Teatro en Israel

 

(Texto íntegro)

 

v2diazpardoteatroenisrael.html

     Comedia, menos divina que a do Dante, realizada en escenario dixital en ondas de alta frecuencia semi-electro-magnéticas, imposible de interferir. (Os parecidos coa realidade son pura coincidencia).

Busche: -Artiel, non teño máis remedio que decir que o meu pedido de que te retires dos territorios que ocupache e que deixes en liberdade a Arafate o digo en serio. Pero ti non me fagas caso, o digo só para a galería. Ti sigue zoupando neles até que non quede un deses que son capaces de morrer matando antes de deixar esta terra.
Sarrón: -¿Non haberá perigo de que escoiten o que me dis?
Busche: -Non, Artiel. Só ti coñeces a clave.
Sarrón: -Ti moito dis, mais póñenme todos a parir dicindo que o terrorista son eu. E ti tampouco te salvas.
Busche: -Non fagas caso e berra máis que todos eles xuntos: só axustizas a terroristas. Acórdate do adaxio dos xitanos: «Chámalle pai antes de que cho chamen». E como nós temos máis e mellores medios de comunicación a xente remata crendo o que a nós nos interesa.
Sarrón: -Non estou tan seguro do que dis. Estamos rodeados de países árabes que teñen o petróleo que lle interesa ós seus amigos. E o Sadame xa deixou de exportar cru... Se os demais fan o mesmo...
Busche: -O que o vai ter cru é o Sadame ese. Xa temos unha relación dos iraquíes que hai que eliminar que a facilitou a CIA, e pode tocarche a ti ir a por eles, que nesto xa tes demostrado ser mestre. O Sadame é un idealista como eses que morren matando polas súas ideas. Os que mandan noutros países árabes son realistas como nós, incapaces de morrer por algún ideal. O que lles interesa é compartir con nós o negocio. Confía en nós que temos o poder... ¿Non ves que caladiños están os europeus que son os únicos que podían amolarnos? Témolos amarrados cun adival financeiro, e algún cipaio vendeunos a nós as súas fábricas de armas. ¿Que poden facer?
Sarrón: -Quixen acabar con Arafate e poñer a un apaniaguado no seu sitio, e non me deixache...
Busche: -Pensamos que era mellor acabar con el doutro xeito. O matalo podería ser perigoso. Eso dos mártires cando teñen sona a xente cre neles.. hai que miralo moito. É mellor facerlle unha vida imposible e que morra de morte morrida. Ti, aínda que eu diga o contrario non cedas na masacre. Podes discutirme e dicir que non me fas caso por pura supervivencia.
Sarrón: -Se non me autorizas a matar ós principais, non vexo solución, porque matas a un terrorista e aparecen sete máis. ¿E se as cousas non van como pensades e os árabes fan o mesmo que o Sadame?
Busche: -Entón a nosa base militar ahí, que tes ti na túa man, demostraralles a súa eficacia a todos. Faime caso e non penses. Di só que todo vai ben como fan os de Madrid.
Sarrón: (Retirándose do aparello) -Eses cabróns moito saben. Eu serie só o asasino...
Busche: -¡Deus nos colla confesados!

Publicado en La Voz de Galicia o 15 de abril de 2002.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega