O apareamento dos escornabois

 

(Texto íntegro)

 

v9queipooapareamentodosescornabois
Na pereira que hai enriba do pío, mutilada polas podas sen sentido, polos temporais sen número, pola sevicia das estacións e as pragas, polos fungos e os liques incrustantes, hai sete escornabois machos e unha femia.

Levado polo fastío ou polo interese (un nunca sabe), achégome ao seu pé chamado polo balbordo do combate entre dous machos. Cornos contra cornos e estralar de xunturas, coirazas contra coirazas de insectos erixidos en paladíns dun combate singular. Na fin, un deles gaña e o outro perde o desafío e o equilibrio, caendo sobre a herba recen cortada. O perdedor, logo de dous segundos de tanatocrese (simulación de morte), ponse en movemento na dirección do tronco da pereira. O gañador achégase á femia pola retagarda. Esta, allea a todas as demostracións de afouteza dos rivais, chucha na ferida que  hai pouco fixera na codia da pereira.

Chega o macho paladín e comeza o ritual da monta. Sitúase enriba da femia, que non opón resistencia, que segue a chuchar coma se a historia non fose con ela. O macho abre o seu abdome polo cabo posterior, extrae o seu aparello sexual e comeza cun discreto, case imperceptíbel, movemento rítmico de inxección de fluídos. Arredor da parella, un fluxo constante de formigas afánanse en libar o zume que sae da fenda aberta na codia da pereira Williams. Dúas moscas de abdome globoso da cor do amarelo limón, de ás e dorso xaspeados a xeito de camuflaxe, anoxan permanentemente ao macho, que teima no seu empeño e que, de cando en vez, as aparta coas súas patas articuladas rematadas en unllas poderosas como garfos pneumáticos, deseñados para servir de ancoraxe, para desgarrar estruturas, para facer dano ou proporcionar seguridade nos movementos en terra. As moscas chimpan nerviosas dun lado a outro, pero non abandonan o lugar. A cada tanto achéganse onde a femia e introducen a trompa no caudal que flúe da ferida da árbore.

Os outros machos dividen as súas estratexias. Hai dous que ascenden pola mesma póla na que se está consumando o acto. Outro decidiu abrir as ás externas despregando as membranosas, coas que inicia un voo espectacular, manténdose no aire e desprazándose lateralmente, como cangrexo alado ou colibrí sen plumas. Dous máis permanecen estáticos, escrutadores, ancorados en dúas pequenas pólas situadas no alto, observando con aparencia desinteresada dende unha atalaia, esperando, se cadra, a súa oportunidade de fecundar á femia ou mergullados nunha tristura reactiva a unha derrota previa. Finalmente, o sexto macho desocupado ascende frenético por unha vía paralela á do lugar onde se desenvolve a coreografía sexual.

A femia segue chucha que chucha na ferida da árbore. As formigas continúan con seus tráficos, sen inmutarse polas mandíbulas serradas da femia-cascuda, que non as usa contra elas. As moscas seguen amolando. O macho fecundador, logo de varios puxos, retirou o seu aparello sexual. No intre de o retirar un fío elástico, continúa unindo aos dous oficiantes (resístome a falar de amor por mor de caer na antropomorfización máis vulgar) ata que acada o seu punto de esticamento máximo e racha con violencia de fractura, retraéndose sobre o aparello sexual do macho e formando un botón glutinoso no seu cabo, coma se o que rachase fose unha fita de goma arábiga. Sen abandonar a súa posición enriba da femia, o macho xirou agora 180 graos o seu corpo, ficando coa cornamenta virada cara ao cabo abdominal da femia. Púxose así á defensiva, pois un outro macho ascendía se achegaba certeiro como un dardo con intencións de lle disputar a súa condición de exaculador privilexiado.

Chega o macho retador. Escoitase o ruído de coiraza contra coiraza, de torsión contra torsión, un crepitar que esperta a atención distante doutros machos, que agora se moven nerviosos. Engánchanse os dous contrincantes cos cornos facendo presa un no outro, agarrando cada un a base dos cornos do inimigo. Bambéanse intentando coller ao rival desprecavido. Repítese o crepitar das superficies quitinosas. Poderíase pensar que van crebar como láminas que perdesen a súa capacidade de deformación, que chegasen a un punto crítico onde se produce o estralar das superficies. Alternan movementos desesperados das patas, afincándose nas extremidades traseiras, cravando as unllas na codia da pereira Williams, movendo en remuíño os artellos e as tibias dianteiras, coma se braceasen nun fluído invisíbel. O máis poderoso (sempre hai algún máis habelencioso, non é sempre cuestión de forza), consigue erguer ao outro en peso, sostelo no aire en equilibrio inestábel e separalo da súa ancoraxe arbórea. So ten que se liberar dos cornos do opoñente. Por uns instantes semellan conxelados no espazo e no tempo, cunha inmobilidade tensa que antecede á resolución da liorta. O que perdera pé abre as súas ás externas e deixa despregar as internas, membranosas e fráxiles. Sepáranse nun embate brusco, convencidos do resultado. O gañador, esporeado non seus afáns, vaise cara á femia, que non abandonou en ningún momento o seu labor de esfuracar a codia da pereira. Móntase enriba dela, extrae o seu aparello sexual no cabo abdominal e penétraa por vez enésima, con ansia renovada.

