A Cristina Castro
Quinteiro,
para que se anime co seu latín. |
O vello "Periplo"
Cúmplense agora, aproximadamente, 2.550 anos
do momento no que un descoñecido mariñeiro grego fixo unha viaxe que
había de ter profundas repercusións. Partindo da entón recén fondada
Massalia hoxe Marsella este ignoto navegante conduciu a súa
embarcación ata as riveiras atlánticas. Unha auténtica primicia
exploratoria, que aínda hoxe nos enche de admiración. Con todo, sin
embargo, esta excepcional viaxe tería sido esquecida por completo de
non se ter dado a feliz circunstancia de terse tomado este home a
molestia de redactar a continuación un Periplo. Un Periplo era,
traducido á linguaxe actual, un Manual de Navegación. A falta de
mapas, e doutras das axudas técnicas coas que agora conta a
navegación, os Periplos da antigüidade, axuntaban indicación respecto
a distancias, ventos, correntes, ou orientacións, imprescindibles para
recoñecer, e mesmo evitar, os distintos accidentes marítimos.
Eran tan precisos que, no pasado século,
durante a Guerra de Crimea, as flotas occidentais que loitaban alí coa
Rusia zarista, rexeitaron os modernos mapas cos que contaban, para
utilizar o xa dúas veces milenario "Periplo do Ponto Euxino",
redactado polo grego Artemidoro arredor do ano 90 antes de Cristo, moito
máis fiable.
Mais, voltando ao que nos ocupa, digamos tamén
que o Periplo daquel descoñecido navegador atlántico foi recollido, e
complementado, coa adición de novos informes, por outro autor grego,
algúns séculos despois. Por último, uns mil anos máis tarde da
realización da viaxe, o procónsul romano Rufo Festo Avieno, tomaría
esta refundición e traduciríaa ó latín, versificándoa nun longo
poema de 714 versos, que hoxe coñecemos baixo o título de "Ora
Marítima".
O Periplo que nos transmite esta "Ora
Marítima" é un documento realmente excepcional, xa que contén os
máis vellos informes xeográficos, históricos, económicos e
etnográficos que sobre o occidente europeu se coñecen. Tamén é o
máis antigo texto histórico que se ocupa de Galicia. A nosa auténtica
partida de bautismo.
O "iugum Zephiro"
Non é, sen embargo, sobre ningún destes
aspectos do que nos propoñemos ocupar neste comentario. O noso
propósito non vai máis alá de tratar de localizar un dos moitos
lugares que tan compridamente aparecen descritos neste Periplo. Trátase
dun accidente que, aínda que de relevancia algo máis secundaria, non
por iso deixa de ofrecer un certo interese.
Referímonos ao denominado "iugum
Zephiro". A súa importancia céntrase tanto nas circunstancias
físicas e descritivas que o arrodean, coma no feito de que somente nos
sexa coñecido a través da obra de Rufo Festo Avieno.
Vexamos, pois, o que con respecto a el nos
refire a "Ora Marítima":
(verso 201) ... tyneticum
iugum,
qua syderalis lucis inclinatio est,
alte cumenscens ditis Europe extimum,
in beluosi vergit Oceani si salum.
(v. 205) Ana animis illic per Cynetes effluit,
sulcatque glaebam...
(v. 222) Hinc dictum ad anne solis unius via est,
genti et Cynetum hic terminus. Tartesus
ager his adheret, adluitque caespitem
(v. 225) Tartessus amnis: inde tenditur iugum
Zephirum sacratum: denique arcis sumitas
Zephiris vocata...
|
(v. 201)
....O promontorio Cynético, que está onde declina a luz dos
astros, érguese soberbo, situado no extremo da opulenta Europa,
e exténdese cara ás augas do Océano cheo de monstros.
(v. 205) O río Ana, flúe alí, entre os Cynetes, e surca a
súa terra...
(v. 222) Dende este lugar ata o referido río hai unha viaxe de
un día. Este é o limite do pobo dos Cynetes. Despois empeza a
terra dos tartessios cuxos prados rega
(v. 225) o río Tartessos. Dende alí obsérvase o monte
consagrado: o Zephiro, cuxa altura máis importante chámase
Zephírica... |
O
sudoeste da Península, segundo a "Ora Marítima".
Entre paréntese os nomes actuais. |
Coma podedes observar, este "iugum", ou monte Zephiro,
atopábase no tramo da costa situado entre o promontorio Cynético actualmente
o Cabo San Vicente e a provincia de Huelva, da que cita o río
Ana, hoxe o Guadiana. E sabemos, ademais, que este "iugum
Zephiro" podía verse dende o limite do pobo dos Cynetes, que non
é outro que ese mesmo Guadiana. Non se nos di, sen embargo, en qué
dirección, se ben o feito de que Zephiro fose para os gregos o vento do
oeste, inclina a pensar nunha ubicación cara o occidente.
Aclaremos tamén que a expresión
"iugum" cume, altura, cadea de montañas é
utilizada case sempre por Avieno para referirse a cabos ou promontorios.
Pois ben, os únicos cabos ou promontorios que se albiscan dende a foz
do Guadiana son o cabo Santa María, no centro do Algarve, e as lombas
da ribeira onubense. Mais, antes de inclinarnos por un deles, e para
unha maior exactitude, esgotemos cantas posibilidades nos ofrece aínda
o texto:
(v. 225) ... inde
tenditur iugum
Zephiro sacratum: denique arcis sumitas
Zephiris vocata: celsa sed ad fastigia
iugo eriguntur vertici; multus timor
conscedit auras, et super syderis quasi
(v. 230) caligo semper nubilus condit caput.
Regio omnis inde maxime herboso solo est
nebulosa iuge his incolis convexa sunt,
coactus aer atque crassior dies,
noctisque more ros freguens: nulla ut solea
(v. 235) flabra inferuntur, nullus aethran discutit
superne venti spiritus; pigra incumbat
caligo terras, et solum lade madet.
Zephyridos arcem siquis excedat rate,
et inferatur gurgiti nostro maris,
(v. 240) flabris vehetur protinus favoni. |
(v. 225) ...Dende alí
obsérvase o monte consagrado, o Zephiro, cuxa altura máis
importante chámase Zephirida, erguéndose ata a cima do monte
un elevado punto dominante. A súa enorme masa sube ao aire
máis alá dos astros, e case sempre a néboa escurece e oculta
a súa cabeza.
(v. 231) Toda a rexión inmediata está cuberta de herbas. Os
seus habitantes ven a bóveda celeste continuamente atoldada, o
aire mesto, o día pouco transparente e as noites, por costume,
con frecuente orballo. Nunca soe chegar alí o soplar do vento
para remexer por enriba a atmósfera. Unha lenta brétema
exténdese sobre a terra, e o chan está mollado nunha grande
extensión.
(v. 238) Se alguén pasa en barco pola altura Zephyrida, cara ao
Noso Mar, será transportado en liña recta polo vento Favonio. |
Atopámonos, pois, cunhas concrecións
moi claras. Sen embargo, a realidade tanxible é que dende a foz do
Guadiana non se albisca ningún cabo ou promontorio que se asemelle
siguera por aproximación á anterior descripción: o Cabo Santa María
non é máis que unha barra de area que se adentra no mar, mentres que
as lombas onubenses non pasan de simples rebordes da chaira litoral do
occidente andaluz.
¿Onde se atopaba o iugum Zephiro?
O investigador portugués Martins Sarmento
entende que esta altura ten que estar situada ao leste do río Alvor,
que desemboca perto de Portimão. En troques, Antonio Blázquez, outro
dos grandes estudiosos da "Ora Maritima", un tanto desnortado,
considera que o monte Zephiro "é hoxe a punta da Umbría, con
significado semellante". A punta Umbría, calquera o pode
comprobar, non é máis que outra barra de area situada á entrada da
ría de Huelva.
En canto ao hispanista alemán Adolf Schulten,
dinos a este respecto:
"O cabo consagrado ao Céfiro, amplamente
extendido, como que debe de buscarse entre o cabo Sagres (verso 215), e
o Anas, (verso 205), non pode ser o cabo Santa María (que é plano e
pouco importante: Mela 3, 7), senón que é o monte entre as cidades
Loule e Tavira, dunha extensión de 30 kilómetros". "O cume
do Céfiro, é o monte Figo, que, alto de 400 m. sobresae da cadea
entre Loule e Tavira (que alcanza unha altura de 200-300 m.), e está
frecuentemente cuberto de nubes".
Semellante ubicación apártase, sen
embargo, das habituais descricións da "Ora Marítima",
maioritariamente referidas a puntos situados á beira do mar, xa que o
monte Figo atópase bastantes quilómetros terra adentro.
En favor desta tese compre dicir, sen
embargo, que este advírtese perfectamente dende o mar, e que a voz
latina "iugum", aínda que esta acepción non sexa moi usual
en Avieno, tamén se pode aplicar a unha "cadea montañosa". A
propio "Ora Marítima" indica ademais que este accidente ten
unha "altura máis importante", afirmación que evidencia a
existencia tamén de outras. Sen embargo, ¿cómo explicar unha
etimoloxía como a de Zephiro aplicada a unha elevación situada no lugar
que o monte Figo ocupa?
Durante moito tempo abriguei serias
dúbidas acerca destas interpretacións. E foron catro as veces nas que
percorrín aquelas terras á procura dunha resposta.
A consecuencia delas rematei por rexeitar
definitivamente o cabo Santa María, situado na illa da Culatra, ao sur
da cidade algarvense de Faro, que, aínda que se albisca vagamente dende
a foz do Guadiana, non pasa de ser máis que un longo areal, coma xa
comentei. Tamén me decatei nesta observación ocular do precario que
resultaba tratar de localizar o "iugum Zephiro" na Punta
Umbría.
Restábame somente comprobar as posibilidades
do indicado Monte Figo, ou Serra de San Miguel, que, segundo Antonio
Blázquez e Adolf Schulten, divísase a grande distancia dende o mar,
feito este que puiden constatar personalmente utilizando unha barca de
pescadores. Mais, tanto dende a cativa distancia marítima que alcancei,
como dende terra, e aínda contemplado dende distintos ángulos, este
accidente non semellaba máis que unha débil elevación dunha pouco
importante cadea montañosa. E tampouco se correspondía coa
descrición, aínda que a "Ora Marítima" poidese tela
hiperbolizado. Seguín a ter dúbidas.
|
A serra
do Monte Figo contemplada dende as inmediacións do Cabo Santa
María. O monte San Miguel é a altura da dereita. O branco
casal do primeiro termo corresponde á vila de Faro. |
A grande sorpresa final
Na miña última visita, porén, obtiven
comprida resposta a todas estas cuestións, e entrevín ademais os
motivos da curiosa denominación pola que este accidente fora coñecido
naquela remota antigüidade. Esta exploración realiceina a mediados de
inverno, cun tempo frío e despexado, que permitía unha excepcional
visibilidade.
A serra de San Miguel amosóuseme entón cunha
inusual claridade. Gracias a isto, conforme avanza pola estrada cara ao
Guadiana, apenas rebasada Tavira, puiden advertir os cambios que se
producían na súa fisionomía, segundo o ángulo de observación. Ata
chegar a esta vila seguide a descripción polo mapa
contempláraa de frente. Mais, a partir dela olleina xa de perfil. O que
ata entón fora unha longa cadea de cativas elevacións, convertiuse
dende esta nova perspectiva nun só monte, illado, que ocultaba coa súa
masa o resto da cadea, e amosaba mesmo unha clara forma cónica.
Sorprendentemente, canto máis me alonxaba del,
parecía medrar e facerse máis elevado, diferenciándose de xeito
ostensible das terras baixas que o arrodeaban. Para completar as
posibilidades desta nova e ata entón oculta característica súa,
somente me faltaba comprobar se, con semellante claridade, podía
albiscalo tamén dende o Guadiana, tal coma nos dia "Ora
Marítima".
Apenas crucei o río, puiden comprobar
que, non só seguía o monte Figo a amosarse con toda evidencia, senón
que dende a marxe oriental do Guadina semellaba ser unha altura
importante, a pesar de contar somente con 411 metros, e da distancia uns
45 qms á que del me atopaba.
Mais a principal das sorpresas estaba
aínda por chegar. Continuei viaxe, moi satisfeito co que xa tiña
acadado e cheguei a punta Umbría, en Huelva, ao solpor. E alí, no
borde da praia, levei unha das maiores e máis agradables sorpresas da
miña vida.
Porque, aínda despois de terse ocultado o
sol, o monte Figo seguía a verse claramente, recortado no horizonte. E
amosábase, ademais, como un cono volcánico xurdindo no medio do mar.
Este feito intrigoume moito, ao principio,
posto que sabía que este monte atopábase a uns 15 quilómetros terra
adentro. Logo advertín que, á distancia duns 80 quilómetros en liña
recta á que del se atopa a punta Umbría, era suficiente para que as
terras baixas que o arrodean quedasen ocultas baixo a curva do
horizonte.
Contemplado así o monte Figo, no medio do
mar, practicamente no punto por onde se acababa de afundir o sol,
explicábase perfectamente por que seis séculos antes de Cristo
recibira o nome de "iugum Zephiro". A súa altura sinaláballe
aos navegantes daquel entón, nos días limpos, e dente unha enorme
distancia, a rota cara ao oeste.
Ao día seguinte erguinme coa pretensión
de fotografialo. Mais non me foi posible. A brétema ocultárao de novo,
xunto cunha grande parte da ribeira que na tarde anterior poidera
contemplar perfectamente. E o mesmo me acontecería varios días máis
tarde, nun novo intento. Mais a visión que se me ofrecera aquela tarde
fora xa o suficientemente esclarecedora.
|
Fotografía tomada dende o eirado dun edificio da praia de Punta
Umbría, Huelva. A imaxe está retocada para que poda observarse
a situación na que se pode ollar, nos días despexados, o monte
San Miguel, coma un cono volcánico xurdindo do mar. A pesar de
atoparse a uns 15 qms. ao norte do cabo Santa María, toda esta
extensión, e mesmo parte das terras existentes ao norte do
mesmo, fican ocultas detrás da curva do horizonte. |
Quizais podan resultar, sen embargo,
excesivamente escuros e inhabituais os matices cos que a "Ora
Marítima" describe un lugar tan meridional coma este, ao que
considera frecuentemente oculto pola néboa, e con nubes no seu curuto,
brétemas e orballos habituais, ou cun chan mollado e cuberto de herba
nunha grande extensión. Mais, é doado para calquera constatar a
realidade da existencia de brétemas e de orballo na zona, así coma o
feito de que toda a costa situada ao sur do monte San Miguel, e das
inmediacións da encantadora vila de Faro sexa aínda hoxe unha
intrincada xeografía de areais, canos, e lamazares verdecentes, que se
amoldan á descrición.
Estas observacións aparecen tamén
confirmadas polas "Instructions nautiques" do "Service
hidrographique français", Paris 1905, nas que poden lerse
indicacións coma estas:
"A calma é moi frecuente na costa do
Algarve, e rapidamente tórnase vento do Oeste". "En todas as
estacións hai néboas mestas nas proximidades do cabo de San Vicente".
"Algunhas veces queda suspendida coma un veu inmenso".
"Os ventos dominantes nel no golfo de Huelva son os
chamados "Poniente" polos españois; son húmedos e van
acompañados de nubes. O orballo é indicio de "Ponientes".
E Adolf Shulten indica asimesmo: "En
realidade, a maior parte do ano, nestas rexións do Océano soplan os
ventos do Oeste". "Descrición da rexión nebulosa, húmida e
con abundantes herbas entre o monte Figo e La Rábida. Isto é a rexión
da foz do Ana, que aínda hoxe é nebulosa e húmida".
A identificación do monte Figo, ou San
Miguel, co iugum Zephiro, suxerida por Adolf Schulten, confirma
ademais o contido dos versos 238 a 240: "Se alguén pasa en barco
pola altura Zephyrida, en dirección ao Noso Mar, serás transportado en
liña recta polo vento Favonio".
O "Noso Mar" é o Mediterráneo,
e Favonio denominaban os latinos ao vento Zephiro ou do oeste.
Comprobade, unha vez máis, sobre o mapa este extremo e conviredes
comigo que resulta meridiana a exactitude desta descrición xeográfica
que Rufo Festo Avieno nos transmitiu na súa "Ora Marítima".
|