Poética "Sobre un certo estado de conciencia"

 

(Texto íntegro)

 

v2luisavillaltasobreuncerto.html


     Non se me pida unha análise ou interpretación da miña poesía na mesma medida en que analiso e interpreto a literatura que me é dado ler, porque nada do meu é produto da análise nen da predeterminación, senón tan só da vontade de expresar un modo de comprender o mundo e comprenderme eu mesma a comprender o mundo.
     Comprender: un verbo menos abstracto e intelectual do que parece. Máis sutil e completo que "entender", menos fráxil e evanescente que "sentir" e, á vez, un verbo que, por natureza, os "comprende" ambos. Un verbo ao que me está levando toda a vida dar cumprimento
     Comprender é un estado de conciencia orixinado por un desarranxo na concepción previa do mundo e produce, como consecuencia, a irrupción dunha expresión.
     En min este estado de conciencia fai ferver, por veces durante moito tempo, un magma informe que busca unha forma e, cando por fin a adopta, resulta unha forma que se podería ouvir: unha melodía, melodías contraponteadas, harmonías e disonancias (e non esquezamos que "ouvir" tamén está comprendido nos verbos "entender" e "sentir"). Destas melodías constrúo a miña "palabra melódica" que, penso, é toda poesía e, portanto, tamén a que eu fago.

     O estado de conciencia a que me refiro parte en min da interpretación musical. Non abonda con ler unha partitura, como non abonda desenvolver as pautas elementais para viver. A melodía que soa no violino xorde dun acto continuo da vontade (elexer uns movimentos, depurar a intención e os seus resultados). Exercicio da vontade que se obedece a si mesma para producir unha forma coherente e significativa. Desta mesma vontade nace a palabra, como van nacendo estas mesmas palabras, agora, que ben sei nunca abondarán como explicación daquilo (facer poesía?) que non se vai deixar explicar.
     Por suposto, nalgures permanecen os temas. Pero os temas son o máis impersoal do traballo poético. Os temas son moi poucos. A vida e a morte. Talvez só a vida (ou só a morte). Sexan os que foren, nas súas infinitas variacións poden encontrarse nas Enciclopedias, nos libros de Historia ou (e non é raro) de Teoría Matemática, na información diaria que nos fai deglutir a realidade, en cada ocasión en que se ten a certeza de estar vivendo. Os temas non son meus, son o mundo mesmo. E, á vez, o mundo mesmo son eu. O tema é o que me fai a min comunidade: unha preocupación polo devir da humanidade, unha maneira galega de ser humana, unha preocupación polo devir de ser galega.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega