![]() ![]() |
Quén é esa que sobe a encosta de Cortiña Grande... |
||
|
(Texto íntegro) |
|
v1ferrincortiña.html Quén é esa que sobe a encosta de Cortiña Grande
pasado Castromau
coberta co pano rameado e sobre o pano a molida e sobre a molida a canastra
comprida canastra e ateigada con bolas de pantrigo
aroupadas en liño cru?
Quén aquela que corta pola Chaira de Amoroce
na mao a corna do alicornio co seu dente de allo
e tremerosa
non coa lúa aos pés senón espidos éstes
duros de se esfregar nas laxes de calzadas mil?
Quén a que o corazón se lle pon seixo
do medo aos mortos e á presenza silente
do das dúas ourellas
e camiña soteira e mesmo se arrandea p'ra ir vende-lo pan
precisamente no feirón de Santa Eufemia de Milmanda?
Quén a que non ostenta escudos no colo
ou arredor do colo de marfín
nin no seu embigo Salomón mata sedes de mirra
nin devece por amar irmao de ventre e teta
en cavernas altas do deserto
nin é celebrada por cincocentas raíñas nin por oitenta concubinas
nin por arrebaños de mozas complementarias
nin amosa o menor interese
en ver o amado en figura de animal macho bravo
a pacer nos cotos todo bruto
nin nota os seus peitetes ser cabirtos
nin moito menos cachos de dátil zucarado
para o padal do antes dito amado amo?
Quén é a escalazada
esa que viaxa senlleira polos vieiros da dor
a que a penas ten de seu artesa e auga da Fonte de Baixo
e compra grao ao rico e paga dese grao maquía
e paire e cría fillos bravos con destino á miseria
e goza embute co querido circunstancial
e ten o brazo rexo e con regos da testa rega
a masa que será fogaza saborosa para os tratantes e labregos abastados
coas súas labregas fartas coma marrás
fagueren compaña ao pulpo e a outras cousa finas?
Serei siescaso eu esa que marcha engorde
e non se dobra su o peso da mercadoría
e olla fixa as torres do castelo ao que non dá chegado
e maldice do mundo?
Il será agora tu este poeta
que alenta o teu alento e bombea teus sangues
e te relembra amada avoa altiva escrava
en terra de lobos?
|
|
|
![]() |
![]() |
© 2006 Biblioteca Virtual Galega |