Supervivencia ou suicidio

 

[Texto íntegro]

 

O valse da voda

     Hai un tipo de psicopatoloxía chamada TLP (Trastorno Límite da Personalidade), máis coñecida no seu nome inglés, Borderline. Os enfermos desta grave doenza relaciónanse moi mal co resto da xente, o seu senso de identidade é moi feble e, dunha maneira reiterada, tenden á autodestrucción, é dicir, ao suicidio.
     Velaí tendes o que lle pasa ao galego e aos galegos. Somos, cultural e antropoloxicamente falando, borderline. Relacionámonos moi mal entre nós, o noso senso de identidade é delgadísimo e sen dúbida, tendemos á autodestrucción. É como se nos molestase ser pobo; é como se non quixeramos ser nós.
     Que estamos mal da cabeza non precisa moitas argumentacións. Somos o único pobo do que teño noticia con este temperamento suicida ao respecto do propio. Dito máis en fino e como máis científico: seguimos a perder falantes e o galego non consegue converterse nunha lingua de prestixio social. Non o vivimos coma normal. Pero a explicación é sinxela: o borderline non vive nada coma normal.
     Ao borderline cústalle aturar a vida. Por iso digo aquí e agora que cómpre que tomemos unha decisión de vez, insisto, sobre todo, polo cansazo enorme que supón vivir, falar e escribir nunha lingua (dentro do país propio desa lingua, isto é importante lembralo) ao mesmo tempo que temos que dar explicacións de por que o facemos, ao mesmo tempo que temos que andar a xustificar por que educamos ao nosos fillos en galego, ao mesmo tempo que temos que argumentar sobre a nosa teimosía en facer literatura en galego, co ben que nos iría (falo de vendas, claro) facéndoo en castelán, ao mesmo tempo que... Cansazo. Fastío. E, sobre todo datos: as consellerías gastan e gastan cartos en campañas de normalización que de nada, absolutamente de nada, semellan valer. E lamento ser tan politicamente incorrecto. E asumo que me odien a partires de agora por dicir estas verdades (os borderline somos así: directos, duros, definitivos), pero o certo é que cada ano gástanse máis e máis cartos en campañas e cada ano constatamos que hai menos e menos falantes... en especial (e isto é para preocuparse moito) entre a mocidade... en especial (e isto é para preocuparse aínda máis ) entre a mocidade urbana.
     Daquela, volvo onde estaba. Hai que tomar unha decisión. ¿Supervivencia ou suicidio? Así como soa. A situación é extrema e na medida en que está tan radicalizado a traxedia e o problema (que unha cultura vaia esmorecendo de vagar, coa colaboración consciente dos seus membros, é sen dúbida unha traxedia e un problema), cómpre tirar cara algún lado. A inmobilidade é canceríxena. Hai que sandar ou morrer.
     Se optamos, como parece que vimos facendo desde sempre, pero moi en especial desde que o galego xa non é oficialmente perseguido, e hai ensino en galego (é dicir, desde a democracia), polo suicidio, daquela, non hai nada que facer. Cómpre con que nos deixemos levar, e pragmáticos e intelixentes nos esquezamos do idioma e aprendamos inglés e chinés, que os cartiños virán por aí. Pero, se pola contra, optamos pola supervivencia, daquela, hai que radicalizarse. Hai que radicalizarse, ademais, dunha maneira absoluta. Porque a situación é crítica cómpre que as posibles solucións sexan igual de extremas. Direino cunha metáfora para non soar tan duro: hai que anegar toda a sociedade de galego, pero anegala absolutamente, galeguizala ata os máximos posibles, anegala da lingua nosa ata que sexa imposible notar a súa presenza. Porque a día de hoxe, como a situación é anormal, en canto se inicia calquera campaña en plan "fala galego, que bonito", nótase un mundo a artificialidade, é dicir, que é, precisamente, campaña. Hai que esquecerse de bilingüismos harmónicos e de diglosias. Hai que deixar de falar de convivencia lingüística entre os dous idiomas unha vez constatado o feito de que a tal convivencia está levando, entre outras cousas, á desaparición dunha delas, é dicir, que conviven mal. Haberá que poñer o galego en todas partes, todo o tempo e sen dubidalo. A política de porcentaxes, como ata agora levamos, non é máis cá unha sutil forma de suicidio colectivo.
     Ou algo así ou a morte.
     A situación é dramática. A vida é dramática sempre para un borderline. A realidade é difícil de entender para un borderline (como non imos estar toliños vivindo nun país que se chama de dúas maneiras -Galiza/Galicia- metáfora perfecta da nosa esquizofrenia cultural). Pero hai terapias.
     Outra cousa é que non nos apeteza curarnos.

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega