![]() ![]() |
Terra á vista; El burato de Andrés el cempés |
||
|
"O burtao de Andrés, o cempés" |
|
v3xavierfriascempes.html
DRAMATIS PERSONAE
• O CEMPÉS: ten un problema dun furado. Deberá ser feito por tres ou cuatro nenos.
• O REICHÍN que é o presentador.
• As tres CASCUDAS
• A FORMIGA repartidora de pizzas.
• As MOSCAS, cuxo número é variable, dependendo das necesidades.
• O ESCARAVELLO médico
• A AVELÍA enfermeira
• As tres ou cuatro ABELLAS da primeira reparación
• A LOMBRIGA da segunda reparación
• A ARAÑA.
• As dúas AVESPAS policías
Madrid, Maio de 2000
Ano de Murguía
ACTO I
Escena 1
O fondo do escenario será de vexetación mesta e vizosa. Estamos no mundo dos insectos, de xeito que as follas e as flores que se vexan no fondo han ser xigantes, como se os espectadores tamén elos fosen insectos.
Se for posible, habería ouvirse, cuando se retire o telón, o pirlo dos paxaros, que soará durante uns segundos mentres o público se familiariza co escenario.
Se houbese música, daquela irá baixando o ton até dar desaparecido.
Daquela entrará de sotaque un reichín. Ela é a NARRADORA. O reichín entrará por un lateral e dará un par de voltas polo escenario en círculo dando puliños e cantarexando. Deterase no centro e dirixirase ao público.
Reichín Ola, amigos. Permitídime primeiro que me presente. Son Xoán o reichín. Non sabedes a última? Non? Pois aconteceu aquí en Bechanova, a nosa aldea dos bechos (pausa breve). Que non a conecedes? Ben, pois vóuvola contar, aínda que os meus amigos sempre dicen que son unha cuntapeira, mais eu quero ser, de verdade, xornalista da prensa amarela e...
Voz de fondo
(Con ton severo e algo enfadado) Reichín...? Ou contas a historia como é debido, ou buscamos outro narrador. Entendido?
Reichín
(Queixumento) Ai, vale, vale! Xa abonda! Que xenio ten vosté! Ben, como ía dicendo, todo comezou hai varias noites, condo varias cascudas voltaban para a casa despois de iren de murga e tropezaron con Andrés, o cempés...
O reichín retírase para un lateral, que a partir deste momento, será onde quede cuase toda a obra. Estará visible mais non participará nas acciois.
Escena 2
Entra lentamente o cempés e déitase cara ao fondo do escenario, como se estivese durmido.
Axina entran tres cascudas que van collidas cos brazos polos ombreiros. Móvense desde un lateral do escenario cara o punto onde está o cempés, fendo eses.
As cascudas irán cantando:
A cascudía,
a cascudía,
xa non pode camiñar,
porque lle falta,
porque non ten xa
as dúas patías de atrás...por suposto coa música da célebre canción de "La cucaracha". Cantaranno tantas veces como sía preciso no sou percorrido desde o lateral até o sito no que se atopa o cempés. Condo as cascudas chegan xa ao centro do escenario cara atrás, pisan a traseira do cempés.
O cempés largará un laio doloroso. As cascudas céibanse e quedan mirando para o cempés que se incorpora do sono.
Cempés (con muita dolor) Ai, a mía cola!
Cascuda I
Pero se tu non teis cola.
Cascuda II
Solo teis pés.
Cascuda III
Por qué non nos regalas algún?
Cempés
Ai, ai, ai (laios esaxerados). Mancástesme ben... Ai, ai, ai...!
O cempés segue a queixarse coas cascudas arredor.
Reichín
Aquel accidente foi fatal para o cempés. E decataríase axina, á hora da cea.
As cascudas salen como entraran, cantando, aínda que xa desaparecen máis rapidamente do escenario.
Escena 3
Entrementres, o cempés móvese cara a dianteira do escenario.
Cempés
(monologando) Como me mancaron esas cascudas. Debían poerlles unha multa por alborotadoras. Sempre están de xoldra e non ven por onde van... O outro día pisaron as antenas de Antón o saltón e agora, condo salta, tropeza con todo o mundo (pausa breve). En fin, vou cear que teño boa fame. E que fago? Vou a un restaurante ou pido comida a domicilio? Como me dolen muito as patas de atrás, vou pedir a comida.
O cempés saca un teléfono móbil e marca cinco números. Agorda uns segundos até que llo collen.
Cempés
Teleformiga? Ah, boa noite. Quería pedir unha cea... (pausa) A ver, quero unha pizza de pole... que non tein? Pois unha de repolo con pelos de pata de mosca (pausa). E tardarán muito? (Pausa). De acordo, espero...
Cuase que non da dito as últimas palabras, condo se escuita un ruxido de motocicleta, mais está feito coa boca. Entra ás carreiras unha formiga con casco, que monta nunha moto imaxinaria. Nunha mao sostén unha caxa plana na que vai escrita a palabra "pizza". É bon que a formiga dea dúas ou tres voltas polo escenario.
Fai o xesto de parar na moto e descender dela. Vai ao carón do cempés.
Formiga
(ao cempés): A súa pizza.
Entrégalla, e antes de o cempés gurgutar, a formiga fai o xesto de arrincar e volve por onde entrara, fendo o mesmo ruxido dunha moto.
Cempés:
Esta formiga está coma unha moto... En fin, eu vou comer, que teño demasiada fame.
Non abre a caxa, senón que a engole toda enteira, coa pizza dentro. E logo déitase a durmir, bocexando e espreguizándose. É bon que se vexa que o estiramento o fai con todas as patas, como se fose un ritual.
O reichín sale ao centro
Reichín:
Non sabedes a sorpresa que levou á outra mañá o coitado cempés. Aquela cea non lle ía caer ben! Ben, de feito, a cea caéralle ao chao. Porque, á outra mañá, condo acordou, ía un sol espléndido, cos paxaríos cantando, as avelías enhalando, os nenos indo á escola, as...
Narrador
(mui serio) Outra vez, reichín? ¡Conta a historia ou buscamos outro insecto que o faga por ti!
Reichín
Está ben, está ben! Eu namais quería ser simpática. Pois ben, á outra mañá, o cempés encontrouse que estaba morto de fame, como se non tivese ceado.
Vese ao fondo o cempés levar as maos para o bandullo.
Reichín
Portanto, decidiu pedir outra pizza (o cempés colle o teléfono e chama, mais non se lle sinte falar -aínda que se pode escuitar un murmurio de conversación), ou mellor tres, porque é un cempés tragón.
Axina aparece a mesma formiga repetindo o ritual de enantes. Agora leva tres caxas de pizza que deixa ao cempés e lougo lisca fendo novamente a moto. Inmediatamente, o cempés vai metendo unha a unha as caxas pola boca
Reichín
O cempés almorzou outras tres pizzas, unha de polveira de alas de avelía, outra de manchas de cogorzo e a terceira de babas de cosco... Mais, sabedes o que aconteceu? Ollade atentamente.
Cempés
Aínda teño fame! (fai esparabais e berra) O que me está a ocorrer? Como e como pero non me dou enchido. Haberei chamar ao médico...
Reichín
E así foi. O cempés foi á consulta do doutor escaravello.
Telón
ACTO II
Escena 1
O reichín narrador volve apacer no sou recanto. O escenario é o mesmo, mais agora améceselle unha mesa e unha cadeira cara ao fondo do escenario.
Tras da mesa está sentado un escaravello. Se fose posible habería levar bata branca e debería levar algún instrumento médico, coma o fonendoscopio. Condo comeza a escena, o escarevello está sentado a escribir, concentrado na súa actividade, mentres repite de condo en vez: Receitas, receitas, receitas...
Reichín
Esta é a consulta do doutor Escaravez, especialista en problemas de fame, gases e bocexos. Aquí é onde vén o cempés...
Entra unha avelía que é a enfermeira, vestida como tal, e que se achega ao doutor para lle anunciar que ten un paciente. O doutor ergue a cabeza condo lle falan.
Avelía
Doutor, aí fóra hai un cempés que diz que ten un problema xigante, mais a min me parece que o que lle pasa é que está chen de patas e debería poerse a réxime para...
Voz de fondo
Señorita avelía, limítese a anunciar o paciente, por favor.
Avelía
Está ben, está ben... (ton resignado). Pois eso, que ten un paciente.
Escaravello
Que pase, pois...
A avelía sal e o doutor queda mirando para o recanto polo que desaparece ela.