Un macho inmaturo, con cornos pequenos aínda para facer fronte aos seus adversarios conxéneres, achégase á escena do apareamento. De seguida é rexeitado polo macho montador cun certeiro golpe da tibia posterior esquerda, que o desequilibra e fai que caía ao chan, dunha altura de metro e medio. Queda ventre ao sol, paralizado. Diríase que está morto, ou cando menos impedido, pero logo de escasos segundos (non cronometrei, foi un experimento sorpresa) comeza mover as antenas e xa logo as patas e os cornos. Esvarando na relva, afincándose coas unllas nos gromos das herbas resecas, consegue virar o seu corpo a unha situación máis natural e ponse axiña en disposición de marcha. Dubida un chisco, permanecendo estático e, xa mesmo, comeza a súa marcha regular, a impulsos calculados das seis patas, usando das unllas e os artellos, da sincronía nos movementos e dunha forza esmagadora, de pánzer coleóptero, para ir retornar ao tronco da pereira, onde se desenvolve a acción que concita o seu interese reprodutor.

Pasan así minutos e minutos de intensa actividade, de leas rituais entre machos, de exaculacións olímpicas (tres dos machos, por quendas acadadas logo de descabalgar ao adversario) conseguen ter relacións coa femia. Os outros catro, perdedores dos combates singulares, debátense nunha actividade axitada e ansiosa ou recuperan forzas e dignidade logo das feridas inflixidas aos seus egos de escornabois célibes.

A femia non abandona nunca a súa posición e chucha e chucha sen parar, ben estea baixo o corpo coriáceo dalgún dos machos ou ben liberada da carga masculina. Nun momento de relaxación, ceiba polo seu cabo un chafariz dun fluído pouco denso, que proxecta en parábola ata o chan (¿pode ser merda? ¿a que cheirará a merda de cascuda?). As moscas continúan a chuchar na fenda que a femia fixera na codia da pereira Williams. As formigas, instauraron hai tempo un fluxo incesante, como camiño de peregrinación ata as fauces da cascuda femia. Relévanse con prontitude. Chegan. Lamben entre as mandíbulas da femia e dan paso a outras compañeiras de fatigas, mentres elas descenden (obreiras no seu destino de servas da comunidade) na dirección do formigueiro.

Pasou unha hora e vinte minutos. A miña atención foi distraída nos innúmeros combates e penetracións. Na aparencia dunha observación tranquila. O espectáculo non se pode clasificar senón dunha extrema violencia, de competencia voraz dos sete machos por fecundar a unha femia única.

Son as 16.50 e a calor vai en aumento logo da pasaxe dunhas nubes de sombra que me permitiron resistir a pé de árbore. A auga cae no pío, delimitando un espazo de tranquilidade e lecer. A harmonía da auga sobre auga, o seu fluír constante e melódico, contrasta coa violencia ritualizada das escenas observadas.

Regreso ao fresco da casa a durmir unha sesta necesaria. Vou cavilando nas forzas da natureza, no que levou a aqueles sete machos a se achegar á mesma árbore onde a femia escornabois chucha aínda sen acougo posíbel o fluído nutricio da pereira.

Sei que mozo aínda, e para escándalo da miña parentela cronometrei o acto sexual dos escornabois. Falouse da conveniencia dunha visita ao psiquiatra. Eran xeiras duras, onde a diferenza estaba punida en exceso, (se cadra por temor ao meu futuro presentido como de traxedia e sufrimento, se cadra como manifestación de amor e protección desmedida da prole, agora o vexo máis claro) onde por calquera cousa te aconsellaban uns psicofármacos laminadores ou un impacto eléctrico e perturbador do metabolismo.

Lembro que hai dous anos, nunha outra pereira como escenario observei un espectáculo semellante, aínda que daquela o número de machos era menor, só tres.

¿Será unha casualidade que as tres observacións pausadas que na miña vida tiven da actividade dos escornabois fosen sempre sobre a codia dunha pereira? ¿Será a súa escaseza actual resultado dunha diminución do número de pereiras? ¿Existe realmente unha diminución do número de pereiras no rural galego? ¿Ten algún papel evolutivo esta disparidade no número de machos e femias? ¿Existe unha disparidade na proporción entre machos e femias, ou se trata de observacións conxunturais e, por tanto, de corolario dubidoso? ¿Que vai ser dos machos que non fodan? ¿Poñeranse murchos de puro rexeitamento ou comezarán unha xeira de anomia social coleóptera? ¿Veremos antes a extinción dos escornabois ou a liberación sexual das súas femias poliándricas? ¿Non será toda esta historia unha parábola? ¿Ten senso escribir parábolas? ¿Tívoo algunha vez?



P. S . Este texto seleccionado forma parte dun traballo máis extenso, que progresa con lentitude de caracol, no que se recollen as observacións que nos meus cadernos hai sobre entomoloxía e botánica, sobre comportamentos animais e errores vulgares e crenzas erradas nas ciencias e na vida, que teñen como referentes maxistrais os traballos do médico inglés Thomas Browne e do monxe galego Xerónimo Feixoo e Montenegro.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega