O río do tempo. Unha historia vivida

 

Capítulo VIII: O Estatuto, e cartas de Bóveda.

 

v2fernandezdelriegoriodotempo.html

     No Paraninfo da Universidade celebrárase unha asamblea preparatoria para estudiar a redacción dun Estatuto de Autonomía de Galicia. Constituíron a mesa varios alcaldes de localidades do país. Despois dunha ampla deliberación designouse unha Comisión encarregada de redactar o proxecto estatutario. Como presidente da mesma foi nomeado Don Salvador Cabeza de León, catedrático universitario e cabezoleiro do «Seminario de Estudos Galegos». O 3 de decembro do 1932, o Comité de Organización da Asamblea de Concellos asinaloume como Segredario Técnico da Sección 1.ª da mesma. Traballei arreo nos cometidos que se me encomendaran. Con posterioridade, designáronme tamén membro da Comisión de Propaganda. Fixen unha chea de notas e artigos de difusión, dacordo co papel que me atrubuíran. Intervín, ademais, en mitins e xeiras propagandísticas, con caracterizados persoeiros do Partido Galeguista, por Galicia toda. Compre que advirta aquí, o singular e intenso labor realizado por Bóveda, con intelixente criterio de integración, no seo da Comisión encarregada de elaborar o anteproxecto de Estatuto.
     Os días 17, 18 e 19 de decembro constituíuse no salón principal da Facultade de Mediciña de Santiago, a Asamblea de Concellos. Ademais da meirande parte dos Concellos galegos, asistiron diputados a Cortes, autoridades provinciais, persoeiros dos partidos políticos e de institucións do país. Os galeguistas, e Alexandro Bóveda dun xeito especialísimo, desempeñaron na ocasión un papel crucial. O Estatuto saído da Asamblea encamiñábase á consulta plebiscitaria, cumprindo as condicións acordadas. No orde político ofrecía a posibilidade de que Galicia se organizase administrativamente en consonancia co seu peculiar xeito de ser. A vida provincial e municipal, na forma xurídica entón vixente, era inadecuada para o país. Principalmente, porque existía unha manifesta diferenciación verbo dos municipios doutras partes do Estado. A organización en provincias era en Galicia unha organización ficticia. A súa artificiosidade producira un tipo de Diputacións que evidenciaban unha total falta de eficacia, boas só para o fomento do caciquismo. Aínda que non fora máis que pola supresión das Diputacións provinciais e a súa conversión nun organismo popular «rexional», o Estatuto suporía un paso cara adiante na vida galega. Presentaba o posibilismo de que a ordenación civil peculiar de Galicia chegase a se sistematizar e desenvolver con amplitude.
     Estudiado con atención, o Estatuto autonómico non pasaba apenas dunha largacía descentralización de servicios. Verbo da Universidade, só admitía que Galicia «poderá crear na Universidade as cátedras que estime oportunas». Sobre a Xusticia, outorgaba unha posibilidade semellante. O Orde Público permanecía reservado ao Poder Central, agás en momentos de accidentalidade. Xusto polas súas limitacións, o Consello Executivo do Partido Galeguista acordara integrarse na Comisión Central pro-Estatuto, pero sen renunciar a seguir laborando a prol dos principios maximalistas. Brindouse a apoiar a carta estatutaria, mais condicionándoo a continuar traballando para que a Galicia se lle recoñecesen os dereitos que lle eran debidos. E cumpriu lealmente o que sobre o particular ofrecera.
     A demora en elevar a consulta popular o Estatuto, producida pola política de Casares Quiroga, foi denunciada repetidas veces polo Partido. Posteriormente, a chegada ao poder en Madrid do chamado «bienio negro», determinou a paralización forzosa de toda actividade autonomista. Nese periodo, o Consello Executivo do Partido Galeguista, agora denominado Consello Nacional, encomendoulle a Castelao a elaboración dun proxecto de enlace coas forzas republicanas e agrarias. Para non perder a carreira do Estatuto, o Partido resolveu orientarse cara o denominado Frente Popular. Os seus obxectivos políticos dirixíanse a acadar a autodeterminación de Galicia dentro do marco republicano. Apoiaba o Estatuto, pero como forma inicial para conseguir esa autodeterminación. Na Declaración de principios da III Asamblea, sinalouse, sen embargo, que tal propósito non significaba «crebamento da solidariedade que nos vencella natural e libremente ao Estado español».
     O 16 de febreiro do 1936 celebráronse novas eleccións de diputados a Cortes, últimas da República. En Pontevedra saíu proclamado Castelao, que figuraba en primeiro lugar na candidatura do Frente Popular. Na Coruña resultaron elexidos Suárez Picallo e Antón Villar Ponte. Por certo que este ingresara xa no Partido Galeguista, despois de ter militado na ORGA, de cuia organización fora parlamentario durante a etapa constituínte do novo réxime. A solicitude de ingreso que fixera, recibiuse con agarimo e simpatía nos medios do galeguismo político. Para os efeitos organizativos conseguintes, acordárase que causase alta no grupo coruñés. A loita polo Estatuto Galego foi laboriosa, e bateu cunha chea de atrancos suscitados pola oposición, directa ou indirecta, de Casares Quiroga. Só puideron sobrepuxarse cando varios dirixentes galeguistas, con Castelao ao frente, chegaron a establecer un pacto con Azaña. Gracias a tal acordo resultou posible levar a cabo a consulta plebiscitaria. A campaña do plebiscito, con movilización de masas, cobriu toda a xeografía do país. Na maoiría dos mitins importantes participei eu, xunto ás figuras do Partido e a persoeiros doutras forzas políticas. A votación popular convocouse para o día 20 de xuño.
     O primeiro acto de propaganda significativo tivo lugar o 8 deste mes, na Coruña, nos teatros Linares Rivas e Rosalía de Castro. Presidiuno o Alcalde de Santiago e Vicepresidente do Comité Central de Autonomía, Anxel Casal, acompañado doutras representacións oficiais. Iniciou as intervencións, anunciando a apertura da campaña pro-Estatuto, o que para Galicia supuña unha votación afirmativa a prol da carta autonómica, e pedíndolle a tódolos galegos a concurrencia ás urnas para realizala. Falaron despois, sucesivamente, os persoeiros: do Partido Federal, do Socialista, do Sindicalista, do Comunista, de Unión republicana, e de Izquierda Republicana. Pechou a serie de pezas oratorias Castelao, cun brillante discurso no que reflexou con nitidez expositiva a postura do Partido Galeguista. A partir de entón puxéronse en marcha medios propagandísticos de diverso feitío e proxección. Un auto cinemóvil percorreu cidades, vilas e aldeas, ofrecendo expresivas imaxes do mundo galego, con miras ao porvir. Repartíronse milleiros e milleiros de exemplares do texto estatutario, octaviñas, manifestos e follas crarexadoras do seu contido. Espalláronse artísticos e reveladores carteis, alusivos á autonomía, firmados por Castelao e por Díaz Baliño. No labor difusorio tiven participación intensa como membro da Comisión de Propaganda.
     En Pontevedra, o Presidente da Diputación convocou a tódolos partidos políticos da circunscrición para desenvolver nela a propaganda do plebiscito. Polo Galeguista asistiron á convocatoria, Alvaro Gil e Víctor Casas. Este último propuxo que fora o Frente Popular o que se responsabilizase na constitución do Comité, e que as outras organizacións alleas ao mesmo lle emprestasen axuda. García Vidal, en nome da Dereita Galeguista, expuso o criterio de que se convidase ás forzas dereitistas e compartillar a propaganda estatutaria con franqueza e lealtade. Pero atribuíndolle ao Comité do Frente Popular a responsabilidade que demandaba. A proposta foi aprobada por unanimidade dos asistentes á reunión.