Escena 2
Entra o cempés lentamente e sitúase ao carón do escaravello.
Cempés
Boa noite, doutor.
Escaravello
Bon día, quererá vosté dicir.
Cempés
É que eu aínda non lle ceei.
Escarav.
E non almorzou?
Cempés
Tampouco.
Escarav.
Está a réxime, daquela?
Cempés
Non, porque ceei unha pizza e almorcei outras tres.
Escarav.
Pois, por que dixo que está en xexún? Se non me fallan as contas, desde onte de noite vosté ceou cuatro pizzas.
Cempés
Si e non.
Escarav.
¿Estase a rir de min?
Cempés
Non, doutor. Deixe que me explique. Si que comín as cuatro pizzas, mais esta mañá atopeilas no chao, enteirías.
Escarav.
¡Ouh, ouh, ouh! Así que se trata deso. Pois élle ben grave. Déixeme examinalo...
O médico colle unha lupa e percorre ao cempés rapidamente da cabeza até a traseira. Condo chega á fin, o escaravello dá un pulín de ledicia.
Escarav.
Atopeilo!
Cempés
Que cousa? Un pedazo de pizza?
Escarav.
Non, a causa da súa fame. Ten vosté un furado na traseira.
Cempés
(ton dramático) Un furado? Ai, madeus! E agora que feirei? Toda a comida vai sumir por aí... morrerei de fame!
O cempés bótase a chorar. Failo mui ostentosamente, movendo as maos e berrando.
Escarav.
Eu non lle podo fer nada. Non sóu cirurxán e tampouco non conezo ningún por aquí.
O narrador vai para o centro do escenario mentres o doutor e o paciente seguen a falar, mais o público xa non escuita o que dicen.
Reichín
Despois daquelo, o escaravello estaba mui preocupado. Os pisotois das cascudas fixéranlle un furado e agora a comida escapáballe por el. Se non llo tapaban inmediatamente, a fame acabaría co cempés (o reichín vaise movendo cara o sou recanto habitual). O doutor namais puido propoerlle colocar un anuncio ambulante nunha lombriga... (dáse retirado cara o recanto).
Escena 3
Entra de vagarín a lombriga. Leva dous anuncios apegados en cadansou lateral. En ambos deles diz:
Cempés famento procura
becho experto en arranxar furados.
Teléfono: 1123
Todo o público ha poder lelo. Se fose preciso, a voz de fondo pode lelo en alto. A lombriga ha pasear dúas ou tres veces polo escenario amosando o letreiro.
Telón
ACTO III
Escena 1
De novo o escenario do acto I, xa sen mesa nin cadeira do médico.
O cempés fica no fondo do escenario a agordar aquelos que poidan vir axudalo.
O reichín narrador fica no sou recanto.
Reichín
Muitos bechos chamaron ao cempés para botarlle unha mao. Mais como eran tantos, houbo citalos un por un... Primeiro chegaron as formigas.
Entran dúas ou tres formigas que se achegan ao cempés.
Formiga 1
Boas.
Cempés
Boas... que?
Formiga1
Boas... as mañás que temos.
Cempés
Ah, é un saludo. Pois boa mañá. Mais eu teño muita fame!
Formiga 2
Imos ver o sou furaco.
Cempés
Non, que me dá vergonza...
Formiga 2
Daquela, non llo poderemos amañar, porque ás toas non traballamos.
Cempés
Está ben...
As tres formigas sitúanse na traseira do cempés e faen un corrín arredor con muito rebumbio. Pásanse uns segundos así, con elas a tapar a visión do público coas súas costas e cabo duns segundos vanse por onde chegaran, fendo aínda muito rebumbio e despedíndose coa mao.
Formigas
Abur, abur, abur... Xa está!
Cempés
(féndolles aceno coa mao) Gracias, gracias, gracias...
Reichín
(mentres salen as formigas e o cempés queda a ollar para a súa taseira) Mais as formigas non foron quen de arranxar o problema do cempés, porque simplemente lle puxeron un lazo vermello. Era mui bonito, mais non valía para nada.
Daquela o cempés tira do lazo e desfai o nougo. Queda co lazo na mao, ollando pampo para el
Reichín
Despois, veu na súa axuda a mosca...
Escena 2
Entra no escenario unha mosca. Ela vai dereita para o cempés. Nas maos leva un vulto misterioso envurullado nun trapo.O público non pode ver de que se trata.
Mosca
(mui solemne) Querido amigo, eu téñolle a solución aos sous graves problemas...
Cempés
(laiándose todo) Ai, ai, ai... faga algo para me tapar ese furaco, por caridade. Teño tanta fame que comería un cabalín do diabro enteiro, ou mesmo unha andolía...
Mosca
Está ben... Déixeme ver.
A mosca colócase á beira da traseira do cempés. Dá as costas ao público. Cantarexa cualquera cousa mentres traballa e bota así uns segundos. Condo remata, volve para o lado da cabeza do cempés limpando as maos co trapo que levaba.
Mosca:
Pronto.
Cempés
Xa? E como o amañou?
Mosca
Sinxelo. Peguei todo cunha substancia máxica que toman sempre os humanos. Chámanlle goma de mascar.
Cempés:
Gracias, muitas gracias...
Mosca:
Pois deiquia outra.
A mosca vaise pola banda.
Escena 3
O cempés érguese e móvese polo escenario, dando mesmo algún pulín. Ponse de cara ao público.
Cempés:
Vou celebrar que xa estou curado pedindo unha boa pizza. Teño tanta fame!!
O cempés saca o teléfono móbil, mais antes de que dea marcado o terceiro número, xa está entrando a formiga repartidora fendo o ruxido dunha moto. Detense diante do cempés
Formiga
A súa pizza (ofrécelle unha caxa de pizzas ao cempés).
Cempés
Gracias (abraiado)... Pero, como soubiche...?
Formiga
É que son un profesional.
Cempés
Xa vexo...
A formiga saluda levando a mao ao casco e dáse media volta para voltar por onde entrara, fendo o ruxido da moto. Entrementres, o cempés engole a pizza de novo con caxa incluída.
Mentres fala o reichín a continuación, o cempés estírase e bocexa. Lougo déitase no chao e bota unha sesta.
Reichín
Pensades que aquí acabou o problema do cempés? Pois non, amigos, porque a cousa aínda foi a peor, espantosamente peor, horriblemente peor, rematadamente peor...
Voz de fondo
Narrador! Outra vez?
Xoaniña
De acordo, de acordo. Pois como ía dicendo, aquela cousa pegallenta chamada goma de mascar permitiu ao cempés comer na pizza, mais condo quixo moverse, ficara apegado ao terrén sen poder desprazarse nin para adiante nin para atrás.
Vese como o cempés, entrementres, desperta e tenta moverse, mais algo llo impide pola traseira.
Empurre e empurre da súa propria cola até que se dá desapegado, mais a goma de mascar, que é unha masa dunha color chamanteira -o público ha distinguila ben- queda polo chao.
Lougo o cempés vaga polo escenario (dá unha ou dúas voltas, mentres fala o reichín), até que se perde por un lateral do escenario.
Reichín
O pobre cempés volvía ter o sou furado. E andou e andou sen rumo, até que caeu... nunha tela de araña!
Telón
ACTO IV
Escena 1
O decorado amosa unha tela de araña para o fondo (con que esteña simplemente debuxada abonda). O cempés estará deitado no chao apoiado contra a tea de araña, como se estivese inmobilizado, apegado a ela.
Unha araña avanza desde un lateral cara ao centro, ao carón do cempés, quen, até daquela, apenas tratara de zafarse do sarillo, mais desque ve a araña ponse a berrar como un tolo.
Mentres se produce o lentísimo avanzo da araña, o reichín explica o que está a acontecer.
Xoaniña
En Bechaoova todos temen a araña. Pensan que é mui ruía e que o único que ela quer é engulir insectos, mais enantes envurúllalos nun fardelín feito coa súa tela pegallenta. Por eso, non ten amigos e ninguén lle fai nunca visitas nin a convida a ver os partidos de bolacesto entre os saltois e as chicharras...
A araña por fin chántase xunto ao cempés, que larga o berro máis espantoso que se poida ouvir.
Cempés
(aterrado) Non me faga nada, señora araña! Eu sonlle inocente de todo, ía escuro e non vin nada, non sabía que esta era a súa tela...
Araña
Pero se é mediodía...
Cempés
Si, mais eu son algo pitoño... (retoma o ton aterrado). Descúlpeme, descúlpeme, perdóeme, perdóeme, disimule, disimule...
Araña
Non fai falta que o repita todo dúas veces.
Cempés
Se quer, dígolo até tres.
Araña
Tranquilo, que non estou xordo e entendo o eonaviego muito ben.
Cempés:
De acordo, e vaime comer agora ou máis tarde?
Araña
Eu agora non teño fame. Ademais, estou a réxime e como abondo pouco ultimamente.
Cempés
(relaxando algo) É un consolo. Daquela, pensa prepararme con mollo picante, con cogorzos ou simplemente á prancha?
Araña
Nada deso...
Cempés
Daquela, quer comerme cru...
Araña
(xa algo molesta) Que maneira de dar o badallo! Eu non o vou comer a vosté!
Cempés:
(mui abraiado) Ah, non? E lougo?
Araña
Porque eu lle son vexetariana. Solo como trévole, e se é de cuatro follas, mellor aínda.
Cempés
Eu pensei que (avergonzado), que, que...
Araña
Vosté pensou o mesmo que todo o mundo, mais nunca ninguén me deixou falar.
Cempés
Síntolo muito...
Araña
A propósito, eu pódolle arranxar ese furado que ten aí na traseira...
Cempés
De verdade?
Araña
Claro, coa miña tea. Eso apégalo todo.
A araña ponse a argallar na cola do cempés, o cual ás veces rise como se lle fixesen cóxegas.
Cempés
¡Ha, ha, ha!
Escena 2
Mentres a araña repara o furaco, entran no escenario dúas avespas.
Ambas delas levan un casco no que vai escrita a palabra POLICÍA.
Entrambas abéiranse até o lugar onde a araña e o cempés están. Colócanse a cadansou lado sen fer ningún comentario. A araña está a coser no furado cunha agulla de tecer, que ha ser dun tamaño considerable para o público vela perfectamente. Nin a araña nin o cempés, que mira o traballo, decátanse da presencia das avespas.
Avespa 1
(á súa compañeira) Menos mal que pasamos por aquí.
Avespa 2
(con voz de fato) Si , porque esto é un timbre.
Avespa 1
Un timbre? Será un crime.
Avespa 2
Eso, eso, un quimbre.
Avespa 1
Por fin pillamos a araña coas patas na masa.
Avespa 2
Coas masas na pata, si...
Avespa 1
Poderemos acusala de, de...
Avespa 2
... e desoutro...
Avespa 1
... e mais daqueloutro...
A araña detense. Rematou o sou labor.
Araña
Xa está! Rematei.
Avespa 2
¿O sou quimbre?
Araña
Que diz?
Avespa 1
Non da comido o cempés?
Araña
Non, mire para el, está aquí enteirín.
O cempés saluda coa mao.
Avespa 1
Non o catou nin un pouco?
Araña
¡Carape! Non lle comín nin unha patía, aínda que eso non se ía notar.
O cempés érguese e sepárase da tela de araña.
Cempés
(mui contento) Que ledo estou!
Avespa 1
Non o comprendo.
Cempés
Verá, a araña é a mellor tecedora do mundo! Ela solía arranxou o meu furado. E non me mancou nada nadía.
Avespa 2
Viva a araña!
Cempés
Vou anunciar a toda Bechanova que a araña é unha vecía fantástica e que todo o que pensábamos dela é mentira.
Araña
Tamén que son unha boa tecedora?
Cempés
Non, eso non. Veña, bríndovos unhas pizzas para celebralo, porque estou morto de fame...
Araña
A mía pode ser de trévole?
Os cuatro salen por un lateral do escenario cantando e mui ledos.
Escena 3
Condo xa dan salido, o reichín vai para o centro.
Reichín
E esta é a historia. Agora a araña é un membro mui querido e respectado en Bechaoova. O cempés pode comer o que lle pete sen medo a que lle suma por un furado. E conto a min, vou mercar uns billetes para viaxar en vacaloura até África, porque o clima de aquí xa vai algo húmido e eso é fatal para a reuma. Porque teño uns parentes en Marrocos que dicen que...
Voz de fondo
(interrompendo) Reichín! O noso tempo rematou. Despídase rapidisimamente.
Xoaniña
Rapidisimamente? Abur!
E o reichín lisca por un lateral a toda a velocidade
Telón
|
|
|
![]() |
![]() |
© 2006 Biblioteca Virtual Galega |