Unha pequena escolma

 

(Texto íntegro)

 

modelo

Poema 1

Desdeñosos cisnes, como icebergs

Co mar as naus, a maré inexplicable, os cetáceos estraños
as cósmicas reflexións dos filósofos no xardín aberto ás Cícladas
as profetisas do océano
os barcos ata Armórica, Cornualla, Gales, Irlanda, Escocia
a epigrafía das Burgas
os mosteiros nestorianos, os cupresos de Salustio
a elegancia dun pórtico nunha paisaxe erma
o negro sangue que avermella no cárcere de Tréveris
a doutrina dos Eons: Eucrocia, Prócula, Urbica, Hipatia, Trahamunda, Exeria
Os miñotos peixes con letras e cifras de presaxio
o imperio do terror, a final desesperanza romántica
o corazón de Bruce, o rei
BE TOM ATRON SAMBIANA, ATRON DE LABRO
o refluxo dun ecuador brasileiro, congolés, indostánico, malaio
a metamorfose de Adonis-Atis
o baile das damas
a política
a ciencia
as Investiduras
a Dieta imperial
a tiara das tres coroas.
Do Gulf-Stream as rápidas correntes
e as feras sirtes e as ásperas rompentes

Así é como eu imaxino o paradiso
o paradiso é un lugar murado
no paradiso éntrase por ósmose
no paradiso están as pombas e a rede que serve para atrapar as pombas
hai vexetación
pode ser un ermo
un libro
un camiño
 nacer, nácese sempre en terra estrana

entón o astro é dous
Terreal
cadrado
catro

                                                                               (homenaxe a Ramón Otero Pedraio                               
                                                                                para Xosé Luis Méndez Ferrín)
                                   
                                                                                                                       (m-Talá)



Poema 2


A voz era pánico
e desexaba, insistía, ter hábito(s) no poema
.........................

pero non todo pode ser transportado (non a voz, desde logo)

si o espírito que invade ao bardo, entre as uces irtas

e porque chove, os habitantes do poema teñen que abrir os seus paraugas // sacan o que levan dentro e búscanlle acomodo fóra

[só porque ti pousas a mirada no texto, podo comezar coas solucións]

isto é o que consegue Cabaleiro Amábel, facer que seres alienados se presenten ante o mundo, e moi ao seu pesar, como persoas ceibes

pero só a voz empasta as tres historias
a voz que a escritura non acubilla

así pois, un poeta é un ser ancián.

Máis que entrar o mundo dentro do poema
botar por fóra a escritura, como unha lava lene e transparente, muselina

tanto ceo
tanta primavera

ves, isto é un acto político: torcerlles a vontade aos que obedecen

pero falta o contexto.
  
E que dicir dos soportes!, cando xa o papel non atura e só é concibíbel unha parede e a
proxección de letras dixitais (seguramente nun museo ou nos paneis da autoestrada) ou
esas mesmas frases envolvendo como cintas luminosas os corpos dos viandantes que
dialogan sobre o voar das aves ou os bucles dos miñatos que se mimetizan coas árbores
cando estenden as ás coma un niño

a teoría é esa violencia ética do intanxíbel

e está o problema do eu, cantos?, e das situacións

prefiro o meu pánico a entrar nas librerías, excluíndote a ti, que me abandonas en calquera
lugar, sen cartos, ou dentro do coche sen freo de man. Visitamos unha cidade para lembrar
os edificios das cidades

os soños non son teoría, e agora temos que quedar aquí porque ti non queres espertar,
neste palacete de urbanización privada, con outros moitos e moitas da nosa condición; esta
noite os nosos asasinos están bébedos ou pechados no váter.

dunha vez por todas nada hermético, nin críptico (que nunca nosoutros escribimos) e pono
xa en órbita, con todos os nosos espléndidos  matos e carqueixas.

(inédito)



Poema 3


PORQUE NON É SÓ O IDIOMA O QUE ESTÁ AMEAZADO
SENÓN A NOSA PROPIA CAPACIDADE LINGÜÍSTICA, sexa cal sexa
o idioma que falemos

A LINGUA É PRODUCCIÓN, a lingua produce, produce COMUNICACIÓN
PRODUCE PENSAMENTO, PRODUCE CAPACIDADE POÉTICA,
produce ganancia e beneficio, PRODÚCENOS como HUMANOS,
prodúcenos como FELICIDADE

A lingua é PRODUCCIÓN, de aí os intentos do CAPITAL por PRIVATIZAR
a lingua, por deixarnos SEN PALABRAS

_____________________________

A LINGUA, calquera LINGUA NO CAPITAL, tende ao esvaecemento,
tende a converterse en algo que se consume. En algo que xa non
PRODUCIMOS os falantes, senón que o CAPITAL, no seu intento de
privatizarnos, PRODUCE PARA NÓS

_____________________________

No CAPITAL os creadores da Lingua, os falantes, pasan a ser

CONSUMIDORES; a Lingua, calquera Lingua no Capital, pasa a ser un
producto de consumo, o mesmo que calquera outra MERCADORÍA

_____________________________

LINGUA-SERVIDUME LINGÜÍSTICA
KAPITAL-KILLER
ASASINA

                                                                                    (con Paco Sampedro)

                                                                                    (m-Talá)



Poema 4


Ese alguén que acompaña a Cambria a cortar o pelo son eu

mentres peitean a miña nai enredo, gústame o arrecendo químico das permanentes, os
tubos para moldear e tamén, as lacas, o espello negro que serve como anuncio -As dúas
irmás-, como un reiseñor e unha andoriña (non cantan)

        [só un instante

        non poder dicir nunca nada sobre os ceos, nada sobre a chuvia, nunca sobre un
        rostro
        ceo pétreo-veloz

        entrar desde as montañas?

elixo un corte igual ao dunha nena-modelo-fotográfica e creo firmemente que me
converterei ou serei transformada nela

cando acaban visualizo o meu rostro, un rostro que nunca poderá ser outro; é o rostro de
alguén que nunca poderá coincidir co seu nome

esa idea “ningunha face poderá nunca...”  é 40 anos posterior e constata que antes de falar
fomos unha especie sen lingua

son, entón e para sempre, a estraña que acompaña a Cambria e que inmediatamente, ao
situarse fronte ao espello, nunha perruquería, vai ter un rostro

quen sabe que non mudará e que escasamente coincide con ningún nome, sabe da morte

este rostro é un eu montaña

*
E continua alzando as maos, pequenas que revoan áxiles expresivas cos seus aneis de
esmeralda e brillantes e na mocidade unha rosa de Franza.

                                                                                   (inédito)



Poema 5

- o que vostede escribe é representativo?
- nada representa, produce
- busca un significado?
- nada significa, funciona
………………………

- trátase dunha lingua metafísica?
- non, trátase dunha lingua transcendental
- ideolóxica?
- non, matérica
- edípica?
- non, esquizofrénica
- imaxinaria?
- non, non se trata dun idioma imaxinario, trátase dunha lingua non
figurativa
- simbólica?
- non, é real
- estructural?
- non, maquínica
-molar, gregaria?
- non, molecular, micropsíquica e microlóxica
- expresiva?
- productiva

                                                                                   (Charenton)



Poema 6

Que na Arca ía todo canto hoxe podes ver
—e a Quimera?
tamén o leopardo de moitas as
e as árbores floridas
—e cantabas?
cantaban as olas á fertilidade
amparando os ceos
nas tellas
nos tellados
cantaba Delfina Eydé apañando o corvo no centeo
cantaba co abrigo novo
pelando améndoas
sachando nas cebolas
—e Elías?
cantaba Elías:
“eu estaba na cas
a de Laro, e vinos, aos maquis
e detrás íalles a Garda Civil, e eles abriron as gabardinas
sacáronlles de metralleta e
tracatracatrá tracatracatrá”
e a Esfinxe recitaba enigmas e violaba os mozos agonizantes,
antes hipnotizábaos
e estaba Helena, a destrutora de naos
e Penelopea
e unha muller que dicía ser provedora de lunares azuis da raíña das illas de
Derek Walcott
e unha anciá, moi minguadiña
e esta estaba dentro dunha botella, e tiña un xardín, moi en desorde
e nas árbores, pendurados de pinzas da roupa, de plástico, translúcidas, os oráculos
e dicía que cada quen collese o seu
que ela xa non atendía
e ao seu carón medraban a mandrágora e o fiúncho
e unha ponla dourada
e alí era a Boca
a Furna dos Avernos
e tiña un galo
vestido de militar
e o galo dicía
—quero ..............
............................................................................................................................................
—e había Circo?
....................................................
que todo é na Burata dos Infernos
—había.                              

                                                                                    (A ponte das poldras)



Poema 7


pregúntome se nesta frase caben todos os teixos da cidade libre de París, todas as miñas reflexións acerca da linguaxe  a palabra que pecha o edificio lingüístico é a mesma que se abre ao dominio do vento  foi entón posible cruzar non un senón dous, tres, infinitos arcos da vella, cada portal e a froita; desexaba pronunciar para ti: ónice, dicirche que Camille esculpiu  Le vague  e tres figuriñas en bronce; non saberemos nunca se as augas son  fertilidade, deriva. Soñei cos vertedoiros, coa libido do rei ou máis ben coa ausencia de libido no rei, fronte ao estanque; sobre a carencia absoluta de desexo, nunha arte que carece de paixón e só dispón do cálculo e da estética do cálculo para trazar as liñas mestras do seu oficio. As augas, como unha arquitectura para albergar civilizacións ¡miña irmá! Babel é tempo e Afrodita. Quixen un Ganges de palabras e ¡que terrible a trenza que ten por empuñadura única a miña mao e por emblema o vento! É como espertar dun soño, do corpo, da lingua.

                                                                                    (m-Talá)



Poema 8

 o importante é a perda, todas as outras veces que tiraches. Benjamin explícao moi ben
 cria que era Mallarmé
 de Mallarmé é a metáfora, o razoamento de Benjamin
 ¿e se gañas?
 está o repóquer
 ¿e se volves gañar?
 entón... cómpre variar o xogo… ou cambiar de mesa

                                                                                    (Charenton)




















 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega