A xustiza dun muiñeiro. Se o sei... non volvo a casa

 

"A Xusticia dun Muiñeiro": Feito Pirmeiro

 

Feito Pirmeiro


Peza en tres Feitos, o Pirmeiro i o Segundo partidos en dous cadros cada un



Ista peza foi estreada no teatro MAYO, de Buenos Aires, pola Compañía Galega MARUXA VILLANUEVA, co siguinte

REPARTO

CARMEN ....................................
PEPA .........................................
XENEROSA ................................
MARIA ........................................
DOLORES ..................................
XOSE .........................................
MUIÑEIRO ..................................
FANDIÑO ....................................
MANUEL .....................................
O MUDO .....................................
ANTON .......................................
O CURA ......................................
MULLERES e HOMES do pobo ....
Maruxa Villanueva
Marujita Boga
Eva Carreras
L. Lugo
Pepita Duarte
Antonio Cubela
Fernando Iglesias "Tacholas"
Enrique A. González
Luis Lugo
Alfonso Costela
Vicente Fernández
Domingo Caamaño

 

O feito nunha aldeia da provincia de Pontevedra, aló polo ano de 1909.
Izquerda e direita a dos traballadores da escea.





Feito Pirmeiro

(Eira de Manoel de Montouto, cercada por un valado de pedra. No centro do foro, portal ou cancela; na banda direita segundo térmiño, un canceliño; na izquerda, fronte da casa con duas fenestras corridas i unha porta no centro de dúas follas horizontaies, que xogan independentemente; sóbor da direita, segúndo térmiño, antre o portal i o canceliño, estará o hórreo, coa porta fronte ó púbrico —aínda que non xoga— e tres peldaños pra rubir a íl.)



ESCEA I

CARMEN.- (Mociña fermosa, vistida ao uso aldeán. Despois que se escoita cantar un a-la-la, que debe cantar ela ou outra muller, entra a escea por direita fuxíndolle ó FANDIÑO, que a ven seguindo: trai un feixe de herba e métese na casa).



ESCEA II

FANDIÑO.- (Home duns corenta e cinco anos ben cumpridos; famélego, traxe de pana moura, renxidores zapatos de becerro, chapeu de aza ancha, chelina bermella, descoidado e poboado bigote. Faille as ñáñaras a Carmen non porque se sinta namorado, senón por acrecentar as súas propiedades unindo a elas as de Carmen. Entra a escea fitando pra tudos os lados, coma can que a lebre persigue. Na crueza do seu tono e modalidades peculiares, ben se adiviña que é tudo carne). —¡Qué condanada de rapaza! Fuxe de mín coma dun can doente, centella. (Botándose unha ollada a sí mesmo). O que é haber... hainos muito máis feos. (Arrufado). E se algo eu feo fora... está a compensación pola outra banda: son o FANDIÑO, o home máis rico da parroquia... i acaso da bisbarra. (Carraspea, acomoda o chapeu, estarrica a chaqueta, etc. ) Boeno, considerando que os pais da rapaza están da miña banda... será difícil que tanto ela como os bens de Montuto —que son os que máis intresan nista custión— non pasen a sere propiedade do FANDIÑO. ¡Manoel de Montuto ten moi boas terras!... E de herbas... estou por decir que está tan ben coma mín: principalmente un dos dous prados que ten, é o ollo do capón. (Carraspea e peta na porta). ¡Eh!... ¿Quén anda por eiquí ?...
PEPA.- (Dende dentro). —¡Entre, sinor Fandiño, entre pra dentro!... (Entra resoltamente).



ESCEA III

MUDO.- (Rapaz xoven, afásico a causa dun susto que pillou, pero ouve. Entra por direita cun feixe de leña ás costas. Viste blusa folgada, un pantalón algo rabelo con algús mendos mouros ou azulexados, tocado con pucha e calzado con zocos. Ademáis de non falar, polos xestos semella ser un pouco retardado. Tenlle xenreira o Fandiño i é moi amigo de Xosé. Cando ouve a gaita, que se fará escoitar de lonxe, chimpa o feixe ó chan, dá unha volta denredor de sí e ponse a bailar a muiñeira. A gaita óuvese máis perto cada vegada)...
XOSE.- (Aparez no portal coa súa inseparabel gaita. Ten uns vintecinco anos, é aposto mozo, viste homildemente. Dimpois de convidar ao MUDO cun pitillo, pergúntalle apromadamente). —¿Está Carmen na casa? (O MUDO dille que sí, acenándolle coa cabeza). ¿Tamén estará o Fandiño? (O MUDO volta a decirlle que sí). Pois vaite pra dentro, anda; faille sinales de que estou eiquí. (O MUDO, dimpois de sacudir o cigarro e gardalo, colle o feixe e disponse a entrar na casa. Xosé chama por il). Mudo, escoita. (O MUDO volta cabo de Xosé): Hamos de ser moito máis amigos do que somos se fas o que che vou decir. (O MUDO, decote con xestos, dí que sí a tudo). Cando a túa nai queira sair á eira pra chamar a Carmen cando estea conmigo, seremos muito máis amigos do que somos se fas soar iste chifro fortemente. (Entrégalle un subioto; o MUDO ceiba un chafrazo tan forte que il mesmo estremece. Dando sinales de contento e facendo xestos de aprobación, métese na casa. Xosé séntase nas escaleiras do hórreo, encarta a gaita e a pousa sóbor das súas pernas. Dimpois de apertar os beizos i abanear a cabeza, bótase a falar.) ¡Mil centellas se dean cita na cachola do Fandiño! (Pequena pausa). Afincándose na súa riqueza proponse quitarme a felicidade roubándome o que eu máis quero: ¡a miña Carmiña! (Pequena pausa). Inda Deus queira que non quede fungueiro na aldea que no lombo de Fandiño non pete...



ESCEA IV

CARMEN.- (Sentándose a pé de Xosé). —¿Agardaches moito?
XOSE.- —Agardando por tí... o pouco decote se alonga muito, Carmiña.
CARMIÑA.- —Ouvín a gaita, sí, pero... por faguer un pouco de desemulo...
XOSE.- (Achegándose muito un ó outro). —¿Avisouche teu irmán?
CARMEN.- —Sí...: quéreche moito e non o pode desemular. (Sonrín).
XOSE.- —Tamén eu lle quero a il. ¡Lástima que non fale!
CARMEN.- —Non; dende que Ile meteron aquil medo no camiño do muiño, non falou máis.
XOSE.- —Ben me lembro, sí... (Transición). ¿Fai muito tempo que Fandiño está na vosa casa?
CARMEN.- —Fun ao prado por un feixe de herba, albiscoume e veo correndo detrás de mín... ¡Qué teimoso!
XOSE.- —Compre buscarlle remate ó noso sufrimento, Carmiña. Por riba da riqueza do Fandiño, atópase a miña diñidade, i eu xa non aturo tanto aldraxe. Teño tentaciós de demostrarlle a teus pais que son eu máis home pra defender a miña honrada probeza que Fandiño pra defender a súa riqueza...
CARMEN.- —¿Dubidas do meu querer?
XOSE.- —Non, Carmiña, non dubido, pero...
CARMEN.- —Dinantes de casarme con ise espantallo, ben sabes que prefiro a morte... (Melosa, faguéndolle carizas)
XOSE.- —¡Quén convencerá a teus pais do noso ferme querer!...
CARMEN.- —Xa se irán convencendo de apouso; tranquilízate e ten pacencia. Tí non te metas co Fandiño, que sería a nosa moor disgracia, o acabamento de túdalas nosas ilusións.
XOSE.- —Se teus pais ven que o Fandiño é rico en terras, tamén compre que vexan que eu o son en xuventude, que teño dous brazos sans e fortes pra traballar i un tenro corazón pra quererche de xeito de facer de tí a máis feliz das mulleres.
CARMEN.- —I os meus brazos a carón dos teus... por catro farán; a carón dos de Fandiño... murcharíanse como follas caídas do árbre. (Vai escurecendo).
XOSE.- —¡Qué inxustizas con nosco se cometen!... Namentres que Fandiño quenta as canelas a caróns da túa lareira, nós, porque teus pais eisí o queren, témolo lombo á xiada.
CARMEN.- —Boh, non fagas caso. Eisí como Fandiño recebe a quentura dos tizós, tí recebes a quentura do meu corazón.
XOSE.- —Conforme, Carmiña...
CARMEN.- —Detrás da noite... ben o día, xao verás.
XOSE.- —Pois esperemos, miña prenda, esperemos a sorte que nos agarda... (Dispoñense a bicarse, xustamente cando o Mudo fai soar fortemente o chifro dentro da casa. Os namorados sopáranse un pouco e gardan silenzo).



ESCEA V

PEPA.- (Muller vigorosa, que xa pasa dos cincoenta anos. Non é ruín muller, pero a iñorancia faille ver na persoa do Fandiño un brilante e pormetedor porvir prá súa filla, berra acedamente). —¡Carmen!
CARMEN.- —Vou correndo, mamai, vou correndo...
PEPA.- —¡Agora mesmo! E non agardedes que vos vaia despegar co rascadoiro do forno. (Desaparez fungando e decindo algo que non se Ile entende).
XOSE.- —Sóio por unha muller coma tí se poden sofrer istes aldraxes...
CARMEN.- —Non te alporices por isto, home non...



ESCEA VI

MUIÑEIRO.- (Aparez no portal, cun farol aceso i un pau na man. Iste home, un chisco cangado e de homildes roupas vistido, pasa dos sasenta anos; é de nobres sentementos i amante da xusticia, de falas vagarosas e tenras. Non tarda en solidarizarse cos namorados e, con agarimo de pai, loitará pra conquerir os anceios dos rapaces, que aspiran ó casamento. A súa honradez e reititude non lle impide que en certas ocasiós sexa irónico e bulrista. Estudou algúns anos pra crego, pero non se sinteu con vocación pra selo e prantou a carreira. Berra dende a portada). —Deixas atravesar a eira pra poder atallar un bocado, nena?
CARMEN.- (A Xosé). —É o Muiñeiro... (Transición). Deixo, sinor Muiñeiro, deixo; pase, que non lle cobrarei maquía.
MUIÑEIRO.- (Alancando até iles i alumándolle as caras co farol). —E boeno, rapaza; que Deus cho pague e que vos axude, pola boa parella que faguedes.
CARMEN.- —Amén, sinor Muiñeiro. Pero tamén vostede nos pode axudar faguendo a maquía un chisco máis pequena...
XOSE.- (Dimpois dunha sonrisa). —Xustamente.
MUIÑEIRO.- (Que tamén sonreu). —Boeno, boeno, boeno... Por máis que eu roubare... nunca tanta felicidade me agardaría como a vosoutros os dous vos agarda, meus nenos: xuventude, fermosura, saúde... ¡Vaiche boa!... ¿Qué máis queredes?
CARMEN.- —Ven vostede moi fadigado... Séntese, séntese eiquí antre nós unha miga: a noite é longa...
XOSE.- (Fanlle sitio antre iles). —É longa e chega pra tudo...
MUIÑEIRO.- —E pois tamén tendes razón: tomarei folgos un anaquiño, eiquí sentado antre dous anxos... (Dimpois de botar os brazos por detrás do pescozo aos mozos, con gravedade e tenrura, dimpois de ollar un chisco pra eles en silenzo, dilles). ¡Sodes o arquivo dos meus tempos fuxidos, rapaces! Cada vegada que vos ollo xuntiños, lémbrome de tantas e fermosas cousas que... mesmamente gozo. (Os mozos, inconscentemente, coma abraiados, van poñendo os cóbados apoiados nas pernas do Muiñeiro, que está sentado nun peldaño máis outo co deles; míranlle prá cara con tanta atención que mesmamente feguran estar adourándolle a un Santo).
CARMEN.- —E logo cando nos mira xuntos... ¿de qué se lembra?
XOSE.- —Dos seus tempos de mozo, seguramente.
CARMEN.- —¿Tivo moitas mozas?
MUIÑEIRO.- —Moitas..., como moitas, non: fun casado tres veces.
CARMEN.- —Duas mulleres conocinllas eu...
XOSE.- —As mesmas que eu Ile lembro.
MUIÑEIRO.- —A outra, a pirmeira, foise denantes de vos nacer.
CARMEN.- (lnxénua). —¿E por qué non tivo fillos?
MUIÑEIRO.- (Perplexo). —E...
XOSE.- —Fíxolle a pergunta en confianza...
CARMEN.- —Non quero que se asañe nin me tome a mal a pergunta...
MUIÑEIRO.- —Non, muller, non... Veredes: Eu quixera ter algún fillo e fixen o que pode facer o home máis repoludo pra chegar a telos, pero non logréi os meus anceios; non quixo Deus que os lograra... Boh, xa sei que destiño me agarda: morrer antre os meus libros, asistido polos ratos que conmigo o muiño comparten.
CARMEN.- —Vostede está lendo decote...
XOSE.- —Nunca fun o muiño que o non atopara lendo...
MUIÑEIRO.- —Sí, leo muito; é un vicio coma outro calisquera... (O Mudo fai soar o pido, forte e repetidas vegadas). ¡Arre, porra! ¡Vaia maneira de esfolar a gorxa o melro ise!...



ESCEA VII

PEPA.- (Botando a cabeza pola porta, un chisco relaxada). —¿Tí ves ou vouche buscar eu, Carmen? Non, pois... ¡Fumm! ... (Desaparez fungando).
MUIÑEIRO.- (Zumbón). —Parezme que a noite se vai poñer fera, rapaces...
XOSE.- —A sinora Pepa estoura de carraxe porque Carmen está eiquí conmigo e non co Fandiño na cociña.
MUIÑEIRO.- (Solprendido). —Entón é certo que che queren casar á forza co Fandiño, como xa escoitéi a moutos ¿non sí?
XOSE.- —¡Craro que é certo!... E queren que nos deixemos, que esgacemos o amor que co moor cariño vimos sostendo dende xa fai catro anos. ¿Qué Ile parez a vostede?
CARMEN.- —Dende que Fandiño entrou na nosa casa coa proposta, fanme a vida imposíbel de aturar: mesmo me veñen ganas de me chimpar ó río...
XOSE.- —De nos chimpar os dous, dimpois de matar ó Fandiño.
MUIÑEIRO.- —¿E quén se vai casar con ise desleigado? (Pequena pausa, coma intuindo as intenciós de Fandiño). Ise home non ven á túa casa por amor a tí: ben, iso sí, porque cobiza as leiras de teu pai.
XOSE.- —Iso é o que eu lle digo a Carmiña...
CARMIÑA.- —Vexo o demo nil, pero meus pais... (Contristada).
MUIÑEIRO.- (Ferme i apromadamente). —Boeno, pois... unha de duas: ou se Ile mirraron as forzas a iste Muiñeiro ou Fandiño non sairá coa súa. (Os rapaces ven niste home a súa táboa de salvación i acurrúcanse a carón dil coma pitos a carón da galiña. Prosigue o Muiñeiro). Pirmeiramente compre que pensedes ben se vos quereles, ¿eh?; non sexa que...
XOSE.- —Ou casamos ou desaparecemos do mundo; pero o causante de tudo isto tamén irá connosco.
MUIÑEIRO.- (A Carmen). —¿Pensas o mesmo, nena?
CARMEN.- —O mesmo. Xa tudo está falado.
MUIÑEIRO.- —Iso quer decir que se vos non deixan casar, á morte iredes os dous?
XOSE.- —Os tres: o Fandiño e máis nós.
CARMEN.- —¡Os tres!
MUIÑEIRO.- (Dimpois de pausa). —Boeno, boeno; compre que botedes do pensamento todo aquelo que fale de morte e cimiterio. Compre que pensedes que tendes longa vida por diante, con túdolos direitos pra vivila. Pensade en cousas fermosas, alegres, sans; non é cousa propria da vosa edade cavilar en cousas tristes. A meirande riqueza consiste en chegar ó casamento co corazón acugulado de amor, de cariño. Isto calisquera o sabe; calisquera menos Fandiño, que é un novelo de carne con ollos e sin corazón.
CARMEN.- —Meus pais tampouco consideran istas cousas do amor, do cariño: decote me din que son panxoladas, que o principal é ter pan pra comer.
MUIÑEIRO.- —Eisí razoan as vacas, os porcos e demás animaies. Boh, teus pais non son ruís, rapaza: cegados pola riqueza de Fandiño, faranche mal coidando que che fan ben.
CARMEN.- —Eisí mesmo é, pero...
XOSE.- —O conto é que nos fan sofrire...
MUIÑEIRO.- —Iles non saben que non hai forzas paterñas nin de ningunha crase capaces de conter un amor tenro e virdadeiro coma o voso. Tampouco saben que os namorados, se non saien coa súa, arrematan pola morte, por quitarse a vida.
XOSE.- —Xusto, sinor Muiñeiro; vostede sí que sabe ben as cousas.
CARMEN.- —¡Nin que estivera dentro de nós!
MUIÑEIRO.- —É certo que as forzas do diñeiro consiguen impoñerse nalgús casos aos virdadeiros sentimentos; pero as leis da Natureza decote siguen o seu vieiro, i aquil que aitúa escontra das leises naturaies decote será un escravo da súa iñorancia, un oso fora do seu sitio. Por outra banda, a Natureza quere xentes sans, fortes e ben formadas; i esa cras de xentes nunca sairán dun matrimoño que non se faga moi a gosto dos contraintes. (Pausa). ¿Sabedes por qué vos queredes tanto?
XOSE.- —Boh, eu sóio sei que quero muito a Carmiña.
CARMEN.- —I eu sóio sei que quero muito a Xoseíño.
MUIÑEIRO.- —Respostas proprias dos virdadeiramente namorados: quérense e non saben por qué se queren. Pois ise cariño tenro e cego que vos tendes, capaz de levarvos á morte se non podedes chegar ó casamento non vos é outra cousa que a xeneración videira que xa rebole nos vosos corpos, degorándose por entrar na vida. E teus pais e máis Fandiño serán impotentes pra conter i aprastar o amor que vos profesades. Xao veredes, rapaces: estade tranquios, cougados. (Carmen e Xosé bican ó Muiñeiro repetidas vegadas; o Muiñeiro emociónase visibremente, que sigue falando, dimpois de pausa). Vaia, vaia... Anque fillos non tive, bon pai houbera eu sido: os vosos bicos, a tenros bicos de fillos me saben. Contade coas miñas forzas. Percurarei trocar a vosa traxedia en ledicia pra vós e pra tudos.
CARMEN.- —Entón vostede aconséllanos...
XOSE.- —¿Qué nos aconsella, sinor Muiñeiro?
MUIÑEIRO.- —Que sigades teimeando até chegar o casamento. (Erguese pesadamente, colle a botella que traguía i o farol e, sentencioso, prosegue). Fandiño non é parella pra tí, rapaza. E se pretende aprastar sentementos que il non ten nin coñecerá nunca, metendo o fuciño onde non debe, daráselle unha peiteadura e faráselle comer un caldeiro de terra pra que de terra se encha. E xa sabendes, eh, estou da vosa banda pra tudo canto faga falla. Quedade, quedade tranquiliños, fillos meus... E voume correndo, que cecais teño o muiño en vau...
XOSE.- —Vostede é un santiño, sinor muiñeiro.
CARMEN.- —¡Lástima que eu non son súa filla!
MUIÑEIRO.- —¡Non se sabe!..., non se sabe o que eu faréi por vós... (Transición). ¿Túa tía Xenerosa tamén pretende que cases con Fandiño?
CARMEN.- —¡Vaille boa!; miña tía é a pior de tudos.
MUIÑEIRO.- —Tan relixosa como ela é; sendo filla de María, papando hostias túdolos días... (Transición). Boeno, deica mañán. (Saie polo canceliño da direita. Carmen e Xosé quedan reloucando de ledicia; míranse i abrázanse, xusto cando o Mudo fai ouvir o sobioto repetidas veces).




TELON SUPITO

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega