sen a profundidade
do ollar escuro
destas mulleres
aguantaría
aínda menos
aquí
salvaríame
antes
o sobaco das pernas
non se chama así
e ten perlas
invisibles
con olores reincidentes
ten a incerta textura
dun gozo
e pode provocar
impulsos redondos
ás veces
despois
só che queda
sentir as maniotas
no corazón
ás veces
as ratas
traban
de tal maneira
que da man
noutrora acompañante
fiel do pracer
só che queda
un coto ridículo
que ás ratas
non lles interesa
a pel é a pobre membrana
na que peta o espacio exterior
o salitre das imposibilidades
semipermeable e rañada arreo
proe
deixa ver vestixios das rozaduras co mundo
non imos falar de alma
canda hai palabras como sarna ou alerxia
(estados de ánimo poden depender da dixestión)
incompatibilidades
con aquilo que te apaxa
empuxándote para atrás
despois dos ollos a pel
é a segunda testemuña
e a primeira víctima visible
sacudido
(que foi? que pasou?)
u-los cimentos?
non se oíu ningún estrondo
de derrubamento
na mirada cara adentro
non se ve nada
como moito unha nube
turbia
ou é un charco?
auga choca?
erguendo a vista:
o xa vistoao abrir a boca
só saen burbullas
que fan plop
e desaparecen
nada novo
de novo: nada
plop
|
|
|
![]() |
![]() |
© 2006 Biblioteca Virtual Galega |