Poemas da serie "casa atlántica, casa cabaret"

 

(Selección)

 

di miña avoa que o día de reises é de laranxa mandarina que os reises viñan de cabalo ata a porta do rueriño e que era unha alegría





di miña avoa que o día de reises é de laranxa mandarina
que os reises viñan de cabalo ata a porta do rueriño
e que era unha alegría grande
porque as laranxas dos reises eran pequenas e doces
  como son as cousas que nos han de acompañar xa sempre
  as apertas longas e a música para os amigos
  verche sorrir a unha muller fermosa
  e saber que levas bicos nos petos
  os favores e os consellos e ti e david e os palitos
  e ves e érguesnos porque sabes que caemos algunha noite
  e todo iso que é tan facil porque ti sempre apareces

e di miña avoa
que nunca botaron os reises xoguetes no rueiriño
que lle botaron unha vez uns zapatos vermellos
pero que ela non se acorda
e que o mellor das mandarinas
era partilas cos outros nenos pola mañán
  que os reises non sabían de moitas casas en mallou
e que iso era o mellor
que son pequenas e humildes as mandarinas
que non pretenden ser laranxas.


poema sen libro para abraham e a amizade











cuqui é pequeno de máis para ser un osiño de peluxe
e cáelle o naris
por iso non lle gusta ir á lavadora
nin que mamá o colgue a secar polas orellas
ademáis
bótame de menos durante o centrifugado
   e eu a el                      ¿e se lle doe?
   as orellas                    ¿e se lle doen as orellas das pinzas?
   ou estar só tanto tempo na trandeira

e eu a el        sobre todo hoxe que é luns e ti estás tan lonxe
así que o meto húmido debaixo das sabas
e apértoo
para que non chore máis que eu sexa xa grande
que me gusta porque sei que me quere pequeno
como só poden querer os osiños os nenos
que lle perdoan ata a dor das pinzas
como sei que ti e eu nos queremos

poema sen libro para david e o amor











pechamos a casa de papamanolo e mamamilia
e quedou a televisión prendida
e mamamilia chorando no salón
mirando para o moble da tele
e na tele botan sempre un partido e xoga o raio
e eu seino porque papamanolo o escoita na radio no piso darriba

    non baixo    non
    que me doen os osos do fume do tabaco

e o que lle doe é que ela non o coñece e colleulle medo
pero nós dicímoslle que o quere moito
    que mo dixo a min
e sorríme de mentira


    e ¿porque chora mamamilia?
    é que

é que non sabe o que ocorre

    é que morreu teu pai

e meu pai non morrera tal
que lle daba corda ó reloxo do alto das escaleiras


    ¿véo mamamilia?
    vexo     posto na puntiña dos pés para chegarlle a agulla das doce

e chora outra vez

    porque morreu teu pai     juan

e o pai de meu pai levaba trinta anos morto

    mamamilia

e ela mirábanos para dicirnos algo que lle esquecera

    é que me doe aquí     na cabeza

e rañaba no codo coa man


poema sen libro para a familia e a enfermidade

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega