![]() ![]() |
Oira |
||
|
(Texto íntegro) |
|
v2fdeznavaloira.html
OIRA
Seredes coma o río, dicíannos de nenos, pronunciaredes minerais cánticos, levaredes flores de auga nos ollos, beizos de lique e mel, coma aureanas.
Descendían elas do castro e dos morogos, por congostras de pasos e de estrume e prendían na luz aquel cantar de aire: "alecrín, alecrín dourado...", a cinco voces e nós soñabamos mulleres de ouro bañadas na regueira, xigantas do amor, xacias para empreñar a terra, cóbregas mansas, lameiros que calaban as segredas lembranzas dos silencios que o río apaciguaba no relanzo da tarde.
Señoras da memoria repetían, seredes coma o río, e nós, ollando o monte escuro dos balados, reconstruiamos deuses de séculos e lama, santos de barba encoiñada, aureanas co sorrir de escuma.
As horas eran lentas e o negrillo aínda acollía avésporas de estío, carpazas desprendidas das palabras, noces almibaradas de bicos e de rosas, e sentados na pedra, xunto á casa, vendo chegar as sombras, elas repetían, seredes coma as augas.
Aroma comunal do xantar que extraviamos, xaneira dos amaros festivos, voces, foguetes, cantos, diadema do reloxo alumeando fatigadas reliquias e deshoras.
Seremos o ecoar daqueles remuíños que asulagaron as bágoas e a memoria. Coma rabazas, seremos, enfiando nas pontes a nostalxia doutros días, saloucos, lembranzas dun vivir accidental, por todos cobizado e por todos perdido.
OURENSE
Dicir Ourense é dicir intimidade
E pensión gratuita nas ribeiras da historia.
dicir Ourense ou Risco é unha teima,
unha inquedanza lene para xogar coa tarde.
Dicir O Volter, libación, recollemento,
é un vagalume fidel
no corazón da xente.
Dicir Ourense, dicir melancolía
de auga no cristal das rúas,
ou traxe de nostalxia no pasear
do asfalto e das pedras mornas.
Dicir Ourense, dicir licor café
no relanzo da noite,
é aventurarnos nos desfeitos cotiáns
que agoiran convivencia de días encontrados
no espertar das pontes.
Dicir Ourense
é dicir arteria, ou espirais de prata
no rincón do viño.
Dicir despois ourensán,
categoría de homes circunscritos
a un tempo e a un pasado,
a un ouvear de meigas vencelladas
coa rúa do Villar ou do Progreso.
Dicir,
matinar en Ourense
é unha metáfora
unha lembranza perdida
no bébedo soño dos ausentes.
|
|
|
![]() |
![]() |
© 2006 Biblioteca Virtual Galega |