     No mesmo mes de xuño do 1936 celebrouse un importante acto en Madrid, no marco do Teatro Alkazar. O Partido Galeguista designoume a min para que intervise como o seu voceiro. O local estaba totalmente acugulado de público. Presidía o Xefe de Gabinete de Prensa do Presidente da República, Roberto Blanco Torres, quen pronunciou unhas palabras sobre o significado do mitin que se ía desenvolver. Fixo uso da súa oratoria, en representación dos socialistas, o diputado Edmundo Lorenzo. Falou despois, como persoeiro de Izquierda Republicana, o tamén diputado Emilio González López. Antes de ámbolos dous dixen eu un discurso, enfocado desde unha visión moza. Nos palcos e no estrado, figuraban moitas persoas representativas da política e das letras: Rafael Dieste, García Martí, Armando Cotarelo, Ramón Cabanillas, o Oficial Maior do Congreso Sr. Sanmartín, Fermín Penzol, Manuel Martínez-Risco, os artistas Máximo Ramos, Federico Ribas e Prieto Nespereira, diversos diputados de tódolos partidos do Frente Popular.
     A miña última actuación antes de que se producira a votación plebiscitaria, realiceina en Bergondo. Organizárase unha xuntanza popular para inaugurar o edificio da Sociedade da localidade e dos seus arredores. Interviu, de primeiras Pérez Carballo, Gobernador Civil da Coruña, que sería fusilado ao seguinte mes do pronunciamento militar. Discurseamos despois Suárez Picallo e máis eu, aproveitando a ocasión para explicar a política que o Estatuto representaba. Durmín aquela noite nas dependencias do Goberno Civil, convidado polo titular, ao que coñecía desde a miña época de estudiante en Madrid. Pola mañán do seguinte día regresei a Santiago no auto da Diputación.
     Diversas personalidades sobranceiras do pro-autonomismo, convidaron aos electores, en manifestacións públicas, a que votasen polo Estatuto. Portela Valladares escribiu: «Votar polo Estatuto é votar por Galicia, pola redención, pola libertade, polos dereitos da nosa terra tanto tempo ferida». Osorio Tafall dixo: «Hoxe atópase a nosa terra nun estado biolóxico cultural no que pode conquerir as súas vellas arelas de libre determinación». Castelao, pola súa parte, expresouse así: «A autonomía de Galicia non será unha coroación dos nosos esforzos xenerosos, nen a realización dos nosos soños patrióticos, nen o triunfo das nosas prediccións. Os galeguistas, pois, non teremos razóns para amostrarnos excesivamente orgullosos da obra que nos cadrou realizar. Pero soupemos cumprir co noso deber». Cabanillas reflexou a súa opinión desta maneira: «Esta noite, a punto das doce, os mortos poranse en pé. Os caídos en cinco séculos de degaros de libertade, ergueranse nun clamor de voces lediciosas. ¡Nas túas mans está, mocedade galega, que non señan cegos os patróns!». Otero Pedrayo exclamou: «Grande é o día do plebiscito. Pero a nova historia de Galicia comeza certamente coa primeira actuación autonómica». Vicente Risco, en fin, revelou que: «O meu pensamento neste intre histórico é que non soamente non chegamos ao cabo do camiño, senón que é agora cando ha comezar o grande esforzo».
     O Estatuto superou o trámite da consulta popular. Por esixencia da Constitución, os votos afirmativos tiñan que sobrepuxar o 75% dos emitidos. O porcentaxe acadou o 99,2%. A votación constituíu unha xornada cívica que nunca se rexistrara na historia de Galicia. Obtivéronse 991.476 papeletas a favor, dun total de 1.000.093 que se emitiron. O 7 de xullo do 1936 celebrouse no salón de actos da Facultade de Mediciña -onde se incubara a carta autonómica plebiscitada- a sesión de clausura do Comité Central. Deuse conta alí dos resultados do escrutinio: Dun censo de 1.343.135 electores, votaron 1.000.093 como queda indicado. Os votos afirmativos, como tamén dixen, foron 993.351. Os negativos reducíronse a 6.161, e os depositados en branco a 1.451. O quorum establecérase en 895.425. Por conseguinte, o sobexo dos favorables cifrouse en 97.927. Bóveda manifestou na memorable ocasión, que o resultado era obra de Galicia, do noso pobo, que sempre soupera triunfar afirmando a súa cultura, o seu arte, a súa historia, a súa personalidade en fin.
     O día 15 do mesmo mes acodiu ao Congreso dos diputados unha comisión de representantes de Galicia, para lle facer entrega do Estatuto aprobado plebiscitariamente ao Presidente da Cámara. Compoñíana os presidentes das Diputacións da Coruña e de Lugo, os alcaldes das catro capitais e das máis importantes cidades galegas, entre elas o de Santiago, Anxel Casal; o Segredario do Comité Central, Enrique Raxoi Leloup; o Segredario Xeral do Partido Galeguista, Gómez Román; e varios diputados, encabezados por Castelao. Dous días depois, a Comisión foi recibida en audiencia, ás doce da mañán, polo Presidente da República Manuel Azaña. Fixo a presentación dos comisionados, Castelao. Testemuñoulle a Azaña o seu agradecimento, lembrando que fora el o grande propulsor dos principios constitucionais que posibilitan a autonomía galega. Afirmoulle que a Galicia autónoma sería unha democracia exemplar. O Presidente da República expresou, na súa resposta, a satisfacción que lle producía recibir aos persoeiros galegos en vísperas de atinxir as aspiracións que formularan.
     O motor que dinamizou e orientou a política estatutaria foi, sen dúbida, Alexandro Bóveda. Fóra das relacións que mantiven coas máis sobranceiras figuras do galeguismo, as de meirande intensidade sostívenas con aquel. Non só como militante do Partido, senón como dirixente de asociacións universitarias, como Segredadrio Xeral das Mocedades Galeguistas, como membro do Consello de Galeuzca, e mesmo como Segredario da Agrupación «Ultreya». Foi case permanente a nosa relación persoal, e copiosísima a correspondencia que cruzamos. Non esquecerei nunca o seu ollar firme e tenro, e o seu sorriso. Afirmaba cos ollos e agarimaba cos beizos. Na bisectriz do pragmatismo e o idealismo estaban o tempero e a intuición existencial do gran conductor. Vivía cos miolos cheos de cifras, pero, ás noites, convertíase nun corista máis na Coral Polifónica de Pontevedra. O noso país, tan ateigado de literatos e de benintencionados arbitristas, contou co singular aporte deste home novo. Un home de obxectividade implacable, que centrou os disparos do seu pulo e a súa preparación no crarexamento dos problemas económicos. Mais non como pretexto para comprobar teorías diletantes, senón sintindo a realidade social de Galicia desde dentro de sí, e do seu cerne existir.
     Cismaba Bóveda na servidume tributaria do país galego. Pero quería, ademais, que este se convertise en individualidade colectiva nacional, con categoría de pobo e célula de universalidade. Aburía ás xentes para que traballasen pola dignificación da lingua propia. Sostiña que deberiamos erguer no noso pobo o sentido da autoestimanza, e que compría aguilloar a defensa da súa economía peculiar. Era persoa de eficacia, modesta e intelixente, de perseverancia serea e ética sen esforzo. Baseándose nunha postura pragmática, foi aceso defendedor da política seguida polo Partido Galeguista. Nacera nun momento en que os nacionalistas -desde os máis exaltados, ata os autonomistas moderados- estimaran que as circunstancias aconsellaban unha solución federalista ou autonómica. Así consta claramento no programa de acción que el contribuiu a inspirar. E nunca perdeu a fe no empeño. Cando se producíu o contratempo nas eleccións do 33, afirmou: «Pesie aos suplantamentos da vontade popular, o galeguismo obtigo 106.000 votos. As xentes saben que hai na nosa terra 106.000 galegos conscientes que creen nas verdadedos que espalla o galeguismo». Bóveda arengou ao pobo galego en días que semellaban decisivos para o seu porvir. Era unha voz de miragre que lanceaba sen ferir, que presionaba sen magoar. As súas mans eran unhas mans firmes de esperanza e de proxecto, como esbarando, modeladoras, polos flancos dunha política posible.
     Entre as moitas cartas que me escribiu, e que conservo, podo citar algunha a título de exemplo. O 23 de novembro do 1932 pedíame que, cos directivos do grupo compostelano, preparásemos a Asamblea convocada para os días 10 e 11 do mes seguinte: local, mitin no teatro, e demais pormenores. Engadía que estaban dispostas as convocatorias que recibiriamos, e a piques de saír nos xornais. O 12 de xullo do 1933 comunicábame o acordo do Comité Central do Estatuto polo que se me designaba para formar parte da Comisión de prensa adscrita a el, e encarecíame que consagrase ao labor o meirande entusiasmo activo. O 3 de setembro do mesmo ano animábame a posibilitar as organizacións de estudiantes, non só a da Universidade -na que eu estaba metido- senón tamén as das Normais e Institutos de Ensino Medio. Insistíame, ao propio tempo, en que procedese con urxencia a constituír o Consello de «Galeuzca». Unha semana despois manifestábame a súa satisfacción porque durante as vacacións na miña vila natal, aproveitase o tempo para lles dar folgos aos grupos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro. Laiábase de que estes grupos se atopasen tan lonxe, xa que non resultaba doado facerlles as visitas que necesitaban.
     O 19 do propio mes transmitiume unha chea de informacións: Que «El Pueblo Gallego» e Portela Valladares estaban a atravesar unha crise cuio desenlace descoñecía. Que Plácido Castro se atopaba en Berna cun importante «rapport» sobre Galicia feito por Risco, e de que a representación galega fora obxecto dun saúdo especial na sesión de apertura do Congreso de minorías nacionalistas europeas. Noutro aspecto, pedíame que lle transmitise ao representante vasco Rezola, a ratificación do Partido á súa proposta verbo da constitución de «Galeuzca». Contábame, asimesmo, que as Consellerías estaban a desenvolver unha grande actividade. Aparte do labor acostumado, Risco viña de redactar un folleto de divulgación da nosa doutrina, do que se tirarían dez milleiros de exemplares; Plácido Castro andaba a realizar un intenso labor en Suiza; e Alonso Ríos traballaba con afinco na organizacións das sociedades agrarias de Ourense.
     Nunha carta do outubro do 1933 dábame presa para que lle remesase, redactada, a acta do último Consello do Partido Galeguista, no que eu actuara de segredario. O 5 de marzo do ano seguinte, volvíame falar da actividade a desenvolver no ámbito universitario. Fixábame tamén o papel que eu debía desempeñar na organización das Mocedades Galeguistas, en trance de se constituír en Federación. Noutra comunicación posterior, sen data, informábame dos acordos tomados na reunión extraordinaria do Comité Executivo do Partido. Convocárase para preparar un importante acto no que expór a súa posición ante os problemas que Galicia tiña planeados, e perante o momento político daqueles momentos. Pola natureza especial do acto, resolvérase que só intervirían nel os segredarios do Partido: Alvarez Gallego, Bóveda, Castelao e Gómez Román. Falaría tamén eu, en nome das Mocedades como Segredario Xeral das mesmas. Na propia reunión acordárase informar a Antón Villar Ponte da compracencia sentida pola súa solicitude de se incorporar á disciplina do Partido.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega