Verso e prosa

 

[Fragmento]

 

v2mariavictoriamorenoversoeprosa.html

INTRODUCCIÓN

     Monsieur Jourdain, protagonista de O burgués xentilhome (1), despois dun afortunado ascenso social, quere manter unha relación amorosa cunha dona de alto rango. Verbo da declaración que pretende facerlle, fala deste xeito co seu Mestre de Filosofía:

Monsieur Jourdain —Cumpríame facerlle unha confidencia. Estou namorado dunha persoa de alta linafxe e desexaría que vostede me axudase a escribirlle algo nunha notiña que quero deixar caer ós seus pés.
Mestre de Filosofía —Esta ben.
Monsieur Jourdain —Isto sería elegante, ¿non si?
Mestre de Filosofía —Sen dúbida. ¿Querería vostede escribirlle uns versos?
Monsieur Jourdain —Non, non. Versos non.
Mestre de Filosofía —¿Daquela o que quere é escribirlle en prosa?
Monsieur Jourdain —Non, eu non quero nin prosa nin verso
Mestre de Filosofía —Pois é preciso que sexa unha cousa ou a outra.
Monsieur Jourdain —¿Por que?
Mestre de Filosofía ?Pola razón, señor, de que para expresarse non hai máis que a prosa ou o verso.
Monsieur Jourdain —¿Non hai máis que prosa e verso?
Mestre de Filosofía —Non, señor: todo o que non é prosa é verso, e todo o que non é verso é prosa.
Monsieur Jourdain —E cando falamos, ¿iso que é?
Mestre de Filosofía —Iso é prosa.
Monsieur Jourdain —¿Como? Cando eu digo «Nicole, tráeme as zapatillas e dáme o meu gorro de dormir», ¿iso é prosa?
Mestre de Filosofía —Iso é prosa.
Monsieur Jourdain —¡Abofé! Hai máis de corenta anos que falo en prosa sen sabelo e agora eu sonlle o home máis agradecido do mundo por aprendermo. Gustaríame, logo, poñer nesa notiña: «Belida marquesa, os vosos fermosos ollos fanme morrer de amor». Mais gustaríame dicilo dun xeito elegante, cortesmente expresado.


* * *

     Os personaxes dunha obra dramática —como ocorre tamén, en parte, cos personaxes das novelas— caracterízanse ante o público polo que din e por como o din. Neste fragmento de O burgués xentilhome amósasenos Monsieur Jordain coma un individuo ignorante e consciente da súa ignorancia: quere declararlle o seu amor a unha dona nunha nota que non estea escrita nin en prosa nin en verso e pide axuda ó seu Mestre de Filosofía para facelo dun xeito elegante e cortés. O momento en que a ignorancia deste burgués chega a provocar no lector un sentimento que se aproxima á ternura é cando lle di ó Mestre: «¡Abofé! Hai máis de corenta anos que falo en prosa sen sabelo e agora eu sonlle o home máis agradecido do mundo por aprendermo».
     Nós somos máis estudiados que Monsieur Jourdain, sabemos de abondo que a diferencia entre a prosa e o verso está no ritmo e sabemos tamén que, amais da prosa e o verso, non hai outro xeito posible para expresarse. Mais, se quixesemos facer unha declaración de amor en verso, ¿seriamos quen de escribila ou teriamos que pedir axuda a alguén? Se ese alguén, disposto a axudarnos como fai o Mestre de Filosofía, nos preguntase se queriamos emprega-la arte maior ou a arte menor, ¿saberiamos que responderlle? No caso de decidirnos a escribi-la declaración nós, ¿atinariamos co ritmo que se axeitase mellor ó que quixesemos dicir?
     Ben, non todo o mundo ten a intención de meterse a poeta e este libro non pretende convencer a ninguén para que o faga. Pero vivimos nun mundo poboado de libros que son patrimonio de todos: se sabemos enxuicialos, valoralos e disfrutalos seremos máis cultos, máis sensibles, máis libres e máis felices. ¿É posible que as páxinas que veñen a continuación sirvan para achegarnos ós libros? Iso, ben mirado, non estaría nada mal.


[...]









                    NOTA

(1) Título dunha comedia-ballet estreada en París en 1670. O seu autor é Jean-Baptiste Poquelin, famoso dramaturgo e actor que naceu en 1622 e morreu en 1673. É coñecido polo seudónimo de Molière.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega