Valentín Lamas Carvajal

 

(Texto íntegro)

 

m2losadadieguezvalentinlamascarvajal.html

     N-il falou a terra Gallega. Niguén coma il sintiu n-a y-alma a verdadeira emoceón d'a vida d'os nosos campos, a vós d'os carreiriños, o dôce xerminar d'os eidos baixo o luar, as cántegas d'o traballo, y-a carón d'as ledas horas d'aldea os delores d'os labregos, a dör de Galicia. Foi a vós y-o queixume d'a Galicia enxebre.
     Lamas Carvajal cantaba é ría. Y-ó cantar eran os seus desexos un soño ideale d'unha Galicia nova surxindo d'a natureza campesía, d'os vales, e d'os curutos, forte e brincadeira n-o agarimo d'a terra. Y-ó rîr era a sua risa azoute ou mallo pr'os esprotadores, y-as suas parolas como aguelas qu'en fondas feridas facían sangue envolta en risadas, risadas ben cheas de leuciós, topando un eco n-os corazós labregos.
     Ánima xenerosa e doída pol-as mágoas d'o corpo e pol-as inxusticias ollando perdida a nosa Galicia, non s'acedou o seu esprito e sempre arrecendían os seus versos, aínda con espiñas, a follas de castiñeiros e carballos, y-a froles d'as silveiras, d'as xestas amorosas, d'as rosas e d'os caraveles d'as solainas e foron as suas canciós alalás d'esperanza, y-as suas prosas feiticiero esforzo d'artista qu'abría os camiños d'o renacemento gallego.
     Deitáronse n-a morte d'a lús seus ollos, y-erguéronse aloumiñados co'a craridá d'unha vida aberta ôs ensonos n-o colo d'armonía d'as veigas e d'os piñeirales, d'as lembranzas d'os groriosos feitos galicianos.
     Sin petar á fama argalleira d'as cibdades e d'as loitas polítecas o seu nome foi groriosos. Pol-as feiras, e pol-as romarías, festas d'o traballo e d'a Fé, de cote ledas, n-as corredoiras e n-as noites de parrafeos, O TIO MARCOS levaba a Lamas Carvajal d'unha veira a outra de Galicia y-eisí foi o mesmo esprito d'a terra nosa quen-o fixo imorrente.
     N-o xardín d'o Posío d'Ourense váiselle erguer en pedra unha lembranza: homes d'a cibdá han-o ver n-os seus paseos con indefrencia y-as rapazas d'alta sociedade y-os nenos d'os ricos n-os seus esparxementos non terán pra il un agarimo, mais a terra en que se pousa o seu moimento fará rayolar â pedra pra que n-os corazós gallegos dea froitos de loite, e voluntade forte de sere mais galegos pra sentirse mais fondamente homes.
     E dis que á imaxe de Valentín Lamas Carvaxal énchese de vida cando s'oye rezoar por Galicia levado n-os airiños e n-os fortes ventos o berro de: ¡Terra a nosa!
     Orense, Mayo 1918.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega